Marta Pacín, a voz do recanto da Chaira

A recanteira é mestra de infantil e estivo máis dunha década cantando en orquestras
Marta Pacín, recanteira. XAORA FOTÓGRAFOS
photo_camera Marta Pacín, recanteira. XAORA FOTÓGRAFOS

Ser da Terra Chá é máis que nacer nela, hai veces nas que os vínculos cos lugares van máis aló das orixes. É o caso de Marta Pacín, que vai representar a comarca no concurso Recantos do Luar da TVG.

Ela é de Lugo pero o seu vencello coa Chaira e, en especial, con Castro de Rei venlle por parte do seu marido, Fran García Canto, que é natural do concello e coñecido por participar en varias formacións musicais da comarca. A cantante viviu e tivo o seu primeiro fillo en Castro de Ribeiras de Lea e, aínda que agora resida en Lugo, segue tendo un forte vínculo co lugar.

"Afronto a experiencia cun pouco de nervios pero sobre todo con moita ilusión", explica. A artista ten máis de dez anos de experiencia sobre os escenarios das orquestras e, aínda que agora se dedica a tempo completo á ensinanza, non abandona a música nin no traballo. "Son mestra de infantil e no cole levo a guitarra e canto moito cos pequenos, creo que a música é básica na educación", sinala.

Non é a primeira vez que participa nun concurso desta índole. En 2007 probou sorte na Canteira de Cantareiros, tamén do programa Luar. "Tiña 19 anos e moitas ganas de facer cousas e de cantar, foi unha experiencia moi bonita", comenta Pacín. Daquela quedou ás portas da semifinal.

A cantante xa participara na Canteira de Cantareiros tamén do programa 'Luar', onde quedou ás portas da semifinal

"Agora afronto o concurso con máis madureza e experiencia, aínda que levo cinco anos sen dedicarme a isto", confesa Pacín, que agarda aprender moito desta oportunidade.

Os que seguro serán os seus fans son os seus tres fillos. "Están moi ilusionados por que vaia participar no concurso e vaia saír na tele", comenta entre risas. A eles súmanselle a familia e os amigos, que foron os que a animaron a participar neste popular concurso.

Alén da preparación para Recantos, a artista está compoñendo unha canción dedicada á Terra Chá que agarda ter lista ao longo deste mes. "Nela falo sobre o pasado e a historia da comarca", precisa.

Agora toca agardar ata setembro para ver a Marta Pacín sobre o escenario representando a comarca e tamén para que os chairegos a apoien e a voten para que traia o galardón para a casa.

Comentarios