Os medos, a través da cámara

Unha antiga vivenda de Ribeiras de Lea é o escenario elixido por Gaitafilmes para gravar o ‘teaser’ de ‘Monstro’, a nova película de Andrés Goteira que terá como protagonista a Morris
Antonio Durán ‘Morris’ e Andrés Goteira, na casa de Ribeiras de Lea onde gravan o ‘teaser’ de ‘Monstro'. C. PÉREZ
photo_camera Antonio Durán ‘Morris’ e Andrés Goteira, na casa de Ribeiras de Lea onde gravan o ‘teaser’ de ‘Monstro'. C. PÉREZ

"Queremos amosar como é a tonalidade desta longametraxe experimental de terror e romances sobre os medos", explica o director meirego Andrés Goteira na primeira das dúas xornadas de gravación dun teaser co que amosar, xa a través da cámara, o "concepto" do seu próximo proxecto cinematográfico, Monstro, no que o recoñecido actor Antonio Durán Morris sera o protagonista principal e "case exclusivo" da película.

Coa idea de "crear algo visual e potente" que lles axude a visibilizar o seu proxecto e a conseguir novos apoios para o mesmo —Agadic concedeulle unha subvención para o desenvolvemento de 20.000 euros—, a produtora meirega Gaitafilmes grava agora as imaxes promocionais dunha "fábula" ao redor dos medos, dos naturais e dos artificiais, dos medos abstractos, na que se fai unha "viaxe ao mundo interior".

"Esta casa construírona os nosos bisavós, gustaríanos poder restaurala co tempo e dedicala a turismo rural ou algún proxecto que permita que se saiba dela"

E para trasladar esa primeira impresión da futura película, Goteira e o equipo do filme non só contan co actor no que recaerá o peso desta, Morris, senón cun escenario que quizais non sexa o definitivo, pero que si que encaixa perfectamente no ambiente que queren construír, unha antiga vivenda de aldea, hoxe deshabitada, da parroquia de Ribeiras de Lea, en Castro de Rei.

"Gustounos a idea de participar na rodaxe e que forme parte dun proxecto da cultura galega", asegura Juncal Teixeiro, da familia da que é propiedade o inmoble. Goteira coñecía á irmá de Juncal, Lucía, e chegou á casa da familia destas a través doutro proxecto de Gaitafilmes, o documental Todas as casas, feito pola produtora para o fondo do Xacobeo 2021.

"Esta casa construírona os nosos bisavós, gustaríanos poder restaurala co tempo e dedicala a turismo rural ou algún proxecto que permita que se saiba dela, porque nos daría moita pena que se perdese", precisa Juncal.

Ela é quen se encarga de acompañar e apoiar ao equipo de Gaitafilmes durante a gravación nun espazo no que semella que o tempo hai tempo que parou, converténdoo na localización idónea para comezar a recrear a través da cámara, con Lucía C. Pan como directora de fotografía, eses medos cotiáns, coma aquelas figuras no outeiro que preocupaban á avoa de Goteira e que serviron de punto de partida e de inspiración para crear Monstro.

Morris: "Identifiqueime totalmente, ten que ver comigo"

Andrés Goteira xa traballara con Andrés Durán Morris na que foi a súa ópera prima, a recoñecida e premiada Dhogs, e tiña moitas ganas de volver contar co actor noutro proxecto. E obtivo unha reposta moi positiva do outro lado, tanto pola experiencia previa como polo novo proxecto. "Encantoume a experiencia de Dhogs e a primeira vez que me contou a idea vaga que tiña, identifiqueime totalmente, porque ten que ver comigo, coa miña infancia", recoñece Morris.

Sinopse
Os de Monstro son uns medos "adaptables a calquera actor que estea disposto a entrar", di Morris. E el terá que facelo a fondo na rodaxe —á que Gaitafilmes quere darlle prioridade sen descoidar outros proxectos—, pois é practicamente o único personaxe da película, ese home de rostro engurrado e mirada profunda, que chega a unha vella casa, rodeada de maleza e de silencio, dende a que ve no horizonte unha estraña figura, un monstro.

Comentarios