Unha materia con contexto

O IES Pedregal de Irimia imparte por cuarto ano Aproveitamento dos Recursos do Medio Natural, ideada polo propio centro e que conta con grande aceptación entre o alumnado
imgData
photo_camera O alumnado traballando na horta do centro. EP

No instituto profúndase nos coñecementos en Matemáticas, Lingua e Literatura, Historia, Física e Química... materias xerais que contan cun temario común, máis alá das particularidades de cada docente. Pero tamén hai un oco para a singularidade e para a educación nun contexto, e a partir desta premisa no IES Pedregal de Irimia ideouse a materia de libre configuración Aproveitamento dos Recursos do Medio Natural, encamiñada a que o alumnado coñeza o contexto no que se desenvolve a súa vida e poida sacarlle partido.

Este será o cuarto curso no que se imparta o temario deseñado dende o departamento de Física e Química, cunha hora lectiva á semana na que poden apuntarse os alumnos de segundo de secundaria. E a acollida sempre foi inmellorable. Este curso son máis dunha vintena os matriculados -hai catro optativas-, unha cifra similar á do curso pasado, que representaba o 70% do alumnado que podería tela collido -no curso 2018-2019 fora o 59%, e no seguinte, o 55%-. E as razóns da elección estaban claras: "A existencia de prácticas, as saídas escolares e a posta en valor da súa contorna familiar".

imgDataPorque Aproveitamento do Medio Natural quere ir máis alá da teoría, aínda que esta tamén forma parte do temario, e aposta polas prácticas e polas experiencias en primeira persoa. Fomentanse as saídas -mermadas pola pandemia- para coñecer o funcionamiento de explotacións agropecuarias ou a oficina comarcal agraria, identificar cogomelos -a mostra do centro xa é un clásico- ou as árbores do parque profesor Río Barja. Esta converteuse nunha das propostas favoritas do alumnado, que protagonizou unha competición entre equipos, a ver cal era o que podía identificar máis especies.

Os estudantes profundan na apicultura, cunha colmea propia -sen abellas, por seguridade- e abordando a problemática da velutina e o seu trampeo -colleron unha vintena de raíñas-; traballan no invernadoiro do centro, onde ata fixeron análises do solo; e tamén plantaron froiteiras e fixeron prácticas de como facer un enxerto. O IES introduciu novidades no temario e o curso pasado desenvolveuse unha experiencia que xa pensan en repetir. A través dun xogo de rol, a aula converteuse na asemblea dunha comunidade de montes, onde cada quen tiña o seu papel.

imgData"Esta materia ofrece un inmenso potencial para axudar a identificar na contorna xeográfica do alumnado posibles saídas de tipo económico e laboral, así como aumentar a autoestima daqueles que viven no medio rural", explica Mario Outeiro, director do centro e impulsor desta proposta lectiva aprobada por unanimidade polo consello escolar dun instituto dende o que se ve exportable a calquera outro centro, adaptándoa ás particularidades propias deste.

Comentarios