Este sábado recibe as Mans de Irmandade na XI Festa de Afirmación e Dignidade. Que supón este recoñecemento para vostede?
No persoal é algo que me excede... Mais sendo como é en representación da cultura tradicional galega, daquela é para min unha gran honra do máis alto nivel. Cando aínda era ben novo un degoiro galeguizante envolvíame: tiña que facer algo co que puidese glorificar este país, o camiño que achei foi o da música e o elemento máis sobranceiro para min era, precisamente, a gaita.
Cal considera a súa maior achega no eido da cultura galega ata o de agora e que lle gustaría acadar?
A maior achega é poder transmitir o sentir como pobo expresado como música que é, asemade, a onde quixera chegar. E o máximo que quixera acadar é ser gaiteiro.
Comparte distinción con Antía Cal.
Unha muller admirada e admirable. Con ela compartimos una panda de amigos, cas Esperanza Lema, os seus derradeiros aniversarios en comuñón festiva... E o que máis me conmoveu daqueles encontros foi o agarimo co que ela se fixo fotografar co meu fillo Amaro, ben pequeniño aínda.
É unha responsabilidade recibir unha Man de Irimia?
É. Cada acto no que tentamos reivindicar a nosa conciencia de pertenza ao colectivo desta nosa cultura implica a responsabilidade de teimar nela, de insistir diante dos desnaturalizados para que perdure e medre.
En que sente Raúl Galego que ten que afirmarse?
Afirmarse e reafirmarse coma galegos, pero dende dentro, no ser. Non no envoltorio nin en lirismos bucólico-pastorís.
O acto é no Pedregal de Irimia. Que música lle inspira este espazo?
O vínculo entre o espazo e a música, entre a lectura dun poema e a música, entre un momento sublime e a música nace no subconsciente e transmítese aos dedos por medio do sentimento que ás veces é difícil de describir con palabras pero que expresa as emocións.
Tocará algo, porque sempre toca, sabe que?
Tocarei algo... porque sempre toco... pero ben seguro que non sei o que. Son notas, cadencias, fraseos improvisados que ás veces... só ás veces conforman algo de aspecto aparentemente coherente.
Din que nunca interpreta nada igual, é así?
Na habilidade dos vellos gaiteiros está a reprodución nunca exacta do tema que execute, chea de reinterpretacións das súas propias músicas que fai case imposible a súa veraz recompilación. Porén, nas pezas de orixe popular, aínda que practique leves variacións, polo menos algunha volta vai ser repetida igual. E nas que non precisan de máis acompañamento que o ar e o ambiente que nos envolve, esas malamente serán repetidas nin en si mesmas nin en outra circunstancia. Son efémeras e só para o momento que se está a vivir. Non teñen título, non teñen xénero... son estremonías.
Sería difícil recoñecelo sen unha gaita cerca, recoñeceríase sen ela?
Tamén teño outras facetas, pero ben é certo que se por algo son coñecido é pola gaita. E esta que levo é singular. Xa me teñen dito: sabía que eras ti (no tumulto ou na foto imprecisa) pola gaita.