Marica Campo defendeu a festa da poesía como o "máis revolucionario"

A Casa Habanera acolleu o pregón e varias presentacións ► O festival despídese cos premios do Díaz Castro e das Vilariñas
                      Marica Campo e Marisol Morandeira, na Casa Habanera despois do pregón.
photo_camera Marica Campo e Marisol Morandeira, na Casa Habanera despois do pregón. C. PÉREZ

Unha "honradísima e feliz" Marica Campo pronunciou onte o pregón do II Festival de Poesía Guitirica, que daba comezo na tardiña do venres na Casa Habanera e se inaugurou oficialmente na xornada de onte coas palabras da escritora, quen defendeu que non hai nada "máis revolucionario e positivo" que unha celebración coma a de Guitiriz.

Nun discurso prolífico en referencias literarias, no que viaxou polos escritos de Manuel María, Rosalía de Castro, Pessoa, Machado, Lorca, Silvio Rodríguez, John Keats, Díaz Castro, Juan Ramón Jiménez ou Luis García Montero, a pregoeira debullou distintos aspectos da poesía, un xénero "tan vello coma o mundo" con milleiros de definicións que tratan de desentrañar o misterio que esta supón, aínda que no antigo bacharelato, lembrou, se aseverase que a poesía non se pode definir.

"Chamámoslle poético a algo que nos impresiona e nos causa emoción pola súa beleza", dixo a pregoeira, quen plantexaba que "se cadra a poesía non é, senón que sucede (...), acontece". O de poeta é un oficio que require artesanía, no que se crea unha cadea que non rompe, con elos fundidos con palabras escollidas polo seu peso. E supón un feito dinámico, o de quen escribe e o de quen le, con visións que poden coincidir, ou non. A poesía é polisémica.

"Mentres haxa poesía, haberá primavera e misterio", dixo Marica rebatendo a Bécquer para logo asegurar que "mentres Rosalía de Castro e tantas e tantos autores nosos, entre eles os da poesía guitirica e os aquí presentes, sigan alimentándose coa súa palabra, non só na poesía senón en todos os ámbitos da vida, existirá Galiza e existiremos nós".

Se na xornada do venres houbo varias presentacións a dúo, bautizadas como Poesía Vis a Vis, a inauguración dunha exposición de collages de Clara Martín -cedeu un para agasallar a Marica Campo- e as actuacións de Paco Nogueiras e Corredores de Sombra, a do sábado seguiu a mesma liña. A poeta Clara Blanco, recitando, e a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, defendendo a necesidade de apostar pola cultura, introducían un pregón tralo que houbo un pasarrúas poético polos bares, no que estiveron Clara, Antón de Guizán, Alberte Momán, Luz Airado e Moncho Bouzas.

Os dous últimos abriron a ronda de presentacións a dúo vespertina, na que tamén participaron Curra Figueroa e Eladio Rodríguez, Lino G.Salgado e Pura Tejelo e María Álvarez Landesa con Eva Teixeiro e Alba María. A actuación de Folerpa de Son clausurou o día.

Comentarios