domingo. 20.06.2021 |
El tiempo
domingo. 20.06.2021
El tiempo

Medos Romero: "As obras teñen que estar sostidas por vida; se non a teñen, cáense das mans"

Medos Romero, no parque das Pontes. MARTA MANCEBO
Medos Romero, no parque das Pontes. MARTA MANCEBO
A poeta de Somede vén de presentar os seus dous últimos poemarios nas As Pontes. Trátase de ‘Hortensia’, que naceu a raíz do falecemento da súa nai, e ‘Peixes que esvaraban ao unísono’, que foi merecedor do XIV Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas en 2019

Que supón volver a casa?

En realidade, interiormente sempre estiven no mesmo lugar. Para min non é volver. Pero emocióname de xeito especial poder presentar aquí.

‘Hortensia’ é un deses traballos que viron a luz en 2020. Como naceu este poemario? De que fala?

Foi a raíz da morte da miña nai, que para min é unha patria enteira. É un libro de amor, de dor pola perda, pola súa ausencia... Pero vai máis alá. Lembra a súa vitalidade, forza, entrega, a dela e a de todas aquelas nais e avoas que tiveron que vivir tempos difíciles. Fala de humanidade, dignidade, ética, beleza e de ecoloxía pura. É un libro en feminino e feminista, que reivindica claramente o papel das mulleres, sen esquecer a natureza, o mundo vexetal, as denuncias ás agresións e o abandono do rural.

E o outro traballo, ‘Peixes que esvaraban ao unísono’, como xurdiu?

Foi despois dunha conversa co músico Xurxo Iglesias, que me preguntou se tiña algunha poesía sobre o amor. Eu escribo da beleza, da terra, das mulleres... pero non tiña nada de amor carnal. Así que este é o traballo máis consciente, buscado e intencionado dos que fixen ata agora. Foi un reto, un desafío.

E que cuestións aborda?

É un libro moi vital, no que falo de erotismo, sexualidade..., pero que no fondo trata da necesidade do amor. Hai varias voces que claman sobre a imperiosa necesidade de ser amados, atravesados por elementos vexetais e mariños. Estou moi contenta co resultado.

Gañou o XIV Premios de Poesía Erótica Illas Sisargas en 2019. Que supón este recoñecemento?

É unha satisfacción moi importante, xa que seguro había moitas outras obras interesantes. Ademais, con este traballo dinme conta da miña versatilidade, algo polo que hai tempo me preguntou Pilar Pallarés nun recital en Viveiro, díxome se sería capaz de escribir sobre outras cousas, e non lle souben contestar. Agora sei que si.

A poesía está nun estado de saúde formidable, hai moita xente interesante escribindo

Que é o que máis reconforta dos premios?

Fundamentalmente a publicación da obra, xa que garante que saia á luz sen ter que buscar editoriais, pero tamén o recoñecemento ao teu traballo está moi ben. 

Comezou a publicar con case 40 anos, pero iso non lle impediu convertese nunha das voces máis persoais da poesía actual galega. En que estado de saúde cre que se atopa a lírica?

Nun estado de saúde formidable. Hai moita xente interesante escribindo, e ademais nos últimos anos houbo unha importante incorporación da muller ao mundo poético. Aínda que haxa dificultades para todos, igual que coa literatura, é un bo momento para a creación.

Entón, as mulleres xa non atopan tanto atrancos?

Non. Xa teñen unha presenza similar en recitais ou xurados. 

Recoñeceu nalgunha ocasión que a súa visión sempre estivo ferida pola cicatriz da mina das Pontes. A ‘Ansia do Lóstrego’ naceu da man das mobilizacións contra o decreto do carbón. Tamén escribiu sobre o fin da mina. Como está vivindo o peche inevitable da térmica?

Desesperanzada e con moita preocupación, non só por As Pontes, senón por toda a comarca de Ferrolterra. Non sei que vai suceder con tantas e tantas familias. É difícil dicir algo cando non teñen resposta nin os propios políticos.

O peche da central térmica das Pontes cáusame desesperanza e moita preocupación

Ten intención de deixar testemuño poético deste novo horizonte que afronta a vila?

Creo que todo o que tiña que dicir sobre a historia das Pontes xa o dixen sobradamente noutros traballos. Como expliquei antes, o único libro intencionado que fixen ata agora foi o de ‘Peixes que esvaraban ao unísono’. A miña forma de escribir non é meramente intelectural. Dende o primeiro poemario que escribín necesito que haxa algo, un suceso que me emocione, que me conmova. Nunca sei realmente se publicarei outro libro ou non. Así que diría que non, pero non o sei. O que si teño claro é que como dicía José Luis Sampedro, «escribir é vivir», por iso defendo que as obras teñen que estar sostidas por vida, porque por moi marabillosamente escritas que estean, se non teñen vida, cáense das mans.

O 2020 foi moi próspero para vostede en canto a publicacións. Pero, como lle afectou a pandemia?

Paralizou totalmente a actividade. Ata agora non houbera a posibilidade de presentar presencialmente ‘Hortensia’. As Pontes foi a primeira data. Dende a editorial  Medulia si que se fixo traballo nas redes sociais, tratouno moi ben. E en canto a ‘Peixes que esvaraban ao unísono’, só houbo un acto en Malpica. Comezarán as presentacións proximamente coas obras gañadoras dos premios Illas Sisargas de 2020.

E dende a súa posición como enfermeira. Como viviu a crise do covid-19?

Actualmente estou traballando no centro de saúde das Pontes polas tardes. Vivino con moito agobio, angustia e preocupación. Acordábame moito dos compañeiros do hospital, porque para eles era unha situación aínda moito máis difícil. Agora, dándolle voltas, gustariame escribir algo sobre a pandemia. Pero non sei se ao final xurdirá ou non.

DE PRETO
Que é a poesía?
Estremecemento.
Somede, que lle evoca?
Agora mesmo emociónome. Tristeza polo peche da casa familiar.
Que sente co despoboamento e o abandono do rural?
Abatimento. Aborrezo e odio ver as tradicións nun museo ou nas festas. Non quero volver a aqueles tempos do medievo, pero si que hai que darlle vida a eses lugares. Por que tal abandono?
Un recuncho especial das Pontes.
Crieime no barrio das Campeiras, nun lugar que está na memoria pero xa non existe.
Un recordo da infancia.
Nenos xogando diante das casas, nunha estrada sen coches e sen asfaltar. Ou a primeira vez que vin unha galiña cos seus pitiños (ri). 
Un libro.
‘Feliz Idade’, de Olga Novo, ou calquera de Pilar Pallarés ou Eva Veiga.

Medos Romero: "As obras teñen que estar sostidas por vida; se non a...
Comentarios