Margarita Ledo: "Fan falta moitas Nieves para nos dicir 'nunca traballedes gratis', temos que mudar o sistema"

A escritora e cineasta natural de Castro de Rei, catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela e numeraria da Real Academia Galega, recolle este mércores en Santiago de Compostela o premio Cineuropa no apartado de recoñecementos honoríficos por unha traxectoria que a consolida como referente do cinema galego. Ao mesmo tempo presentará o seu último traballo, ‘Nación’, un combativo filme que reivindica á muller e a loita polos seus dereitos laborais e que xa foi respaldado co premio Luísa Villalta da Deputación da Coruña a "ideas e proxectos audiovisuais pola igualdade".
undefined
photo_camera Margarita Ledo. EP

Xa se achega o día. Dá algo de vertixe recibir un premio así? Que significa? 

Xa sei cas da Chaira tendemos á vertixe e sempre que sobes esas escadas cara a un recoñecemento do teu traballo, neste caso a entrega do premio Cineuropa, pensas no que a túa obra lle debe a moitas persoas, no caso de Nación, ás operarias da Pontesa e a outras moitas mulleres, entre elas as actrices, que botaron o resto neste filme. 

E que continúa gañando recoñecementos —foi Premio Nacional de Cine, un galardón que se suma a moitos outros— mentres segue creando. Mañá, ademais de recibir o premio, estreará a súa última obra, Nación. Que esperta máis nervios, un debut ou recoller un premio? 

Un novo debut, sen dúbida. Nación é a fin dun longo proceso que fun labrando nos filmes anteriores e se, por unha banda, está a ter unha moi boa acollida por parte da crítica, falta ese chanzo fundamental, a xente que vai ao cinema e que querería que respirara canda o filme.

Nesta obra fala da muller e da loita obreira a través de Nieves, que entra a traballar na fábrica pontevedresa de loza Pontesa en 1969. Necesítanse moitas Nieves aínda? Quedan moitos dereitos e igualdades que conseguir? 

Un sen fin. Porque a primeira que é excluída do traballo é a muller. Ou da educación. Ou metida a coidar ao resto en traballos precarios. Todas sabemos disto. Mais fan falta moitas Nieves aínda para nos dicir, como na película, "nunca traballedes gratis, por favor. A la mierda". Este "a la mierda" de Nieves significa, temos que mudar de sistema. Xa esgotamos a paciencia. 

Cun premio pensas no que a túa obra lle debe a moitas persoas, neste caso ás operarias da Pontesa e a outras mulleres

Santa Liberdade (2004), Liste, pronunciado Líster’ (2007) ou A cicatriz branca (2012). Destaca o seu traballo comprometido. Cal é o mellor valor do cine? E que é capaz de conseguir que outras artes non? 

Todas as expresións artísticas teñen a súa razón de ser. No cine é o corpo, e a voz como parte do corpo, o latexo de cada corpo, de cada modo de falar e a capacidade para atravesar a súa mesma experiencia. 

O cine, como a cultura en xeral, está a vivir un momento complicado coa pandemia de covid-19. Está pagando máis que outros sectores? 

Claro!, porque precisa do encontro na sala. E porque dende as institucións se prefiren ordes xerais que matizar e adaptar as medidas ás diferentes condicións reais. Élles máis doado. Ninguén se contaxiou nun cinema. Estamos con máscara e non se fala. 

Cineuropa leva programando proxeccións en Santiago dende o 6 deste mes. É o exemplo de que se poden facer actividades de forma segura?

Cineuropa e outros espazos como a sala Numax que, a pesares das restricións impostas, seguen abertas e con todas as medidas sanitarias activas, demostran que se pode ir ao cinema. Fágoo extensivo ao teatro e outras actividades culturais. 

Ninguén se contaxiou nun cinema, estamos con máscara e non se fala, igual que no teatro e noutras actividades culturais"

Esta pandemia dará para moitas películas? 

Non no meu caso. No meu caso non.

Cal é a situación actual do cinema en galego? Valórase máis? Vimos O que arde nos Goya e optou aos Óscar. É un paso importante ou a excepción entre moitas? 

O cinema galego está apousando, definindo o que o caracteriza, por exemplo a lingua, tomando posición do que quere vir a ser. É un gran momento.

Mirando ao futuro. Un soño para cumprir na pantalla?

Rosalía, esa inmensidade. 

E se tivese que facer unha película da comarca da Terra Chá e do seu Castro de Rei natal... de que sería?

Esa película sería ao redor da miña familia, dende os avós de Bazar e os de Reigosa,a emigración a Cuba, e até a vida xa cos meus pais. 

Comentarios