Martiño Maseda: "Cando acabamos de escribir un poema non podemos pensar que xa somos poetas"

O poeta de Xoibán vén de gañar o VII Certame Literario Manuel Leiras Pulpeiro de Mondoñedo co micropoemario Mapa da xeografía emocional

Martiño Maseda. S. IGLESIA
photo_camera Martiño Maseda. S. IGLESIA

Comprometido coa cultura galega, o escritor Martiño Maseda, da parroquia vilalbesa de Xoibán, vén de gañar a sétima edición do certame Manuel Leiras Pulpeiro de Mondoñedo grazas a un poemario, aínda que os seus comezos non foron precisamente con esta rama literaria.

Como recibiu este premio?
Foi unha satisfacción enorme. En 2015 levara o terceiro premio neste certame e chegar ao máximo é unha especie de superación. Se o agardaba? A verdade é que cando participo en concursos e vexo que a obra pode ter oportunidades, si que espero algo. En cambio cando me dou conta de que a obra non merece tanto a pena, nunca sae premiada. Rara vez me engano.

Cantas distincións leva?
Entre primeiros, segundos e terceiros premios, arredor dunha vintena. Será porque son un escritor tardío, xa que o primeiro recoñecemento que conseguín foi con 27 anos.

Tamén comezou a escribir tarde?
Sempre me gustou escribir, incluso de neno. É curioso que, a pesar de que agora estou colleitando máis galardóns coa poesía, eu comecei coa narrativa. Lembro unha historia que fixera para o colexio, pero perdín os papeis e foi unha pena, porque me gustaría volver a ver como escribía por aquel entón.

A súa última obra recoñecida é Mapa da xeografía emocional. De que trata?
Parte dunha circunstancia traumática: a perda do meu pai en xaneiro deste ano. Estes poemas xa ían levedando dentro de min, pero iso foi o misto que acendeu a gana de querer soltar este micropoemario. Nel hai referencia á memoria do meu pai, pero tamén ao amor á matria. É como un mapa que intenta abarcar distintos sentimentos e evocar certas emocións.

O amor é o fío condutor...
Sen dúbida. O amor e a poesía son os motores que moven a vida. É xogar co amor á palabra e a palabra de amor, un xogo que se converte no fío que conduce este xeito de vivir. 

Hai algunha obra que sexa máis especial?
Para min son todas especiais. A partir do momento no que as escribo deixan de ser miñas, é como liberarme, soltando todo o que levo dentro de min e ofrecerllo á xente. Utilizo dous infinitivos para exemplificar o que eu quero facer coa escrita: emocionar e conmocionar, é dicir, levantar a conciencia da persoa, se non seguiremos con ela durmida, celebrando 25 de novembros pero todo seguirá igual.

Ademais ten unha faceta de difusor da cultura.
Si, a través de Culturalia GZ. Naceu co ánimo de difundir a pequena escala, darlle voz a xente que, doutro xeito, non se animaba a publicar ou non lle daban a posibilidade. No fondo é cultivar a cultura de base, é dicir, persoas anónimas que non tiveron outros mecanismos pero que, co tempo, si poden acadar algo. Oxalá a min mos ofreceran no seu momento.

Como foi o I Certame Literario Torre de Caldaloba, no que traballou activamente como organizador?
Sorprendeunos o ben que foi, tanto a min como ao Concello e á asociación cultural dos veciños de Pino. Eu sempre dixen que Cospeito tiña que ter un certame de renome, ademais de que lle teño moito aprecio a esa parroquia por ser onde naceu o meu pai, así que cando os da asociación me propuxeron facer algo para reivindicar a torre, o primeiro que se me ocorreu foi o do certame. Ía ser a pequena escala...

E participaron 52 poemarios.
Foi impresionante. E de varios lugares de Galicia.

Nas redes sociais están proliferando novos poetas e novas poesías. É unha alternativa ás editoriais?
Estase publicando á feito, pero tamén hai que publicar con xeito. Non se pode pensar ao acabar de escribir un poema que xa somos escritores. É un proceso continuo, sempre se necesita buscar novos camiños ou novos xeitos de amosar os sentimentos. Debemos aplicarnos a nós mesmos un filtro, que non implica unha censura. Ao final, é un produto que lle vas ofrecer ao lector e, se é de mala calidade, estaslle faltando ao respecto a esa persoa.

Como está de saúde a poesía galega actual?
Parece que sempre foi un xénero minoritario en canto a aceptación por parte do público. En cambio agora vese como está habendo unha etapa de revolución. Están aparecendo autores novos con voces moi potentes que teñen como reto manterse.

Polo tanto, hai rexeneración poética.
Co certame de Caldaloba vimos que si. O problema está en cando se recorta na cultura, que dun xeito ou doutro, estás impedindo que a sociedade pense e reflexione e, dalgún modo, estala encauzando. Teriamos que ser todos unha axuda colectiva para que isto se reforzase, porque parece que lamentamos máis gastar dez euros nun libro de poesía ca en copas. O libro queda e podes recorrer a el cando queiras se che produciu algunha emoción, en cambio as copas marcharon.

Ademais da literatura, practica outras disciplinas?
Non, gústame a pintura, pero non teño o don de coller o pincel e contar unha historia. Eu adícome á poesía, á narrativa ou aos artigos.

Que queda para o futuro?
Aí está un poemario que quero adicar á figura dos meus pais e a todo o que eles me ensinaron, porque son o que son por eles e polo xeito que tiñan de admirar a vida a través da súa relación de case 64 anos. Tamén quero volver á narrativa para facer algo que estea relacionado coa violencia en xeral, non só a machista, porque considero que a sociedade é violenta de por si.

"Ás veces faise necesario fuxir para atopar o silencio dentro dun, a pesar do ruído de fóra"
En moitos eventos aos que acode véselle acompañado pola súa nai. Que é para vostede a familia?
É amor.

Que significa Caldaloba?
Para min, é a cultura da resistencia.

E Xoibán?
A casa á que volver sempre.

Se tivese que escoller entre cidade e aldea?
Todo ten os seus pros e os seus contras, pero o rural sempre vai estar dentro de min.

Un escritor?
Moitos. Neira Vilas, Manuel Rivas, Ismael Ramos, Gonzalo Hermo, Emma Pedreira, Eli Ríos, Luz Pozo Garza, Eva Veiga... E clásicos coma Delibes, García Márquez, Elena Poniatowska, Rosalía, o chairego e recén gañador do certame de Caldaloba, Rábade Paredes, ou Celso Emilio Ferreiro.

Unha obra?
Calquera feita polos autores que acabo de enumerar.

Unha palabra en galego?
Orballo, polo que representa. É o fulgor da vida.

Cal é a súa fonte de inspiración?
Depende do momento, pero o lugar onde vivo e a natureza axúdanme moito. Tamén o contraste entre silencio e barullo, que non ten por que ser malo ese silencio, senón que é algo positivo se é o que ti buscas. Ás veces faise necesario fuxir para atopar o silencio dentro dun a pesar do ruído de fóra.

Comentarios