RECUNCHOS A DESCUBRIR

As mellores vistas nas terras do Eo

O Miradoiro de Barangón, en Ribeira de Piquín, e un alto no camiño onde descansar e observar
Mirador Barangón  (2)
photo_camera Vistas dende o Miradoiro de Barangón. C.ARIAS

Durante algún tempo foi o lugar escollido polos amantes do parapente. Agora, é o destino de moitos excursionistas, sendeiristas ou ciclistas que elixen Ribeira de Piquín e o Miradoiro de Barangón como parada.

Xa é un novo reclamo turístico nun concello que suma tres rutas federadas e moitos sitios para descubrir.  

No miradoiro, as montañas abrénse fronte aos ollos, que observan cunha simple mirada a realidade da dispersión poboacional entre os diferentes montes e vales. De esquerda a dereita, a Serra da Panda, a Serra de Meira, o Val do Eo, a Serra de Barangón e a Serra da Canda e entre eles pequenos núcleos de poboación desperdigados: Santalla, Navallos, Chao do Pousadoiro, Piquín, Os Cangos, Sadrarín, Boel, Cabaceira, Muxén, Ouviaña ou Outariz son algúns dos lugares que alcanza a vista. 

Din algúns asiduos que nos días claros pódese chegar a ver algo de Asturias ou incluso As Pontes. O que está claro é que a panorámica mostra un horizonte que semella non ter fin e que xa se gañou para moitos o título de ser as mellores vistas da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón. Quizais a única pega é a vista posterior, as antenas enmarcan un lugar privilexiado. 

Mirador Barangón  (6)

O lugar
O miradoiro está na parroquia de Santalla, en Ribeira de Piquín. Dende Chao do Pousadoiro, ao cruzar a ponte, hai que desviarse á dereita e no seguinte cruce ir cara Santalla.  
Características
O Concello habilitou o miradoiro en 2018. O proxecto, con fondos da Xunta, incluíu a colocación dun estrutura de madeira con bancos integrados, un novo aparcamento e a mellora dos accesos. 

Mirador Barangón  (1)
Curiosidades
Barangón é o punto máis alto da parroquia, aínda que non do concello. Está a unha altitude de 720 metros sobre o nivel do mar. 

Comentarios