martes. 16.07.2019 |
El tiempo
martes. 16.07.2019
El tiempo

Medio século no mesmo altar

José María Huertas. TEÓFILO LÓPEZ
José María Huertas. TEÓFILO LÓPEZ

As parroquias dos Vaos, San Xurxo, Santalla, Santiago de Acebo e Navallos, en Ribeira de Piquín, e Seixosmil, en Meira, rende unha homenaxe este domingo ao párroco José María Huertas polos seus 50 anos de sacerdocio

Naceu en Torneiros, no concello de Pol, hai 75 anos nunha familia de catro irmáns. Pero dende hai xa medio século é un máis en Ribeira de Piquín. José María Huertas Hermida chegou hai 50 anos como o novo sacerdote dos Vaos nunha época na que o mundo era diferente ao actual e a montaña obrigaba a camiñar a falta de estradas. Foi gañando parroquias co paso do tempo, e o afecto da xente e, agora, os fregueses queren devolverlle un pouco de gratitude este domingo cunha homenaxe polas súas cinco décadas de sacerdocio.

"Entrei no seminario de Lugo aos 13 anos e estiven ata os 25, que me ordenei como sacerdote. Foi o 16 de xuño de 1969", di un párroco coas datas ben gravadas na memoria, na que retrocede. "Tiña un compañeiro na escola que iba para o seminario e meus pais quixeron mandarme. Pareceume ben, ía para estudar e pensaba: se chego ben e senón estudo", asegura ao outro lado do teléfono.

Chegou e o seu primeiro destino foi a parroquia dos Vaos, esa impoñente igrexa que pertenceu á Orde de San Xoán de Malta, perdida na montaña e enclavada nunha especie de illa que forma o río Rodil, un templo que algúns coñecen por esas estrañas caveiras humanas que saúdan ao visitante á súa chegada e das que ninguén coñece a súa orixe.

"Eu era de preto, soábanme algúns pobos pero non os coñecía", explica José María, que aínda recorda aqueles tempos. "Botei tres anos e medio que necesitaba unha hora para ir andando. Non chegaba a estrada alí. Despois collía un taxi ata os Cangos, que alí si chegaba, e co tempo foi cambiando todo ao 500% e mellorando", di.

No ano 1974 comprou o seu primeiro coche, un Land Rover que "andivo pouco" e que cambiou ao pouco tempo por un Dyane novo. Despois chegaron outros, ata hoxe que percorre uns 60 quilómetros cada domingo.

O bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, oficiará unha misa en San Xurxo e celebrarase unha comida no Mirador de Barcia

"Funme quedando". A véspera do 23 de febreiro de 1981 —"foi o golpe de Tejero, esa data quedoume gravada"— comezou na parroquia de San Xurxo, onde vive actualmente, e na de Seixosmil, en Meira, onde tamén oficia as misas na capela de Paderne. "En 2001 encargáronme Santiago de Acebo e desde 2005 collín Santalla e Navallos", di.

"As igrexas estaban moito máis cheas antes, tamén había moita máis xente vivindo aquí. Sempre digo o mesmo: eu acabei coa Ribeira e a Ribeira acabou comigo", di entre risas. "A xente foi marchando, vai quedando pouca e van parando de ir a misa, algúns son moi maiores", explica, pero intenta manter todas as que pode. "Na maioría hai tódolos domingos, e nalgunhas como Santiago de Acebo unha de cada 15 días. E hai unha ou dúas persoas", di, un párroco que bota en falta máis bautizos e xente nova.

"Da Ribeira gústame todo, o clima e a xente, xa non coñecemos todos despois de tanto tempo", di, mentres agradece a homenaxe do domingo. "Merecer non a merecía, pero é un detalle, é ilusionante. Estar 50 anos no mesmo lugar é significativo", valora. Pero asegura que non é un punto final.

"Mentres haxa saúde vou seguir, espero xubilarme na Ribeira, xa teño niño aquí", di e ri, un home ao que lle gusta "pasear algo" e "ler". "Vivo só e sempre hai algo que facer", engade, e asegura que cando bota en falta falar con xente vai ao Chao do Pousadoiro. "Aí sempre hai máis movemento", indica.

A homenaxe comezará cunha eucaristía na igrexa de San Xurxo de Ribeira de Piquín e será oficiada polo actual bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco. Seguidamente haberá unha comida no hotel El Mirador de Barcia. Dende a organización animan a todos a acompañalos nunha data simbólica que quedará para o recordo.

Medio século no mesmo altar
Comentarios