domingo. 18.04.2021 |
El tiempo
domingo. 18.04.2021
El tiempo

Sergio Marey: «Temos que deixar o consumismo e apostar pola moda como arte e motor de cambio»

Sergio Marey. ANTÍA CARREIRA
Sergio Marey. ANTÍA CARREIRA
Aos seus 24 anos, o polense Sergio Marey acaba de lanzar dende o mercado gandeiro de Castro a súa quinta colección de moda, ‘Espantallo’, co obxectivo de "empoderar o rural" e "dignificar o feísmo" deses ‘looks’ de aldea con roupas "20 tallas máis grandes do que precisan, mesturándoas sen un criterio estético, simplemente escollendo as máis cómodas". En xaneiro de 2020 presentaba a súa páxina web "para dar o salto e empezar a vender, traballar e vivir disto". Coas ideas claras e moitas ganas de atopar un oco para a súa marca, Marey by Sergio Marey, fala do sector e dos retos.

Acaba de presentar Espantallo, cal é a base? 

O obxectivo é empoderar o rural. Para min o tema cidade é algo abrumador, que non casa coa evolución da humanidade. O futuro é o rural e creo que imos volver un pouco aí. Galicia en esencia é un país rural e intento mostrar esa parte máis descoñecida e toda a estética que existe a día de hoxe, un pouco ese feísmo, que sexa considerado arte, os traballos manuais que se seguen facendo... Creo que esa parte rural é digna de ser mostrada e debe ser dignificada. 

Hai unha aposta polo mandilón, a roupa cómoda... Neste momento covid encaixa ben. 

Non o pensara, pero si. Nesta volta á comodidade, que tamén pode ser esteticamente bonita. 

Pódese vivir da moda? 

Eu agora mesmo non. Estou empezando, quédame moito traballo, pero si que se ve que hai un oco. Se un non se pon a traballar no que quere de cheo non logra nada. 

Conta que de neno xa lle gustaba vestir bonecos. É algo innato? 

No meu caso estivo dentro sempre. Todo o mundo ten unha paixón e é algo que hai que explotar. A min gustábame vestir bonecos, xogar cos tecidos, palpalos... Era innato pero non fun consciente ata o Bacharelato. Ía ser veterinario (ri). 

Busco que a xente se poida expresar como é, porque como ti te vistes é un pouco a representación do que ti eres

É difícil o mundo da moda? 

É complicadísimo. É un mundo moi elitista, onde priman as apariencias e é difícil saír do que está imposto. E se non tes unha reputación, peor aínda, porque xa non se dignan a mirar o teu traballo.  

Hai moita competencia? Moito prexuízo? 

Todo un pouco. A moda bebe de cousas moi tradicionais e está ese punto do vendible, como algo que se ten que consumir cando non é así. A moda nace como un adorno do corpo e é o que debe primar. Sempre reivindiquei a moda como arte, e das máis completas porque abrangue dende a pintura, a escultura, o cine, a música, a literatura... e é moi accesible á cidadanía. Por iso debe ser moito máis reivindicativa, máis política... Temos que deixar esa moda consumista e apostar pola moda como arte e motor de cambio, porque tamén é unha das industrias máis contaminantes, pero se cambiamos esa visión poderiamos ter un mundo máis sostible e en harmonía coa natureza en si. 

Con esta última colección lanzou un manifesto: a moda é arte, roupa para persoas, unha colección anual, uso de materiais de segunda man, apoio a outros creadores e defensa da cultura galega. 

Son esencias do que reivindico e do que quero e obviamente vai en contra das grandes marcas, que non buscan unha individualidade, senón crear para un colectivo, que sexan todos iguais, para poder vender a todos por igual. Eu quero esa individualidade, que a xente se poida expresar como é, porque como ti te vistes é un pouco a representación do que ti eres. E a moda, como calquera arte, sempre ten que ser reivindicativa, desde o punto da eliminación de xénero como constructo social á reivindicación da cultura galega.  

O mundo da moda é complicadísimo, é moi elitista, priman as apariencias e se non tes unha reputación é difícil»

Espantallo presentouse cun vídeo  no mercado gandeiro de Castro. 

Quería gravalo no establo de miña avoa pero por tema covid non era fácil. Ela é de Castro e o mercado era un lugar que coñecía. É unha estrutura cun poder arquitectónico impresionante, cunha gran carga estética, que quería mostrar como parte da cultura deste país. 

Está a moda das pasarelas e a roupa que se pon na rúa. Hai dous escenarios ou combínanse? 

Existen eses dous escenarios. O que crea Balenciaga non soe ser o que se vende en tenda, son propostas máis artísticas, que logo se transforman en prendas moito máis simplificadas, máis poñibles... Pero o que reivindico é levar á rúa o que se vende nun desfile. Por que non?

Está todo inventado? 

Non. A xente di que na moda non podes facer nada novo e creo que se equivocan. Non poderás crear un tipo de prenda, o vestido xa existe, pero si lle podes dar voltas e aportarlle unha esencia artística. Na pintura un cadro tamén está pero non sempre é igual. 

Cal é o reto? 

Que a xente coñeza o meu traballo, poder ir chegando a máis espazos e a tendas. É importantísimo, porque teñas ou non vendas é un escaparate moi grande. 

Outro escaparate, en agosto abriu a galería Solaina en Lugo, xunto a Antía Carreira. Cal é a filosofía?

Víamos unha cultura moi desgastada en Galicia, onde a xente se ten que marchar... e hai moitos artistas con moito valor para traballar aquí e aportar a este país. A galería está aberta a tódalas artes e trata de descentralizar a arte das grandes urbes. Lugo tamén ten esa oportunidade e esa necesidade de que haxa arte contemporánea, que é o que crea espírito crítico. 

Que tal funciona? 

Tivemos moi boa acollida, imos pola quinta exposición, realizamos feiras e traballamos xa con outros concellos e espazos. 

De preto: "Amo e idolatro Pol, se puidese estaría vivindo alí e cada vez que podo escápome a Rois"
Di que se encarga dende o deseño á última puntada. É esixente? 
Si. Quero que todos os aspectos do deseño leven o selo de marca e do que quero representar. 
Natural de Pol. Que relación ten co concello? E que lugar escollería?
Ámoo e idolátroo, se puidese estaría vivindo alí e cada vez que podo escápome a Rois, o meu pobo. 
De neno tocaba a pandeireta nun grupo local. Segue? 
Tocaba nas Cantareiras de Pol. Sigo tocando, pero nun grupo non. Deixeino cando fun a Madrid e a ver se volvo agora en Lugo.
Poñámoslle banda sonora ás súas coleccións. Unha canción para Sagoma, a primeira, que mesturaba maxia africana e as meigas?
Algo tribal... o novo de Xurxo Fernandes, Levaino!
Outra para Pestanas postizas
A movida viguesa. Lo estás haciendo muy bien, de Semen Up. 
Para a emigración de Adeus
Meu cabalo, de Davide Salvado. 
A seguinte é Vermouth ambientada nas festas de sempre.
Novedades Carminha, Verbena
E para a última, Espantallo?
Algo de Baiuca, Luar
Cales son os seus referentes? 
Na moda, o máximo, David Delfín, e Bimba Bosé como gran musa. Pero hai máis: Alexander McQueen, Margiela ou Charles Jeffrey Loverboy.
Unha moda que non poñería...
Un pantalón curto.  

Sergio Marey: «Temos que deixar o consumismo e apostar pola moda...
Comentarios