Maxia con agulla e fío en Vilalba

Mari Carmen Maceira e a súa filla Cristina diversificaron a oferta do seu taller de costura de Vilalba coa marca Fadas e Puntadas, de artigos de bebé e cerimonia personalizados
Cristina e Mari Carmen con algún dos artigos de Fadas e Puntadas. M.ROCA
photo_camera Cristina e Mari Carmen con algún dos artigos de Fadas e Puntadas. M.ROCA

O confinamento deulles a Mari Carmen Maceira e a súa filla Cristina Fernández o tempo necesario para darlle voltas a unha idea que lles rondaba na cabeza dende había tempo. A nova normalidade, exenta de grandes, e non tan grandes, actos sociais e con longos peches perimetrais, deulles o impulso definitivo para levala a cabo. E así naceu un novo proxecto, baixo o nome de Fadas e Puntadas, co que diversificaron a oferta de produtos que saen do seu taller de costura de Vilalba.

"Isto saíu coa pandemia. No confinamento tivemos tempo para darlle voltas e despois o traballo é máis escaso. E aínda que teñas a porta pechada, isto é algo que podes ir facendo", explica Mari Carmen, que leva entre fíos, agullas e patróns case catro décadas da súa vida. 

Os primeiros artigos de Fadas e Puntadas xa empezaron a producirse a primeiros de ano, pero non foi ata o mes de abril no que se lanzaron ás redes sociais, Facebook e Instagram, para dar a coñecer o seu traballo, centrado en artigos de bebé e de cerimonia personalizados.

"Xa faciamos algunha cousiña deste tipo para algún cliente que nolo pedía ou para regalar a amigos, que incluso nos dixeron que por qué non as faciamos para vender", sinala Cristina, encargada de realizar os deseños dos artigos en base ao que lles piden.

Entre eles, babeiros, capas de baño, cambiadores, toallas de lactancia, toallas de distintos tamaños..., pero tamén detalles para cerimonias como bastidores e coxíns para aneis, panos para arras ou toallas de bautizo —feitos á man en liño—, aínda que non se pechan a outras peticións, e van compaxinando co taller de costura mentres non se recupera o ritmo anterior de traballo.

O nome de Fadas e Puntadas quere reflectir "algo de crear, de maxia, desa parte mística que temos os galegos", di Cristina, ao tempo que ambas recoñecen o traballo que hai detrás de cada encargo, ao que lle dedican moitas horas previas de deseño e elección de materiais antes de que colla forma. "Coidamos os detalles para que sexa totalmente apto para os bebés e poñémoslle moito mimo. Hai traballos que fas por rutina e outros, como este, con máis ilusión", afirman.

Comentarios