Marta Felpeto: "Neste deporte lévase traballando dende hai moito tempo na igualdade de xénero"

Marta Felpeto. EP

Natural da parroquia de Belesar, esta vilalbesa cambiou hai case 20 anos as augas do río Labrada polas de Catoira, onde se iniciou no mundo do piragüismo. A súa experiencia como xuíza internacional e a súa determinación levárona a converterse na primeria española en formar parte das xuntas directivas das federacións europea e internacional

A casualidade levouna a coñecer un deporte no que terminou meténdose de cheo. A xuíza internacional de piragüismo vilalbesa Marta Felpeto Lamas forma parte da xunta directiva da federación española dende o 2014, da europea dende o 2015 e da internacional dende 2017. Este xoves afrontará un novo reto, máis próximo: exercer de pregoeira no San Ramón.

Como recibiu a proposta de ler o pregón as festas vilalbesas?
Contactaron comigo dende o Concello e fixéronme a proposta para ser a pregoeira deste ano. Non sabía se podería estar en Vilalba nesa data  pero cando vin a posibilidade aceptei moi ilusionada. Antes de ter o escrito definitivo, tiven claros uns puntos dos que quería falar e sobre eles fun desenrolando a intervención.

O 2017 foi un gran ano para vostede. Foi distinguida coa Insignia Olímpica do COE e nomeada membro da Federación Internacional de Piragüismo. Que significaron para vostede estes fitos?
Unha alegría moi grande por min, pero teño que recoñecer o traballo de todas as persoas que me que axudan e me apoian e que, sen dúbida, foron fundamentais para a súa consecución, tanto as que pertencen ao piragüismo, como á universidade e, por suposto, a miña familia. Debo citar especialmente o do Presidente da Federación Española, Juan José Román Mangas.

É a primeira muller española en formar parte da directiva da federación europea e tamén da internacional. Séntese unha pioneira?
Ser membro da europea non significa formar parte da internacional. Foron dúas eleccións diferentes. Primeiro presenteime á europea e despois á elección para ser representante continental na federación internacional. Nunca aspirei a querer ser a primeira, porque significa ten unha dificultade engadida, a de non ter a ninguén que te guíe no camiño. Neste senso gustaríame en pouco tempo ser só a que encabezou  unha longa lista de españolas que foron ocupando postos nos órganos de decisión. E aquí hai relevo, temos adestradoras, directivas e xuízas moi valiosas. Creo que as mulleres empezamos fai moi pouco tempo a intentar aprobar unha asignatura pendente, a de  apoiarnos entre nós, o mesmo que os homes fixeron de forma natural durante moitos anos propoñendo ós seus iguais. Formo parte dun deporte no que se leva traballando na igualdade de xénero dende fai moito tempo e así temos moito camiño percorrido. Pero son consciente de que esta situación non é habitual.

En que se centra o seu traballo nestas entidades?
Aparte do traballo normal dunha xunta directiva, agora na federación europea estamos traballando nun proxecto sobre educación e valores do deporte a través dos programas europeos do Erasmus Plus e, en España, na organización do VII Congreso Internacional de Piragüismo, o único destas características que se celebra a nivel mundial que se realizará en Catoira dos 26 ao 28 de outubro. Reunirá aos mellores adestradores do mundo e tamén a deportistas da talla de Maialen Chourraut e Saúl Craviotto.

Que valoración fai do tempo que leva nelas?
Moi positiva, non só pola miña aportación a nivel persoal, senón porque sinto que formo parte dun equipo de persoas que están nun posto de decisión nun momento histórico para as mulleres, podendo aproveitar moitas sinerxias neste sentido.

"O meu caso é excepcional, porque desde que descubrín este deporte estiven sempre rodeada dos mellores"

Con toda a experiencia que acumula no piragüismo, sorprende que chegara a este mundo un pouco de casualidade e que nin sequera competira. Como recorda os seus inicios neste mundo?
Todas as persoas chegamos a un deporte un pouco por casualidade. En Vilalba non hai ningún clube, así que o coñecín cando me fun a vivir a outro lugar. Pode decirse que o meu é un caso excepcional, porque unha vez que o descubrín, tiven a sorte de estar sempre rodeada dos mellores.  Os meus inicios no piragüismo veñen ligados á figura dun adestrador, Manuel Isorna, e á dun clube dunha vila de pouco máis de 3.000 habitantes que conseguiu durante sete anos consecutivos gañar a Liga nacional, e na que moitos dos seus deportistas competían en campionatos de Europa e do Mundo. Recordo perfectamente os meus inicios no piragüismo, estaba impresionada por todo o traballo que había detrás dun deportista que se sube a un podio. Polo traballo de entrenadores, membros de xuntas directivas, xuíces e todas as persoas vencelladas a este deporte que regalan o seu tempo para que 'esta maquinaria' funcione. Aínda que xa pasaran case dúas décadas isto segue sendo o que máis me chama a atención, pero o que non recordo é cómo sen darme conta foi medrando a miña implicación en diferentes ámbitos ata o día de hoxe.

Como é o seu labor como xuíza? Por que se decantou por formarse como tal?
Os xuíces en piragüismo estamos realizando o noso traballo en diferentes posicións (saída, chegada, control de embarcacións, control de embarque…). Somos un equipo e cada un fai un labor. Podemos ir rotando por diferentes posicións ao longo do tempo, aínda que sempre hai persoas máis idóneas para uns postos ou outros. En piragüismo hai un marxe mínimo de discrecionalidade nas decisións e un gran apoio da tecnoloxía. Requírense unhas habilidades diferentes a outros deportes e aínda que o marxe é mínimo, as xornadas son moi longas e hai que manter a concentración e saber controlar a presión. Decidín formarme como xuíza porque me chamou atención o seu traballo, presenteime ao exame, aprobei e empecei a traballar nas competicións. O que non imaxinei é que fora gustarme tanto facer esto.

