Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

Memoria para mover o mundo

Alfonso Blanco, durante a súa intervención. C.ARIAS
Alfonso Blanco, durante a súa intervención. C.ARIAS

Xermolos inaugura un monolito en recordo dos Irmáns da Lexía e recoñece o labor de Alfonso Blanco, que entrará no Paseo dos Soños de Vilalba e será nomeado Fillo Adoptivo de Guitiriz

Nun emotivo acto, de aplausos que abrazan e miradas co corazón, como definiu o protagonista, veciños e amigos xuntáronse en Santa Mariña, para recoñecer o labor de Alfonso Blanco, coordinador de Xermolos e impulsor da Irmandade Manuel María, quen entrará a formar parte no Paseo dos Soños de Vilalba e será nomeado Fillo Adoptivo de Guitiriz.

"Acólloo con agradecemento, pero non é a min senon a moitas mulleres e homes que me axudan a facer camiño", dixo Alfonso.

"Mólame o do Paseo dos Soños porque é o lugar máis especial e o do Concello, tamén. Para min Guitiriz é a miña nai, non nacín aquí pero axudoume a medrar", expresou aínda con "sorpresa" ao finalizar un acto "da memoria" no que tamén se rendiu homenaxe aos tres Irmáns da Lexía, cun monolito realizado por Valdi e cun deseño de María Guerrero Rico. Nese mástil, seguindo a teima de Alfonso de que houbera unha lembranza para os tres coruñeses detidos en Guitiriz e masacrados na Coruña en 1936, compartirán historia xa sempre.

Eles e Alfonso, un home dos "necesarios para que o mundo siga a dar voltas tódolos días", como rezan os versos de Mero; "poliédrico e capaz de facer moitas cousas", como destacou Valdi, e que consigue que "a memoria histórica siga sendo memoria", como sinalou a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín. Xunto a eles foron moitos os que quixeron invervir e participar "nun acto de xustiza" e "recoñecemento" no que se puideron ver moitas caras coñecidas da cultura chairega.

Memoria para mover o mundo
Comentarios