Meira recorda ao poeta Avelino Díaz cun roteiro

A actividade, na que se inaugurará un novo chanto obra de Manuel Pardo, será o domingo 5
photo_camera Manuel Pardo, coa peza. EP

A asociación cultural Avelino Díaz promoverá a sétima edición do seu roteiro entre Meira e A Órrea (Riotorto), unha actividade coa que busca poñer en valor e seguir divulgando a vida e a obra do autor de Debezos, o primeiro gran poemario en galego publicado despois da guerra.

A iniciativa, que reivindica para este autor un Día das Letras Galegas e que o ano pasado non se puido organizar debido á situación sanitaria derivada da pandemia polo covid-19, sufrirá algunha modificación con respecto a edicións anteriores.

Nesta ocasión, o tradicional concerto que se celebraba ao finalizar a camiñata promoverase un día antes. Así, este sábado, ás 20.00 horas na Praza do Concello —se chove trasladarase ao pavillón municipal—, actuará o grupo de música tradicional Cántigas e Frores, un concerto encadrado dentro do programa Musiqueando da Deputación de Lugo e para o que a asociación cultural tamén conta coa colaboración do Concello de Meira.

Xa o domingo, ás 11.00 horas, arrincará dende a casa consistorial a camiñata, na que os asistentes deberán superar a pé nunhas tres horas os dez quilómetros que separan a vila meirega da casa natal do poeta Avelino Díaz, na Órrea, en Riotorto.

O sábado actuará Cántigas e Frores

Durante o percorrido inaugurarase como xa é tradición un novo chanto adicado ao Poeta de Meira, o sétimo dende que comezou esta iniciativa e que foi elaborado unha vez máis polo escultor local Manuel Pardo, autor das outras pezas, e que se instalará na zona da Veiga da Horta, case ao comezo do roteiro.

Este ano, debido á pandemia, dende a asociación decidiron por cuestións sanitarias e de hixiene non promover o tradicional xantar de irmandade que se facía ao concluír a andaina. O que si farán é entregar un refrixerio e un pequeno petisco gratuíto aos asistentes, así como facilitarlles a volta a Meira aos que o precisen.

Para ter un control aproximado das persoas que se sumen á camiñata, a entidade invita a inscribirse con antelación a través do whatsapp do teléfono 636.72.10.08. O último día para anotarse é este venres.

OUTRAS INICIATIVAS. A asociación cultural Avelino Díaz traballa noutras iniciativas. Dende a entidade avanzan que a Deputación de Lugo financiou a reimpresión de Avelino Díaz: Unha voz comprometida na Galicia emigrante, un traballo de Marivel Freire que será presentado en breve e do que se imprimirán uns 500 exemplares.

Tamén está previsto que, de cara a finais de ano, a entidade financie o almanaque anual que elaboran os alumnos dos centros educativos de Meira e de Riotorto. Ademais, sempre está na mente das persoas implicadas neste proxecto poder publicar nalgún momento os máis dun milleiro de poemas referenciados de Avelino Díaz que aínda non puideron ver a luz.

Comentarios