María Xosé Lamas escribe unha obra de teatro divulgativa sobre Caldaloba

A historia, contada por un corvo como narrador omnisciente, ofreceráselle a diversos centros educactivos e numerosas entidades co obxectivo de conseguir que "chegue a moita xente"
María Xosé Lamas, na casa da cultura de Vilalba. C. ARIAS
photo_camera María Xosé Lamas, na casa da cultura de Vilalba. C. ARIAS
A escritora vilalbesa María Xosé Lamas acaba de rematar unha obra de teatro "divulgativa e eminentemente didáctica" sobre a Torre de Caldaloba, unha peza que nace co obxectivo de reivindicar un emblema da Terra Chá e da historia de Galicia.

"É a primeira vez que escribo por encarga, como quen di. Dende os colectivos que se reúnen en pro do coidado de Caldaloba baralláronse varias ideas e dende Nova Poesía Guitirica propuxéronme que escribira unha peza de teatro porque sabían que tiña moita produción dramática", explica María Xosé Lamas, que afeita a crear unindo letras, xa sexa poesía, narrativa ou teatro, sen dubidalo aceptou o reto.

Un corvo en Caldaloba é "unha obra curtiña, para representar en 50 minutos dunha clase, cunha linguaxe asequible pero con tintes de época, como o plural maxestático como recurso estilístico, para facer unha recreación da situación e do ambiente, porque o obxectivo é dar a coñecer a historia de Caldaloba e de Constanza de Castro, a filla do mariscal Pardo de Cela que morreu alí tras un asedio, e achegala á maior xente posible, sobre todo á rapazada", indica a autora, que explica que a historia está contada dende os ollos dun corvo como narrador omnisciente. Pero non un corvo calquera.

"Cando era unha rapaciña era moi amiga das fillas de Xosé Luís García Mato e cando ía á súa casa pasaba co pai horas de grandes conversas, fixémonos moi amigos, porque a min xa me gustaba escribir, e contoume un día que cando morrera quería reencarnarse nun corvo e vivir en Caldaloba. De aí nace o meu narrador", di María Xosé Lamas.

A obra teatral, que xa está rematada tras un longo proceso de documentación, recrea o asedio da torre, a morte de Constanza e o apresamento do seu segundo marido, Fernán Ares de Saavedra.

"Xa a teñen en PDF todas as entidades involucradas na loita para poñer en valor Caldaloba e agora estamos co boca a boca. Acordamos ofrecerlla a distintas entidades teatrais, colexios, institutos, bibliotecas escolares... É unha obra para os últimos cursos de primaria, secundaria e bacharelato. E a canta máis xente chegue mellor", explica a autora, que asegura que, pese a ser a primeira vez que escribía por encarga, iso non foi un problema.

"Escribir teatro non me costa, téñoo moi traballado dende dirección, escenografía, produción, actuación... O único que me repercutiu é que non vas creando ti, está todo enmarcado nunha época, unhas circunstancias, falas de personaxes que existiron e hai que documentarse moito e ceñirse aos datos", di. E para iso leu moito e púxose en contacto con autores como Antón X. Meilán, que está a piques de publicar un libro sobre Caldaloba, ou con Manuel Gago, da USC. "A documentación é fundamental. Non é só crear, é recrear, e tes que facelo con responsabilidade", engade.

Agora o seguinte paso é publicar a obra en papel, en formato físico, para que chegue a máis sitios, e xa están en contacto con varias editoriais. E o máis importante, vela sobre as táboas. "A ver se xa é este curso, no Basanta Silva de Vilalba teñen intención", anuncia.

Comentarios