domingo. 29.03.2020 |
El tiempo
domingo. 29.03.2020
El tiempo

Meira acolle unha xornada cultural polos 122 anos do poeta Avelino Díaz

Marcha desenvolvida en 2015 para reivindicar a figura de Avelino Díaz. ARQUIVO
Marcha desenvolvida en 2015 para reivindicar a figura de Avelino Díaz. ARQUIVO
O sábado 16 haberá charlas, proxeccións e actuacións musicais ao redor do escritor

A asociación cultural Avelino Díaz conmemorará o vindeiro sábado, día 16, os 122 anos do nacemento do coñecido como Poeta de Meira cunha xornada cultural que incluirá proxeccións, conferencias e actuacións musicais.

O centro sociocultural meirego acollerá, a partir das 16.30 horas, este seminario a través do que a entidade promotora continúa a promover o coñecemento da figura e da obra do escritor co obxectivo de que se lle dedique o Día das Letras Galegas. E precisamente ao redor desta premisa partirá a primeira proposta da xornada, na que os asistentes poderán ver os documentais 14 razóns para un Día das Letras e unha lembranza dos actos do 121 aniversario.

A primeira das conferencias da tarde, presentada polo investigador mirandés Antonio Vidueiro, correrá a cargo do profesor e activista cultural e lingüístico Bernadro Penabade Rei, cuxo relatorio levará por título A obra de Avelino, semente para o mañá.

A segunda charla, fixada para as 18.30 horas, abordará os aspectos da fala do poeta, que analizará o académico da Real Academia Galega Antón Santamarina. Da súa introdución responsabilizarase a investigadora e música meirega Noemi Basanta.

Antes desta segunda e última disertación, haberá un recital poético no que a mariscadora Teresa Ramiro e o mestre Antom Laia lerán composicións propias e do protagonista do acto.

A música terá unha presenza constante na xornada, con varias intervencións do cuarteto de saxofóns da Banda de Música de Meira, que interpretará Miniatura de Pedro Iturralde e Sud-américa de Lino Florenzo. O veciño de Fonmiñá Xosé Veiga Cami encargarse de conducir un acto que se clausurará cunha merenda.

Os concellos de Meira e de Riotorto e a Deputación de Lugo colaboran coa asociación cultural Avelino Díaz na organización desta actividade conmemorativa, de acceso libre para quen desexe asistir.

Meira acolle unha xornada cultural polos 122 anos do poeta Avelino...
Comentarios