Que experiencias destacaría das que viviu a nivel internacional?
Tiven moitas experiencias e moi enriquecedoras a nivel internacional, pero para min as competicións onde participan os júnior sempre teñen un ambiente especial. É o primeiro contacto para eles cunha competición deste tipo e percibes no ambiente a ilusión e os nervios. Os últimos anos  teño vivido momentos moi especiais cando vexo no podio a deportistas aos que vin dar as súas primeiras paladas desde que empezaron neste deporte. Tamén recordo de xeito especial os Xogos da Xuventude en Singapur en 2010, que foron os primeiros para estas categorías en formato olímpico.

Vese xulgando en Tokio 2020 ou vese máis no seu labor como membro da federación internacional?
Non o sei, quedan dous anos e poden pasar moitas cousas. Para que eu seguira na federación internacional primeiro tería que presentarme á reelección e non é seguro que o faga porque implica, entre outras cuestións, estar fóra de España moitos días ao ano. En canto a Tokio, non é fácil que eu poda estar xulgando nos Xogos por diferentes motivos: a media de idade é un pouco maior, hai un número determinado de xuíces e unha distribución por continentes, hai outros doutras nacionalidades con máis participacións en niveis internacionais…etc. O que é seguro é que me vexo en 2020 vinculada ao piragüismo.

"Queriamos aplicar medidas para frear o abandono da práctica deportiva das mulleres"

A finais do 2016 presentou un estudo sobre a retirada prematura das mulleres. Que lle levou a facelo?
Un dos problemas que máis nos preocupaban nese momento era o abandono da práctica deportiva das mulleres unha vez que alcanzaban unha determinada idade. Queriamos implementar medidas para frealo, pero non sen antes realizar un diagnóstico de cal era a situación. Presentamos un  proxecto ao Consello Superior de Deportes para realizar un estudio científico co fin de obter unha información sobre os motivos de abandono da práctica deportiva, parecéulles que era moi interesante e conseguimos a financiación para a súa realización.

Que conclusións destacaría?
Descubrimos cousas neste estudio que nin imaxinabamos. Temos que ter en conta que o realizamos sobre mulleres que abandoaran a práctica deportiva e que máis do 99% recomendaría aos seus fillos e fillas practicar ese deporte. Coa información que obtivemos, implementamos unha serie de medidas como foron traballos de visibilización, do incremento da valoración social das mulleres piragüistas, creamos a primeira Liga feminina con dotación económica para os clubes, becas para asistencia a cursos e congresos, etc. Con todo isto conseguimos un incremento no número de licencias e, por outra banda, que se fixaran no noso traballo empresas coas que conseguimos máis financiación para os programas de  mulleres.

É aplicable a outros deportes?
O estudo que realizamos sobre o abandono das mulleres piragüistas podería facerse en outros deportes. Nós estamos moi satisfeitos de contar con esta ferramenta que nos posibilitou facer os cambios acertados que se traduciron nun descenso no abandono. Sen dúbida, recomendaría a outras federacións realizar este tipo de estudos porque, cando observamos os datos do número de licenzas que publica o CSD, os porcentaxes por xénero son similares en case todos os deportes.

É Teresa Portela un exemplo a seguir neste senso?
É unha evidencia que as mulleres teñen máis dificultades para acceder ao deporte de alto nivel e para manterse nel. Teresa Portela é unha referente para as mulleres xa que é a muller con máis participacións en citas olímpicas e Maialen Chourraut, a primeira que tivo unha medalla olímpica antes e despois de ser nai. Falamos que as mulleres precisamos modelos a seguir e neste deporte temos as mellores. Elas tamén tiveron que romper moitos teitos de cristal. Non podemos olvidar que nun pasado moi cercano dábase por rematada a carreira deportiva dunha muller despois da maternidade. Teño a honra de formar parte dunha federación onde hai un gran apoio para o piragüismo femenino, pero tristemente isto non é o que pasa noutros deportes.

Máis de 20 medallas en Xogos Olímpicos en distintas modalidades deste deporte. A metade, nas últimas catro edicións. Goza de boa saúde o piragüismo español?
O piragüismo español, galego e lucense está vivindo unha etapa exitosa en canto a resultados. Vimos recentemente no podio do campionato do Mundo a Xoel García, de Foz, e todos coñecemos os éxitos de Cristian Toro, de Viveiro, pero hai que seguir traballando. Este é un deporte moi esixente e para seguir nesta senda hai que seguir esforzándose se cabe máis e mellor. Se temos en conta o número de clubes que hai en Lugo fronte a outras provincias, podemos decir que os resultados son espectaculares.  

De preto

Vén a miúdo a Vilalba?
Si, aínda que menos do que me gustaría.

Que recordos ten da súa vila natal?
Moitos, vencellados sobre todo a dous lugares concretos: a escola unitaria de Belesar e o grupo escolar, agora tristemente pechado.

Que supuxo para vostede recibir o ano pasado unha mención especial na Gala do Deporte Municipal?
Un dos mellores recoñecementos que recibín.

Un lugar favorito.
Aquel no que estean as persoas que quero.

Un libro.
'La fiesta del Chivo', de Vargas Llosa.

Un deportista.
Moitos e moitas, por diferentes aspectos.

Segue outros deportes?
Si.

Ve posible crear un clube de piragüismo en Vilalba?
Nada é imposible, pero o río Magdalena é moi pouco axeitado para isto.