María Paredes: "A Disciplina Positiva utiliza os erros como unha aprendizaxe"

A pedagoga e educadora familiar María Paredes imparte el próximo sábado, día 21, en Colorín Colorado de Vilalba un obradoiro sobre as emocións

María Paredes. EP
photo_camera María Paredes. EP

É pedagoga e educadora de familias especializada en Disciplina Positiva. Que fundamentos, principios e estratexias se agochan detrás desta disciplina?
A Disciplina Positiva baséase na amabilidade e firmeza, no respeto mutuo, na conexión antes que na corrección, facer que os nenos se sintan tidos en conta, aproveitar os erros como oportunidades de aprendizaxe e a educación a longo prazo ensinando habilidades de vida. Rexeita os berros e os castigos, como di Jane Nelsen, unha das encargadas de difundir esta metodoloxía: "De onde sacamos a loca idea de que para que un neno/a se porte ben, primeiro temos que facerlle sentirse mal?". Debemos buscar que hai detrás do comportamento do neno, xa que a conducta que vemos, é a solución que o neno buscou a un problema que non estamos a percibir.

Que ferramentas emprega?
Existen unha gran variedade de ferramentas que nos axudan a por en práctica os seus principios, deixando de lado os métodos máis tradicionais que utilizan os berros, castigos, premios e poden ter efectos negativos a longo prazo.

Considera que está cada vez máis estendida?
Non, polo momento creo que aínda non chega a moitos fogares e centros educativos. Cada vez somos máis persoas certificadas en Disciplina Positiva que intentamos dar a coñecer esta metodoloxía, pero segue a ser descoñecida para a maior parte das familias. Sería moi interesante que tiveran unha pequena curiosidade por coñecer os principios, xa que, aínda que non é doado cambiar a forma de educar, o cambio de actitude xa é un gran paso.

Debería aplicarse aínda máis?
Debería intentar poñerse en práctica os principios que segue a Disciplina Positiva, xa que o que se busca é o respecto mútuo e educar en habilidades para a vida.

Adoita impartir charlas e obradoiros por distintos recunchos de Galicia, a través de anpas, concellos.... Que resultados foi acadando?
Moi positivos. Nun principio, ás familias cústalle sacar un ratiño de tempo para acudir a este tipo de formacións, pero os que asisten creo que se levan cousiñas para a casa, que para min é o máis importante. Son charlas e obradoiros moi prácticos e vivenciais, onde o que pretendo é que os asistentes se poñan no lugar dos seus fillos, reflexionen sobre o seu estilo educativo e adquiran ferramentas para poñer en práctica. Creo que as persoas que se acercan á Disciplina Positiva descubren o poder que teñen as palabras e como, aínda pensando que o estamos facendo ben, podemos estar provocando nos nenos un sentimento que non queremos.

"Os métodos tradicionais de berros, castigos e premios poden ter efectos negativos a longo prazo"

O próximo sábado dará un taller en Vilalba, no centro Colorín Colorado. Como xurdiu a colaboración?
Eu estaba a buscar un centro que quixera colaborar para impartir os obradoiros de Disciplina Positiva e pareceume un bo lugar polo labor educativo que desenvolven en xeral, e na Escola de familias en concreto. Dende o primeiro momento a Lucía lle pareceu unha idea interesante. Tamén me interesaba esta zona polo vínculo que teño con ela, por familia e amigos.

É a primeira vez que imparte un taller na Terra Chá?
O primeiro taller que impartín na zona foi o de Disciplina Positiva realizado no mesmo centro a principios de marzo. Ata o momento levei a cabo formacións por outros concellos, como Rianxo, Vigo, Santiago, Carballo... Pero sen dúbida gustaríame poder realizar máis obradoiros nesta comarca.

En que vai consistir a actividade?
Para min o máis importante é que as formacións sexan prácticas e vivenciais. Sempre destaco unha frase que me gusta moito de Benjamin Franklin: "Dime e o olvido, ensíname e o recordo, involúcrame e o aprendo". Por este motivo, para este taller pensamos en dinámicas e xogos para facer en familia, para que logo podan seguir facendo nas súas casas. Xogos para identificar as emocións básicas e para saber como xestionalas.

Que é realmente o que van poder aprender os asistentes?
Descubrirán por eles mesmos por que é importante educar as emocións, aspecto que moitas veces temos olvidado e repercute no futuro dos nenos. Moitas veces, intentamos que os nenos non mostren as súas emocións. É usual dicirlles frases como "non chores que non pasa nada", "non te podes enfadar por iso...". Polo que estamos reprimindo as súas emocións. Desta forma, os nenos pensan que mostrar as súas emocións é algo malo, aprenden a non chorar e a responder a través da ira ou con rabietas. Ademais de sentirse confusos e non saber que facer cando están tristes. É moi importante desenvolver a intelixencia emocional para evitar estas situacións e para, nun futuro, poder afrontar os problemas de forma correcta (conflitos, problemas persoais, laborais...), así como ser empáticos e ter unha alta autoestima. Necesitan entender as emocións e poñerlles nome para así aprender a buscar solucións e poder encontrarse mellor. Todo isto o imos a traballar directamente no taller. Os pais e nais descubrirán como axudarlles aos seus fillos e fillas, mentras que os nenos e nenas comezarán a coñecer as emocións básicas, identificalas, interpretalas e canalizalas. Poderán poñer en práctica diferentes xogos e ver recursos que nos permiten traballar este aspecto na casa de forma lúdica.

