domingo. 07.06.2020 |
El tiempo
domingo. 07.06.2020
El tiempo

Máscaras no esquecemento

Olegario Carballal, da Garrona, facendo unha demostración de como se tocaba o corno no Entroido. R.Q.
Olegario Carballal, da Garrona, facendo unha demostración de como se tocaba o corno no Entroido. R.Q.
O Entroido de Xermade, como noutros lugares do rural, foi decaendo, pero noutros tempos foron 15 días de festa con diversidade de ritos e unha gran riqueza de elementos que Rafael Quintía revive nun traballo a través da memoria colectiva

O entroido xermadés hoxe é unha celebración máis. Un baile de disfraces e unha festa infantil que pasan inadvertidos entre as grandes citas. Pero as máscaras teñen unha longa tradición no municipio, aínda que quedaron relegadas ao esquecemento.

Noutros tempos, non hai tanto, as celebracións do Entroido duraban 15 días e ofrecían todo tipo de ritos e propostas que o antropólogo Rafael Quintía acaba de recuperar nun traballo que viaxa entre a memoria colectiva dos máis maiores e que gañou o premio de investigación Xermade na Historia. Porque as máscaras, pese a caer no esquecemento, aínda teñen testemuñas que as recordan.

“A xente vivía o Entroido como algo moi intenso no século XX. Sacando o impasse da guerra, porque se prohibiron. Nas vilas había máis control e co franquismo deixaron de facerse, pero nos sitios pequenos como Xermade continuaron”, indica Rafael Quintía, que fala dunhas celebracións con “todo os elementos do Entroido máis rico”, comparándoas con calquera cita europea e destacando a diversidade de ritos, a lonxitude do ciclo e as teatralizacións.

No seu traballo, A boreada das mázcaras, fala das particularidades de cada parroquia e dos puntos comúns dunhas celebracións que pasados Reis empezábanse a anunciar co son dos cornos. “É algo que temos documentado no Courel ou en Holanda. Usaban cornos de vaca ou os mariños e ás veces ía dotado cunha palleta. Aquí chamábanlle "a boreada das mázcaras" a ese anuncio e por iso titulei así o traballo”, di Quintía, que indica que o que non sobreviu foron imaxes da época. Só na memoria dos maiores.

Había máscaras de bonito e farrapeiras, folicheiros e fargalleteiros, os vellos ou a vaca e facían ritos e bromas, bailes e convites

O Entroido duraba tres semanas, ata o mércores de cinza. Arrancaba na fin de semana do que se coñece como Domingo Fareloiro e continuaba co xoves de compadres. Tras outro domingo de festa chegaba o xoves de comadres -días de mulleres e homes que aínda se celebran noutros concellos- e logo a semana propia, con sábado, domingo, luns e martes como días grandes.

“Nos bandos, os grupos de mascarados que se xuntaban, había personaxes de distintos tipos”, di Quintía e fala da fianza -ía sen careta na comitiva para que os recibiran nas casas-, as de bonito, equivalentes ás madamas -mulleres con traxes longos, sombreiros de palla, flores... e a cara tapada cun pano- e outras máis "farrapeiras", vestidas con calquera cousa. En moitos non faltaba o folicheiro ou fargalleteiro, que “levaba por función defender o bando”, o vello e a vella -normalmente o home de muller e a muller de home-, a vaca -portaba unha cabeza con cornos coa que atacaba á xente- e os antroidos, “os monecos de palla que levaban en procesión, ás veces nun carro ou un burro”.

Tamén había ritos, como “a imposición dunha cabeza de cabalo, o sacrificio do galo, ir roubar ou quitar os carros dos veciños, saír asustar á xente disfrazados con cabazas e as bromas, incluso a dos Santos Inocentes das que fala Vicente Risco, de poñerlle o burro a todos”, enumera Quintía, que fala tamén dos bailes, primeiro nas airas logo nos salóns, e dos convites “nos que o porco era o rei”.

O Entroido foi así de rico ata principios dos anos 70, que empezou “a perder personaxes e elementos”, di Quintía, e sinala á emigración e a desaparición da xuventude como as causas que relegaron as máscaras ao olvido.

No seu traballo entrevistou a unhas 40 persoas ao longo de seis anos. “Por desgraza, seis xa faleceron, pero aínda queda xente que recorda”, di. Cada vez menos.

Máscaras no esquecemento
Comentarios