Maximiliano López: "As miñas obras non teñen unha mensaxe salvadora"

Son Maximiliano López e nacín en Lugo. Pinto cada día para expresar o que sinto e expoño as obras para soltalo. Agora mesmo están expostas algunhas delas no Madia Leva en Baamonde, ata o 24 de agosto.
Maximiliano López xunto algunhas pezas da súa exposición no Madia Leva. EP
photo_camera Maximiliano López xunto algunhas pezas da súa exposición no Madia Leva. EP

Que nome lle puxo á mostra que expón agora no Madia Leva?
A mostra non ten nome porque nunca lle poño título. Primeiro pinto, despois colgo e non lle dou máis voltas, nin a esta nin a outras mostras que teña feito.

E neste caso, que elementos a compoñen?
Pinturas e debuxos feitos a bolígrafo. Obras tanto en papel como en táboas.

As súa exposición poderá visitarse no horario comercial do local, ata cando?
Está xa dende o 17 de xullo e seguirá no Madia Leva ata o 24 de agosto. Como se trata dun bar pode visitarse no seu horario de apertura que é de luns a domingo de 7.00 a peche.

Que busca transmitir nos traballos elixidos para esta mostra?
Se son sincero teño que dicir que o mundo da arte está moi idealizado, porque realmente pintas o que sentes e non algo que leve un discurso detrás. É dificil, mesmo raro, explicar o que pinto. Fágoo pola necesidade básica de expresarme, de soltar o que levo dentro. As miñas obras non teñen unha mensaxe para salvar ao mundo.

É a súa segunda vez no Madia Leva, que o anima a repetir no mesmo lugar?
Gustoume o sitio cando expuxen no 2020, e iso é fundamental, o local ten que gustar. As galerías e as exposicións están mortas por moito que queiramos idealizar o mundo da arte, é unha realidade que debemos afrontar.

Expoñerá proximamente as súas obras nalgún outro lugar?
Agora mesmo non o sei, non teño pensado nada. Gústame ensinar pero ao non ter saída non te ves animado a facelo.

Que motivos o levan a pensar que expoñer pintura xa non ten saída?
Pois o simple feito de que non mereza a pena expoñer en galerías porque a xente non entra nelas, o que fai que non se vendan as obras. Ademais case tes que pagar por expoñer. Algunhas galerías lévanse un 30% do que vendes, outras incluso un 40 e se non vendes quedan cunha obra. Poñéndose no caso de que non vendiche nada ou pouco, o máis habitual agora mesmo, acabas gastando máis do que ganache. 


Podería dicirse entón que o futuro no mundo da arte está complicado?
Dende logo que si, é necesario irse desenganando, esto está agonizando, tanto na pintura como nos demais ámbitos que abrangue o mundo da arte. Creo incluso que non merece esforzos maiores. 

Aínda así, vostede mantén vivo algún proxecto relacionado coa pintura?
Si, sigo pintando no meu, con bodegóns, retratos e desnudos principalmente femininos. Pinto todos os días ata que empezo a traballar outra vez, pola necesidade propia de pintar para expresarme. Ademais dou clases de pintura, do que levo vivindo 27 anos.

A pesar da complicada situación da arte, as clases teñen reclamo?
Si, sempre vai variando a xente como en todo e agora foron dous anos raros pero seguen interesando.

Comentarios