sábado. 08.05.2021 |
El tiempo
sábado. 08.05.2021
El tiempo

María Martín: "A arqueobotánica fai visible ás mulleres e aos nenos na historia"

María Martín
María Martín Seijo. EP
Especialista en estudar a relación das comunidades pasadas coas plantas, a pontesa aterra na Universidade de Cantabria cun reto: afondar na artesanía feita con mateiriais vexetais
 

Licenciada en historia e especialista en arqueobotánica, a investigadora pontesa María Martín Seijo acaba de cambiar de destino, da USC á Universidade de Cantabria, pero non de área, seguirá a investigar a artesanía feita a partir de materiais vexetais. 

Cal é o seu reto neste posto? 

Investigar sobre os usos dos recursos vexetais silvestres (madeira, fibras, cortizas...) como materia prima para a artesanía no período comprendido entre a Idade do Bronce e a Idade do Ferro no norte da península. E tamén sobre as habilidades e os coñecementos tecnolóxicos que o artesanado posuía. É un desafío investigar sobre materiais perecedoiros porque só se conservan de forma excepcional, pero os datos que obtemos teñen o potencial de chegar a cambiar radicalmente o noso coñecemento sobre as comunidades pasadas, a súa vida cotiá e incluso sobre determinados rituais.

A historia é a que é ou a que nos contan? Faltan voces femininas?

A historia constrúese a partir das preguntas que nos facemos desde a investigación, e ás veces esas preguntas non teñen posto o seu foco nas mulleres, tampouco nos nenos ou nos maiores. Precisamente o estudo da relación que as comunidades pasadas establecían coas plantas, que é o obxecto da arqueobotánica, permite facer visibles a estes suxeitos na historia, xa que moitas veces as actividades cotiás nas que as plantas estaban implicadas, como a recollida de leña para o consumo doméstico, eran tarefas realizadas por mulleres acompañadas de individuos infantís, e aínda segue a ser así en sociedades dependentes da leña.

A artesanía con materiais vexetais é a máis antiga. Pero non só é cestería? 

As plantas foron das primeiras materias primas utilizadas polos humanos, fundamentalmente fibras, cortizas e madeira. Durante a Idade do Bronce e a do Ferro as artesanías que elaboraban materiais vexetais eran múltiples, non só se facían recipientes, tamén todo tipo de cordas, en arquitectura a madeira e os teitos vexetais tiñan unha presencia predominante, as técnicas da cestería utilizánbase para confeccionar todo tipo de estruturas e peches, embarcacións a partir de troncos, mangos para as ferramentas e para as armas, instrumentos musicais... As plantas estaban presentes en todos os ámbitos da vida e da morte das comunidades pasadas.

A que época podemos retroceder?  

En Galicia temos manufacturas conservadas en contextos da Idade do Ferro en adiante, e algúns dos conxuntos máis completos proceden de contextos medievais. Pero na zona norte da península hai evidencias do Paleolítico Medio Final como o pau cavador confeccionado con madeira de teixo e recuperado en Aranbaltza no País Vasco. É un dos achados máis excepcionais dos últimos anos, probablemente utilizado para cavar en busca de alimentos ou para extraer materias primas líticas. Unha soa peza aporta moitísima información sobre os modos de vida e a tecnoloxía no pasado.

Non son materiais fáciles de conservar. É esa a maior dificultade? 

Un dos principais retos é conseguir localizar as evidencias arqueolóxicas, normalmente os materiais obtidos das plantas degrádanse e acaban desaparecendo. Pero excepcionalmente danse condicións que permiten que cheguen a nós. As nosas investigacións teñen permitido estudar materiais preservados por carbonización en castros, anegados en pozos ou zonas portuarias, saturados de humidade en covas ou mineralizados en contacto con metais.

Que queda desa artesanía?  

A artesanía tradicional é cada vez máis minoritaria, pero atesoura un patrimonio intanxible que non deberiamos perder, e realmente deberíanos preocupar conservar. Os coñecementos e saberes dos artesáns son froito de séculos de traballo cos materiais e de transmisión de coñecementos, e se a artesanía morre, estes saberes morren con ela. 

Dirixiu estudos nas carboeiras de Folgoso, en Xermade. Falta concienciación cando non se fala de grandes escavacións?

Hai moitas pequenas historias que poder contar como a das carboeiras. Chegamos a Folgoso intentando coñecer máis sobre a produción de carbón vexetal a pequena escala e acabamos identificando evidencias da explotación do ferro nesa zona en época romana. Temos un patrimonio cultural e natural que pode aínda aportar moito ao noso coñecemento do pasado, pero para poder construír ese coñecemento necesitamos dedicar financiamento para a súa conservación e investigación.

Leva anos enlazando contratos e becas na universidade. Ten algo de utopía acadar un praza fixa? 

Dedicarse á investigación é unha carreira de obstáculos e resistencia. Estamos nunha situación precaria enlazando contratos, sometidos constantemente a avaliacións e coa incerteza de conseguir financiamento para seguir traballando ou para os proxectos de investigación.

Cal é o problema da investigación en España? Falta financiamento? 

Os problemas en España e en Galicia son múltiples. A pesar de que a ciencia é o motor do cambio, da innovación, os referentes sociais non son científicos. Nin o covid ten chegado a mudar isto. Máis alá da falta de financiamento, que é evidente se nos comparamos con outros países europeos, hai outros problemas. Non hai unha planificación nas convocatorias que permitan seguir unha carreira cunha certa estabilidade. E iso dificulta conciliar a vida familiar, movéndose ao estranxeiro ou por España en diferentes institucións ata conseguir unha posición estable. 

Suma seis anos de docencia. Qué é o mellor e o máis complicado?

O mellor é o que se aprende, ao preparar as clases e no diálogo co alumnado. O máis complicado é conseguir conectar e ilusionar.

"As árbores son percibidas en diversas sociedades ao longo do tempo como seres vivos equiparables aos seres humanos"
Natural das Pontes. Un lugar? 
A Fraga.
Se non fose investigadora sería... 
Artesá.
Debutou co documental ‘O latexo do tempo humano. Tres pezas, tres artesáns’, con Lolo Castro, Tito Ledo e Lola Tourón. Repetiría? 
A experiencia co documental foi moi boa, e desde entón contemplo sempre nos proxectos este aspecto audiovisual como medio para a difusión e a divulgación dos resultados da investigación.
A arqueobotánica estuda a relación da humanidade coas plantas. Algunha tradición a destacar?  
As árbores son percibidas en diversas sociedades ao longo do tempo como seres vivos equiparables aos seres humanos, cun ciclo vital similar, cun zume que semella o sangue que mana ao ser ferida ou cortada, e cunha estrutura equiparable á do corpo humano. Esta percepción mantívose en Europa ata inicios da Idade Media.
Unha árbore? 
O ameneiro, a súa madeira cambia de cor cando se corta e é capaz de medrar no leito dos ríos.
Unha planta? 
O liño.
Se tivese unha máquina para viaxar. A onde iría e en que data? 
Iría a Villa Diodati á beira do lago Lemán en Suíza, o 16 de xuño de 1816. O ano no que non houbo verán e cando Mary Shelley imaxinou a historia de Frankenstein, que remataría dous anos despois.
Medicina natural, si ou non? 
Sempre a ciencia primeiro, pero sen renunciar ao coñecemento tradicional das propiedades das plantas.
Un soño por cumprir? 
Poder voltar á normalidade.

María Martín: "A arqueobotánica fai visible ás mulleres e aos nenos...
Comentarios