Melodías ancestrais dos oficios do rural na Romaxe Artesá da Chaira

O corazón da área recreativa da Veiga de Muras acolleu a terceira celebración deste evento, un canto ao pasado con moito futuro por diante

O repenicar do ferreiro, o motor do torneiro ou o pica a pica do canteiro. Este sábado o corazón da área recreativa da Veiga, en Muras, foi unha conxunción perfecta de melodías ancestrais dos oficios tradicionais do medio rural, con motivo da celebración da terceira edición da Romaxe Artesá da Chaira.

A cita, que organiza o Concello de Muras, e que conta coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo e da asociación Obradoiros de Artesáns da Chaira, volveu encher de sons do pasado esta paraxe natural do municipio, que recibiu a ducias de valentes visitantes que desafiaron o frío e tamén a chuvia que caeu de xeito intermitente todo o día.

Ávidos de gozar dunha xornada lúdico-festiva, os asistentes puideron coñecer dende primeira hora da mañá o traballo de máis dunha ducia de artesáns de distintos puntos de Galicia -estiveron presentes, entre outros, Montse e Xaneco Tubío, Xavier Quijada, Marcos Ladra, Lolo Castro, Alberto Geada ou Carmen López-, que realizaron de xeito ininterrumpido exhibicións en vivo e tamén puxeron á venda os seus singulares produtos feitos a man.

Ademais, algúns deles impartiron tamén obradoiros gratuítos -foi o caso da cesteira de Outeiro de Rei, Idoia Cuesta, e de Iria Pigueiras, de Imavi Bixutería e complementos de Vilalba-, cuxos destinatarios foron os máis pequenos da casa.

O equipo de goberno ten sobre a mesa a posibilidade de ampliar a dúas xornadas este evento en edicións vindeiras

Durante varias horas, e con máis ou menos axuda, os participantes confeccionaron un niño de vimbio, adentrándose no oficio da cestería, e completaron o traballo coa elaboración dun paxariño de la de múltiples cores, con pico de pipa e os ovos incluídos.

Para os maiores houbo unha interesante charla sobre a evolución das plantas medicinais, que correu a cargo de Milhulloa e Cosmética Muuhlloa, e animación musical da man de Axóuxere de Roupar e Cé Orquestra Pantasma.

Na sesión vespertina, as actividades tiveron un carácter interxeracional. Tanto ou máis gozaron os adultos cós pequenos coas propostas de xogos tradicionais que achegou Xotramu ata Muras. Houbo competicións de zancos e mesmo de aros e máis dun probou sorte e xirou con éxito a buxaina. Ademais, Miudiño impartiu un obradoiro de creación de xoguetes que tamén contou con numeroso público.

A representación 'Circo Galaico' a cargo de Alakrán, unha divertida obra de teatro de monicreques, completou o amplo e variado programa de actividades para os máis novos, que xa contan os días para unha nova edición da romaxe.

Os maiores alongaron a xornada ata a noite cuns animados concertos nos que bailaron, cantaron e gozaron grazas ás actuacións do cuarteto tradicional de Cántigas e Frores, do Sonoro Maxín e de Davide Salvado, os encargados de subirse ao escenario da Veiga e pechar unha exitosa terceira edición.

"Estamos moi contentos co resultado da romaxe. A xente mostrouse encantada coas actividades e participou activamente de todas elas, aínda que nos trasladaron que lles faltou tempo", confirmou o rexedor, Manuel Requeijo, quen recoñeceu que houbo varias iniciativas que se solaparon.

Por iso, o equipo de goberno non descarta nun futuro ampliar a dúas xornadas esta romaría que pon en valor o pasado. "É algo que temos enriba da mesa, hai que falalo, pero o que está claro é que haberá unha cuarta edición", sentenciou o alcalde.

Comentarios