Maragatos con moita historia

O restaurante e hostal vilalbés Casa Maragata reabre as súas portas da man de Fernando Novo Codesal, bisneto dos fundadores do negocio, e Eva Piñeiro Rego. O histórico establecemento abriu por primeira vez hai 123 anos en forma de ultramarinos
Fernando Novo e Eva Piñeiro, diante da Casa Maragata. T. FORJA
photo_camera Fernando Novo e Eva Piñeiro, diante da Casa Maragata. T. FORJA

Corría o ano 1898 cando a Casa Maragata abría as súas portas por primeira vez. Dende aquela foise diversificando o negocio, dende aquel primeiro ultramarinos ata o presente restaurante e hostal, que acaba de volver levantar a reixa tras un tempo sen actividade.

Os seus actuais xestores son a parella formada por Fernando Novo Codesal e Eva Piñeiro Rego, que xa rexentaran o local con anterioridade e teñen ademais unha ampla experiencia no sector da hostalería.

"Meus bisavós viñeron de Astorga e montaron o negocio, miña avoa era pequena cando chegaron a Vilalba", relata Fernando Novo sobre un negocio familiar que abriu as súas portas hai máis de cen anos. Logo dos bisavós pasou á súa avoa, que casou xa en Vilalba, despois a seu pai e agora a el, sendo xa a cuarta xeración que se fai cargo da Casa Maragata, situada na Nacional 634, ao seu paso pola parroquia vilalbesa da Torre.

A evolución do negocio foi a cabalo dos tempos. Na súa primeira etapa era un ultramarinos onde se vendía "un pouco de todo, dende viño ata abono", explica Novo. Logo, nos anos 80, deciden apostar pola restauración e uns anos máis tarde, en 1992, abren o hostal.

O negocio corre a cargo da cuarta xeración da familia fundadora e na actualidade ofrecen servizo de aloxamento e restaurante

Actualmente, nesta nova etapa, a Casa Maragata volve ofrecer aloxamento e tamén conta con bar e restaurante, especializado en churrasco feito en grella de leña e no polbo. Pero tamén contarán con menús do día, menús para peregrinos e camioneiros e carta. Fixeron ademais un pequeno "lavado de cara". "Cambiamos o chan, fixemos arranxos na cociña e redecoramos", explican dende o negocio.

Para a reapertura optaron por non realizar unha inauguración, "xa que non queriamos que viñese moita xente xunta, porque temiamos que polo aforo tivesen que quedar persoas fóra ou que non fose seguro", explica Fernando Novo. Aínda así, animan a ir a todo o mundo pouco a pouco e agardan que as cousas estean mellor de cara ao verán que vén. "Esperamos poder realizar o aniversario en condicións", sinala o xerente.

Polo de agora, afrontan esta nova etapa con ganas, esperando volver ser tan ben acollidos polos clientes coma antes e retomando aqueles habituais que ían tomar algo, comer ou durmir a Casa Maragata.

"Estamos comezando a falar con clientela que viña tanto ao restaurante como ao hostal e xa están empezando a facer reservas", comenta Fernando Novo, á vez que explica que entre os seus clientes habituais estaban xente que ía veranear a Vilalba, compoñentes de orquestras que facían noite e peregrinos que se aproveitaban dos servizos de Casa Maragata tanto de aloxamento como de restauración, xa que o Camiño de Santiago pasa a escasos 50 metros do local.

A histórica Casa Maragata volverá ser unha parada obrigatoria para moitos dos seus antigos clientes

Nas primeiras xornadas, a xente estase comezando a achegar ata o lugar ao ver de novo vida e actividade. "Estamos moi contentos, xa que non contabamos con tanta xente ao non ter feito case publicidade da apertura", comparte Novo. E esperan que esta tendencia siga en aumento.

A histórica Casa Maragata volverá ser unha parada obrigatoria para moitos dos seus antigos clientes e para os que o serán a partir de agora, esperando que boten outros cen anos máis.

Comentarios