Que opina do reforzo positivo?
É unha técnica condutista que sempre foi moi empregada, por exemplo cando se lles ofrecen premios por unha boa conduta, con pegatinas, cas cariñas felices, larpeiradas.... Dende o meu punto de vista, e apoiándome nos principios da Disciplina Positiva, con esta técnica non estamos educando en habilidades para a vida. Os nenos van a repetir a conduta polo agasallo e non interiorizan o porque o teñen que facer, polo que non é unha educación a longo prazo. Non mellora a autoestima porque desta forma sempre buscan a aprobación da outra persoa, están esperando por esa pegatina, esa alabanza, ese agasallo. E o día que non se lle ofrece a recompensa non se sinten tan valiosos. Dende a Disciplina Positiva falamos de "dar alento", é dicir, valorar o seu esforzo, o seu traballo, máis que alabar á propia persoa ou agasallar.

"É moi importante desenvolver a intelixencia emocional, así como ser empáticos e ter unha alta autoestima"

Cre que moitas veces é peor o comportamento dos pais que dos nenos?
Si, moitas veces é así e non nos damos conta que os nenos son o reflexo de seus pais, debido ás neuronas espello que provocan que imiten o que ven. Creo que moitas veces non somos conscientes e non pensamos nas consecuencias que pode traer no futuro. Por un lado, non sabemos como educar, xa que os nenos e nenas non veñen con libro de instruccións e o facemos o mellor que sabemos ou como nos educaron a nós. E por outro lado, buscando o mellor para os nosos fillos, en vez de axudarlles estamos facendo o contrario, por exemplo, sobreprotexéndoos, restándolles autonomía, dándolles todo feito, non deixarlles expresarse ou mesmo sendo moi autoritarios ou moi permisivos con eles.... Desta forma, nun futuro, cando eses nenos teñan 20 anos, non van ser persoas independentes, responsables, críticos, con valores, empáticos, non van a ter a confianza coa súa familia como nos gustaría, entre outras cousas. De aí o que recalcamos de educar en habilidades para a vida, pensar nos adultos que queremos ter como fillos.

Esta proposta está incluida dentro dunha escola de familias, na que tamén participa activamente a propietaria de Colorín Colorado, a pontesa Lucía Pardo. Que opina deste proxecto?
Creo que unha escola de familias é moi necesaria e oxalá tivese unha maior acollida na zona podendo chegar a moitas familias. Ademais de educar aos nenos é necesario formar ás familias para que saiban como facelo. Eu, como pedagoga,traballo con intervencións centradas na familia, enfoque dende o cal se cre que é máis beneficioso formar á familia xa que esta será a que poida poñer en práctica o aprendido durante máis tempo cos seus fillos que si traballaramos nós directamente cos nenos unhas horas concretas. Por outro lado, paréceme moi interesante os obradoiros en familia, para que adquiran os aprendizaxes ao mesmo tempo os nenos e os pais e as nais, xa que si foran obradoiros solo para nenos a familia non se implicaría tanto no fogar. As familias deberían implicarse máis na educación dos seus fillos e fillas, non ceder todo o rol educativo aos centros escolares. Queremos uns nenos e nenas cuns valores determinados e iso require dedicación. E si non nos gustan os comportamentos dos nosos nenos e nenas, debemos analizar a nosa forma de educar, ver si podemos buscar alternativas e solucións e, sobre todo, compartir tempo de calidade con eles, sen desaproveitar o tempo reñendo, discutindo, castigando ou enfadándose os uns cos outros.

Que outras actividades teñen previsto poñer en marcha?
Temos previsto seguir traballando a educación emocional, con actividades de emocións por separado. Por outro lado, gustaríanos lanzar outras formacións de Disciplina Positiva para tratar temas de interese como as rabietas e os deberes, así como actividades para potenciar a autonomía seguindo a Montessori, talleres de educación sensorial, entre outras cousiñas.

"Viaxar é o meu vicio. En canto teño uns días libres fago unha escapadiña"
Naceu en Pino (Cospeito), pero traballa fóra. Que é o que máis bota de menos da casa?
A familia, por suposto. Sobre todo os máis pequenos que me gustaría ver cada día.
Un recuncho do seu concello?
A Torre de Caldaloba. Oxalá que se fixera algo para que non acabe caendo.
Decantouse por facer Pedagoxía e Educación Familia, pero de pequena quería ser...
Veterinaria de cans. Cambioume un pouco a profesión (ri).
Cales son os seus referentes profesionais?
Sigo as pedagoxías alternativas como Montessori ou Waldorf.
Cando ten un rato libre, que é o que máis lle gusta facer?
Viaxar é o meu maior vicio. En canto teño uns días libres necesito facer unha escapadiña. Tamén me gusta facer rutas de sendeirismo.
E xa que lle gusta viaxar. Hai algún destino ideal?
En realidade calquera que me poida sorprender.
E se tivera que escoller un roteiro especial?
O Camiño dos Faros pola Costa da Morte e os Canóns do Sil.
Un libro.
Un que me enganche dende as primeiras páxinas.
Unha película.
'Cadena de favores'.
 

Comentarios