A todas as mulleres da comunidade educativa. Nais, avoas, tías, irmás... A todas as que levan catro décadas coidando do alumnado do IES Pedregal de Irimia de Meira e "facendo deles/as mulleres e homes honrados, preparados e de proveito". Ás que traballaron e traballan no día a día, "de xeito silandeiro e obstinado", para que cada escolar poidese "vir nas mellores condicións a este centro educativo co fin de formarse para acadar un futuro máis próspero". A todas elas e, entre todas elas, a unha. A Merche. A que xa non está, pero permanece.
A aula de primeiro de secundaria é a terceira á que se lle dá nome no instituto meirego, logo de poñerlle o de Margarita Ledo á de audiovisuais e o de Sonia Villapol ao laboratorio de bioloxía e xeoloxía. "Vai dedicada a todas as mulleres da comunidade educativa e inclúe unha mención especial á nai de dous alumnos, que era membro do consello escolar en representanción da Anpa e que nos deixou prematuramente", explica o director do centro, Mario Outeiro.
Mercedes García López, veciña de Meira de sempre e moi implicada na vida do pobo, finaba no verán de 2022 aos 51 anos, "deixando un baleiro moi grande na nosa comunidade educativa", tal e como recolle a placa conmemorativa, descuberta nun acto que contou coa presenza da familia de Merche.
Alí estiveron os seus fillos de 15 anos, Zoe e Gael, estudantes de terceiro de secundaria, arroupados por todos os seus compañeiros, e tamén súa nai, Fe, a súa irmá, Tere, e a súa parella, Miguel. "Foi moi bonito e emotivo", recoñece este último sobre a inauguración da aula, na que dende o centro se lles fixo entrega dunhas flores. "Estamos moi agradecidos, de corazón, polo que fan polos meus fillos e polo alumnos en xeral; gustounos moito o detalle e regaláronos un ramo marabilloso que xa levamos ao cemiterio", explica Miguel sobre unha xornada de sentimentos encontrados.
Por unha banda, a tristura, o teren que enfrontarse a esa marea de recordos aínda tan presentes, mais por outra está o orgullo de constatar o cariño que todo o mundo lle tiña a Merche, "unha desas persoas que, cando marcha, sabes que o mundo é un pouco peor".
"O que pretendemos agora é imitar dentro do posible a súa andaina pola vida", di Miguel, que destaca a facilidade e a amabilidade no trato como dúas das características máis senlleiras de Merche, xunto con ese "sorriso co que sempre andaba pola rúa, ela facía o día máis luminoso".
Un pouquiño dese espírito imbúe a aula que a honra a ela e a todas as demais que, como di placa, compatibilizaron os coidados "con outras moitas tarefas e traballos, facendo equilibrios, moitas veces máis propios dun espectáculo circense". E como complemento ao acto e polo 8-M, o alumnado de Eso do IES Pedregal de Irimia escribiu agradecementos persoais ao labor de mulleres salientables da súa vida. Varios dos estudantes leron en público eses emotivos relatos. Para Merche, para unha e para todas.