Memoria reivindicada e viva

Xermolos e Riazor Blues lembraron aos Irmáns da Lexía cunha xuntanza en Santa Mariña e o II Trofeo Bébel no campo do Parga
Ofrenda floral en Santa Mariña. C. PÉREZ
photo_camera Ofrenda floral en Santa Mariña. C. PÉREZ

Un acto de "memoria reivindicada e viva", un "facho para non esquecelos nunca", porque o nome dos irmáns García García "non se borrará da historia". Con estas palabras pechaba Carlos Colmenero, da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, a súa intervención na ofrenda floral do II Memorial Irmáns da Lexía, unha xuntanza promovida por Xermolos e os Riazor Blues en Santa Mariña, onde France, Bébel e Jaurés foron apresados no 36 para posteriormente ser 'paseados' na Coruña. A cita completouse cun xantar popular, a disputa en Parga do II Trofeo Bébel entre o Parga e o Aranga e unha noite de concertos con Nao, SonDaRúa e Nuada.

"Se somos algo, somos pola memoria que teñamos e polo que sabemos", aseguraba o escritor Mero Iglesias, lembrando o tráxico final dos tres mozos e tamén que aínda son outros "moitos os que están nas cunetas, sen identificar", porque "houbo moita xente que pagou coa súa vida o defender a legalidade". Foron "loitadores pola xustiza democrática", como os definía Alberte Vilariño, do Partido Comunista de Galicia, criticando que represaliados coma eles tivesen que compartir nome no rueiro coruñés cos "opresores".

No acto instouse a "aprender do pasado" para que isto "nunca se repita"

Á impunidade deses "asasinos ideolóxicos" referiuse Xosé Lois Losada, de Madia Leva, lamentando que aínda hoxe en día haxa "presos espallados polos cárceres españois" pola súa ideoloxía, unha crítica á que se sumaba Xan Mouriño, de Causa Galiza, que tamén denunciaba a "persecución de símbolos" nos recintos. Ao tempo, agradecía o poder participar "nun acto serio, de memoria histórica".

Tanto Rubén Afonso, da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, coma o nacionalista Paco Jorquera avogaron porque estas reivindicacións e lembranzas axuden a "aprender do pasado" para "que isto nunca se repita".

Antía Calvo, das Xuventudes Comunistas, aseguraba que a xuventude non esqueceu a morte destes tres mozos, igual que nunca puido facelo Selva García, filla de Pepín, o irmán maior, exiliado a Arxentina: "El año pasado vine por primera vez y me costó mucho venir, porque tenía una historia muy trágica detrás", dixo, visiblemente emocionada.

"A través noso seguen vivindo os Irmáns da Lexía e moitos outros", refrendaba o cura de Santa Mariña, Alfonso Blanco, que durante anos loitou contra o silencio e o medo para que se coñecese a súa historia. E é que como destacou a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, "se todos fósemos un pouco máis Alfonso, coa súa tolerancia, diálogo e empatía cos que temos enfrente, ao mellor non tiñamos que celebrar actos deste tipo".

Comentarios