O mel, símbolo de éxito en Muras

A feira afiánzase con gran afluencia de público e de vendas na carpa instalada no Viveiró ► Jesús Prieto e Gemma Pena levaron os premios no concruso de calidade do doce manxar

Cata das propostas elaboradas por Antonio Díaz nun multitudinario showcooking. C. ARIAS (Feira do Mel de Muras)
photo_camera Cata das propostas elaboradas por Antonio Díaz nun multitudinario showcooking. C. ARIAS

Din que o mel atrae ás abellas, pero tamén aos visitantes. O manxar doce, parte importante da economía local, xa é un novo atractivo para Muras, como quedou demostrado este domingo na cuarta edición da Feira do Mel de Montaña, que encheu de xente a pequena parroquia do Viveiró.

"Cremos que a feira se afianza e que este ano foi o que máis afluencia de xente houbo. Estamos moi contentos e os apicultores tamén, din que venderon máis que o ano pasado", expresaba o rexedor de Muras, Manuel Requeijo, a primeira hora da tarde mentres os nenos esperaban cola para participar no obradoiro de cociña con Antonio Díaz, do restaurante Andarubel, nas Fragas do Eume.

Cremos que a feira se afianza e que este ano foi o que máis afluencia de xente houbo

Unhas horas antes o seu showcooking congregou a centos de persoas dispostas a probar e aprender da súa cociña nunha degustación na que cataron distintas elaboracións. "Tosta de aperitivo simulando a típica manteiga pero aromatizada con cogomelos; unha empanda de raza cachena con glaseado de mel en honor á festa; un escabeche moi de outono con mexillón, lepiota e cunha xelatina con mel da zona, e unhas fabas de Lourenzá con porco celta e cogomelos e remataremos cun postre con castañas", explicaba o cociñeiro ante un menú que moitos esperaban con ansia.

Durante toda a mañá o ir e vir de xente foi constante. "O bo tempo axuda", dicían algúns dos responsables dos postos. E aínda que a tarde deixou algo de chuvia non impediu que a feira alcanzase un novo éxito.

"Imos vendendo, hai moita xente e iso nótase moito", dicía un dos apicultores que vendía mel na feira. En total, había oito postos nos que se podía catar e mercar o produto protagonista da cita gastronómica, cinco de Muras e tres doutros concellos.

Imos vendendo, hai moita xente e iso nótase moito

E a eles sumáronse outras propostas, como as de venda de queixo San Simón, castañas e noces, pimentón, distintos bocados de chocolate ou artesanía, con produtos en coiro, xoias ou navallas chegadas a Muras dende Taramundi.

Os máis curiosos puideron desfrutar coa exposición do Ecomuseo Apícola de Azuqueta de Henares e os máis especializados tiveron a oportunidade de achegarse á loita contra as velutinas cunha mostra de arpas. Ademais, nenos e maiores participaron nos obradoiros de creación de candeas da Casa do Mel de Goente, que estivo presente un ano máis nunha cita que organiza o Concello e na que tamén colabora a Deputación "para promover e poñer en valor os produtos da provincia e axudar a promover a zona e desestacionalizar o turismo", apuntou o deputado Eduardo Vidal.

Na tarde de este domingo houbo música e a entrega de premios do concurso de mel que se celebrou na xornada anterior. Os gañadores, entre os 13 inscritos, foron Jesús Prieto, co mellor mel de montaña de Muras, e Gemma Pena, co mellor mel monofloral de breixo.

Comentarios