María do Cebreiro: "O amor á cultura que nos transmitiron nosos pais respírase nas nosas obras"

A autora compostelá herdou a paixón pola escrita e dos seus pais, Xesús Rábade Paredes e Helena Villar Janeiro. Cun currículo ateigado de obras poéticas, ensaios e premios, agora vén de facerse co segundo posto no certame de poesía do belén de Begonte
María do Cebreiro. EP
photo_camera María do Cebreiro. EP

A sensibilidade e a axilidade que emanan dos versos de María do Cebreiro Rábade Vilar (Santiago de Compostela, 1976) son de sobra coñecidos no universo literario galego. Agora, a escritora, filla do chairego Xesús Rábade Paredes e de Helena Villar Janeiro, vén de acadar o segundo posto no XLIV Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal que se convoca dende o belén de Begonte, e cuxos premios se entregan este sábado, ás 17.00 horas, no centro cultural José Domínguez Guizán. 

Cal é a sensación que queda ao acadar esa prata?

Non contaba gañalo, para min o premio era facer o poema e cumprir cunha aposta. E por suposto que levar o segundo premio me parece fantástico. 

Que aposta?

Unha co meu mozo, porque eu non me presento a concursos literarios desde fai moitísimo tempo, pero quedamos super conmovidos este Nadal cando fomos visitar o belén. Eu xa fora cos meus pais cando era pequena e quería levalo a el para que o coñecera. Para min foi un momento moi bonito, case como un regreso á infancia. Alí apañamos un folleto onde viña o certame e díxome: «A que non te presentas?». E non hai nada peor que picarme.

E saíu o poema ‘Begonte’...

Si. Cheguei á casa dos meus pais en Rianxo para unha das celebracións do Nadal e xa o escribín. Penso que foi entre o ano vello e o ano novo. Quedoume como un recordo daquel momento tan bonito no belén. 

De que fala neses versos?

Da dignificación do mundo popular, aldeán e do traballo, que é o mundo da miña familia paterna. Tamén ten que ver co momento no que se fai o propio belén de Begonte, nos anos 70, a década na que eu nacín e na que moitas persoas que estaban criando fillos se decatan de que teñen un mundo por facer, unha sociedade por facer que ten que ir medrando con valores novos. Esa ilusión vexo que está no espírito do belén, innovador naquel momento e xurdido desde un territorio local.

Era a primeira vez que se presentaba a este certame?

Si, pero non era ningunha declaración de intencións, porque nin me gusta ser xurado de premios literarios nin me presento a premios literarios. Fíxeno cando era máis nova. Isto foi unha excepción por motivos sentimentais.

"Non contaba gañar o concurso, para min o premio era facer o poema e cumprir cunha aposta que tiña co meu mozo"

Os Rábade Villar son unha familia de literatos. Hai similitudes entre os seus estilos?

Penso que ningunha porque temos a fortuna de transitar cada un de nós polos nosos camiños. O que é certo é que hai unha harmonía entre nós que é sobre todo persoal, emocional, de agarimo. E seguro que algo se traspasa dese agarimo que recibimos ás obras dos outros. Ademais, eu defendo moito que nunha familia o primeiro ten que ser o afecto e a vida literaria de cada un vaise desenvolvendo como se pode.

Que é o que máis valora do que lle inculcaron os seus pais?

Agradézolles moitísimo que me desen a oportunidade, como filla, de medrar nun contorno tan coidadoso para a lingua e a cultura galega, e de tanto aprezo e respecto polos libros. Iso callou no que eu fixen despois. Ver ese amor que eles nos transmitiron desde pequenos á nosa cultura e que creo que respira en todas as nosas obras.

Que é para vostede a poesía?

A poesía é a miña maneira natural de relacionarme coas cousas, co mundo... Pero tamén me imaxino perfectamente sen escribir. É dicir, non sublimo a escritura ou a literatura nin penso que sexa unha actividade por enriba de calquera outra. Podo pensar na xardinaría, na cociña, na costura, que por desgraza eu son pouco ‘manitas’ así que non me podo adicar con habelencia a estas cousas, pero non é que a literatura ou a escritura sexa mellor ca elas.

A través de moitos dos meus alumnos escritores podo ver como vai evolucionando a poesía galega en tempo real»

Tamén fai ensaio e traballa como docente na Universidade de Santiago de Compostela.

A min a universidade non me levou tanto á docencia como á investigación. Entrei nela porque me gustaba moito a investigación e, nese sentido, tiven bos mestres que me aprenderon e me guiaron, me deron bos consellos e me alentaron. Dito isto, aínda que o meu estímulo para chegar á universidade foi a investigación, a min encántame dar clases. Son unha namorada das clases.

Imparte en Filoloxía. Como ve de saúde a poesía?

Son moi optimista polo que vexo de moitos alumnos escritores que teño. Sérveme para ver en tempo real como está evolucionando a poesía galega a través deles.

E o galego?

Pois a pesar das estatísticas alarmantes e das críticas, moi razoables, que se poden facer ao retroceso da lingua, eu penso que sempre hai razóns para manter o optimismo. Sobre todo cando estás en contacto cos mozos, porque aí non podes permitirte para nada transmitir desánimo ou tristeza ou desacougo. Tes que facerlles ver que aquilo que a ti te move e o que a ti che gusta tamén os pode mover a eles. Tamén lles pode dar as respostas que normalmente buscamos cando somos moi mozos. Non nos podemos permitir o desánimo aínda que haxa razóns obxectivas para el.

«Por Abe sinto admiración humana, que integra todas as dimensións da súa personalidade»
Seu irmán, Abe Rábade, é músico de jazz. Escoita os seus temas?
A nosa relación baséase en que somos irmáns, moi levados, porque lle levo 14 meses. Si que é verdade que sinto por el unha admiración incrible, pero unha admiración humana, que integra todas as dimensións da súa personalidade e por suposto a súa música.
Se non se adicara ás letras...
Non concibo a miña vida doutro xeito que non sexa escribindo.
Con cal das súas obras se queda?
Con Os hemisferios.
Considérase compostelá?
Non creo moito nas políticas de identidade porque son unha persoa bastante cambiante. Pero mesmo dicindo iso, claro que hai unha identificación miña coa cultura galega, coa miña cidade e incluso co meu barrio, o do Sar.
Que país lle gustaría coñecer?
O Extremo Oriente, singularmente o Xapón e a China. Tamén moitas cidades dos Estados Unidos, un país máis interesante do que podería parecer. Hai moitos estereotipos arredor.
Que recuncho escolle da Chaira?
Seixas, a aldea do meu pai.
Visítana as musas?
Está moi denostado o tema das musas, á xente gústalle dicir que todo é traballo e que a inspiración te ten que pillar traballando. E si, pero nos procesos creativos tamén hai algo de misterio, de viaxe cara ao descoñecido.

Comentarios