domingo. 25.07.2021 |
El tiempo
domingo. 25.07.2021
El tiempo

Medio século de educación no rural

Alumnos deste último curso.  C.P.
Alumnos deste último curso. C.P.
Este curso que toca á súa fin non foi doado para a comunidade educativa deste colexio de Begonte, mais no que semella ser o ano no que o centro pechará as súas portas antes de iniciar unha nova andaina, hai motivos para celebrar: cumpre 50 anos como referente educativo para as familias de seis parroquias de tres concellos

A veciñanza cedeu terreos -máis tarde compraríaos o Concello para que pasasen a ser municipais- para que a parroquia tivese un grupo escolar. Ata daquela, os pequenos da volta ían á casa de dona Rita, en Pacios, ou a do "callejón", con Amparo. Nacía así o colexio de Baamonde, que neste agridoce curso conmemora os 50 anos de vida como referente para os escolares non só da propia parroquia, senón tamén das begontesas de Bóveda, Pacios e Carballido, ademais das veciñas de Pígara (Guitiriz) e de Soexo (Vilalba).

Non houbo celebracións, máis alá dun vídeo conmemorativo, porque as circunstancias actuais no que semella que será o seu último curso non convidaban a iso, pero si pervive un sentimento de orgullo e de pertenza de todos aqueles nenos e nenas cuxa historia educativa está vencellada ás aulas dun centro que abría as súas portas en xaneiro de 1971.

"Os inicios foron abraiantes en moitos aspectos", lembra Amparo Iglesias, mestra do colexio dende a súa apertura ata que se xubilou máis de tres décadas despois. Canda ela comezaban esa ilusionante andaina dona Rita -"todos lle chamabamos así, xa que fora mestra dunha das compañeiras", di Amparo- e Lucita. Creábase tamén unha praza de mestre "ocupada ao principio provisionalmente e logo, xa no 72, definitiva" por José Antonio. Os catro integraron o claustro do centro ata que se xubilaron, lembra Amparo nun escrito no que fai memoria dos cambios que implicou a posta en marcha do colexio e dalgunhas desas anécdotas que perviven no recordo por moitos anos que pasen.

"Nas nosas escolas anteriores careciamos de servizos sanitarios e aquí había unha morea deles, uns de nenas, outros de nenos e tamén para os mestres... cociña, comedor...", detalla esta antiga mestra, facendo fincapé nun dos primeiros contratempos: "Aos poucos días, a auga que sae polas billas comeza a cheirar moi mal e lévase a analizar". Non era potable. Daquela non había traída nin saneamento, e ao obrar, cometeron o erro de construír o pozo negro a maior nivel que o da auga, polo que houbo filtracións.

"Tras moitas xestións coa inspección educativa, alcalde e demais, conseguiuse que uns veciños de Baamonde cedesen a auga dunha traída particular". Problema resolto, ou case, pois había días en que o abastecemento fallaba e, ou ben a cociñeira, Lupe, ou ben os alumnos maiores tiñan que carrexar a auga a caldeiros. "Hoxe tal cousa sería impensable...", reflexiona Amparo, ao tempo que relata outros momentos tensos que os que os viviron poden lembrar cun sorriso cómplice, como a caída dun raio que queimaba o cableado eléctrico e provocaba un gran susto na cociñeira: "Saíu berrando e chamando ao director e, segundo o viu, desmaiouse". E que dicir, nunha época na que os avisos de bomba eran constante, da chamada á Garda Civil e do conseguinte desaloxo do centro ante a presenza dunha bolsa sospeitosa nun lavabo? Por sorte, non había explosivos, só unha alumna despistada.

As campañas de vacinación escolar dan para un capítulo aparte, con ducias de historias, incluída a desaparición dun alumno: "Daquela non contabamos con cercado e agachárase tras unhas xestas que había pola parte de atrás, apareceu segundo chegou o transporte que o levaba para a súa casa".

O Magosto, o Nadal, o Día da Paz, o Día da Árbore, a Pascua ou o Entroido -facíase un percorrido polas rúas- formaban parte da axenda do colexio, igual que as excursións. "As viaxes máis longas comezaron a facerse cando xa estabamos agrupados coas escolas de Bóveda e de Pígara; íase case sempre a Madrid no fin de curso, máis no 91/92 propúxose ir á Expo de Sevilla, unha utopía! Non foi tal, e aló fomos", lembra Amparo, que fala tamén de saídas culturais, coma aquela ao Parlamento, na que o Ceip de Baamonde fora elixido para representar aos nenos e nenas galegos, ou á Deputación, logo de gañar outro concurso. E por suposto, non faltou a peregrinación a Santiago no Xacobeo 93.

De igual xeito que Amparo garda infinitas lembranzas, tamén as teñen os centos de alumnos que pasaron polas aulas de Baamonde nestes 50 anos. Hoxe son 30, pero nalgún momento rondaron os 200. "Pasamos do "callejón", de estar nun baixo sen nada, de ter nada, a ter de todo", lembra Mari Carmen Sanjurjo, alumna dunha daquelas primeiras promocións encargadas de estrear o novo colexio, que nos primeiros anos só contaba cun edificio ao que logo se lle engadirían dous máis.

"Pasábao pipa, aínda que moitas das anédcotas non valen para contar, recordo xogar moito á goma, ao brilé, á mariola...", recorda Paula Iglesias, hoxe integrante da Anpa, que lembra con especial cariño a construción do pavillón nos 90, no recinto do propio colexio, por levarse a cabo cando ela competía a nivel nacional en ximnasia rítmica e precisaba dun lugar para adestrar.

Hoxe é o seu fillo Leo o que está escolarizado en Baamonde, unha decisión que ela e o seu home, Marcos Vigo, adoptaron ao buscar unha experiencia máis familiar para o seu pequeno. Coma a deles. Coñecéronse no colexio, "aínda que daquela non nos levabamos ben, e mira hoxe...", ri Paula, unhas das "contrabandistas" oficiais dos cargamentos de chucherías dos que se aprovisionaban no supermercado os que comían na casa por encargo dos do comedor.

E case se pode asegurar que nestes 50 anos sempre houbo un Corral no centro. Saúl, Gael, Silvia e Iris son os actuais -e tamén os derradeiros-, representantes desta longa tradición da coñecida e extensa familia de Baamonde.

"Sempre recordarei o primeiro día, fun chorando porque non quería ir, e tamén cando cambiamos a tradición das excursións e en vez de ir a Madrid fomos por Galicia e Portugal, pero só podían cruzar a fronteira os que tiñan DNI... e eu era dos que non tiña", conta rindo Jamy Corral, ao tempo que lembra que o vínculo familiar co colexio é anterior á construción, pois seu avó foi un dos que cedeu terreos para facer posible un soño.

Medio século de educación no rural
Comentarios