A memoria dun oficio en extinción

José, Leonardo e Manuel son dos poucos zoqueiros que aínda quedan en Galicia. Un pontés e dous chairegos que viviron a época dourada dun calzado que no século pasado usaba o 90% dos galegos. Os tres contan agora nun documental, impulsado polo Museo Etnográfico Monte Caxado, os segredos dunha arte case esquecida.
O pontés José Castro na rodaxe do documental 'Zoqueiros'
photo_camera O pontés José Castro na rodaxe do documental 'Zoqueiros'

Se botamos a vista atrás a mediados do século pasado veriamos que a maioría da poboación galega lucía nos seus pés as tradicionais zocas de madeira que con moito mimo e paciencia os artesáns labraban coas súas propias mans. Un calzado que co paso dos anos iría quedando esquecido ata a actualidade, que está a piques de desaparecer. Só uns poucos mestres conservan na súa retina os segredos deste oficio tan fermoso coma sacrificado e que hoxe se atopa en perigo de extinción.

Manuel Fernández Corral (Xermade), Leonardo Villamel López (A Pastoriza) e José Castro Polo (As Pontes) son tres dos expertos zoqueiros que viviron a época dourada deste calzado e agora contan as súas vivencias nun documental impulsado polo Museo Etnográfico Monte Caxado das Pontes -proxectarase este sábado ás 12.00 horas na Casa Dopeso-.

"Chegamos a facer máis de 15 pares de zocos nun día, era o calzado que lucía toda a xente, sobre todo do rural", recorda o pontés José Castro, quen bota a vista atrás para lembrar como foron os seus inicios no oficio, que aprendeu con só dez anos. "Meu pai tiña unha zapatería na Avenida de Galicia e alí me ensinou a zoquear. Era un negocio que daba para vivir, pagábase o par de zocas a 75 pesetas, daquela era bastante, e hoxe en día non dan nin para un café", di entre risas. O zoqueiro recorda que adoitaban fabricar os deseños as vésperas dos días 1 e 15 de cada mes "cando se celebraba a feira nas Pontes. E se máis fixeramos máis vendiamos", asegura.

E é que no século pasado o oficio de zoqueiro era moi valorado, como rememora o xermadés Manuel Fernández, quen aos seus 99 anos ten aínda moi bos recordos do negocio. "Todo o mundo que tiña pés levaba zocos e nós faciámolos por encargo para homes, mulleres e nenos, ninguén podía estar sen eles", precisa. E é que Manuel comezou a tallar a madeira sendo un neno. "Meu pai quixo que eu aprendese o oficio, por iso fun ao taller dun veciño que xa ía maior e quería deixar o negocio. Logo mandoume uns meses cun tío de Codesido, que tamén facía zocos e íalle moi ben. Alí fabricamos moitos pares e aínda gañamos uns cartiños", di o xermadés, quen finalmente acabou montando un negocio de paquetería en Momán para sacar adiante os seus oito fillos.

O xermadés Manuel Fernández
O xermadés Manuel Fernández

"Antes iamos dun lado para outro facendo encargos, non dabamos abasto co traballo, pero pouco a pouco foise perdendo o oficio ata non quedar case ninguén", lamenta o pastoricense Leonardo Villamel quen se iniciou nesta arte con 13 anos e agora, aos 94, amosa a súa tristeza porque vaia desaparecer.

E é que tras a chegada dun calzado máis moderno e a irrupción das botas de goma, os zocos foron quedando esquecidos. "Coas primeiras zapaterías que abriron en Monforte de Lemos todo foi indo a pique. A xente xa non quería zocos e iso que os fomos modernizando, facéndolles a cuberta con coiro ou co material da cámara de aire das rodas para aislar a madeira e que non se mollasen cando ían ás leiras, pero non serviu de nada, era a fin", rememora o pontés José Castro.

Precisamente para preservar todos estos recordos dun oficio que significou moito en Galicia naceu Zoqueiros, un documental cheo de vivencias e emocións. "Os protagonistas son dos poucos zoqueiros que aínda quedan e fíxolles moita ilusión botar a vista atrás", di José María López, fundador do Museo Monte Caxado, que deu vida a unha peza audiovisual que salvagardará na memoria, e para sempre, a arte de zoquear.

O pastoricense Leonardo Villamel
O pastoricense Leonardo Villamel

 

Seguinte proxecto: os mineiros de carbón ponteses
O documental ‘Zoqueiros’ enmárcase dentro dos actos de celebración do terceiro aniversario da apertura das novas instalacións do museo Monte Caxado en pleno casco vello pontés.
 proxecto contou coa colaboración de Purriños Fotógrafos, Cultureume, a Deputación da Coruña é o Concello das Pontes e forma parte dunha colección de documentais para poñer en valor os oficios tradicionais. Desde o museo etnográfico traballan xa para impulsar un sobre os mineiros de carbón ponteses.

Comentarios