Mapa do patrimonio pontés

Enxeñería Sen Fronteiras, coa colaboración de Cultureume e MeLiSa, promoveu unha recollida de fitos patrimoniais no Freixo e Somede con alumnado do IES Castro da Uz das Pontes, que trasladará os datos á ferramenta cartográfica colaborativa e libre OpenStreetMap
Alumnos de cuarto da Eso do IES Castro da Uz das Pontes, durante o traballo de campo, na fervenza de Somede. EP
photo_camera Alumnos de cuarto da Eso do IES Castro da Uz das Pontes, durante o traballo de campo, na fervenza de Somede. EP

Coñecer, protexer e difundir o patrimonio mentres se descobren novas ferramentas cartográficas baseadas nos conceptos de software libre e datos abertos son só algúns dos obxectivos que persegue unha iniciativa posta en marcha por Enxeñería Sen Fronteiras Galicia nas Pontes -coa colaboración da empresa local Cultureume e da Asociación de Usuarios de Software Libre Terras de Melide (MeLiSa)-, e que levou á organización dun "mapatón" cunha vintena de alumnos de cuarto da Eso do IES Castro da Uz.

"O mapatón é unha reunión organizada para agregar datos a OpenStreetMap", resume o coordinador de Enxeñería Sen Fronteiras que promove esta iniciativa, o pontés Miño Guerreiro, profundando en que esta plataforma "é un proxecto colaborativo para crear mapas editables e libres" dunha determinada área local, pero que tamén pode ter outros usos e servir, por exemplo, aos equipos de resposta en terreo "durante un desastre" ou mesmo en iniciativas humanitarias "en curso ou futuras".

No caso das Pontes, o obxectivo principal era recoller distintos fitos patrimoniais da contorna co fin de "sensibilizar sobre a importancia do seu coidado e catalogación", indica Guerreiro, explicando que a actividade, pioneira nas Pontes, contou cunha saída de campo na que os estudantes, acompañados das explicacións do responsable de Cultureume, Xosé María López, puideron facer un roteiro polas parroquias do Freixo e de Somede para coñecer en primeira persoa parte do seu patrimonio histórico, etnográfico e natural.

"Os rapaces foron sacando fotografías e tomando notas e referencias nun documento que lles facilitamos nós", explica Miño, quen repasa algúns dos elementos que puideron visitar e documentar durante esa saída.

As imaxes e referencias recollidas polos estudantes no traballo de campo trasladaranse á rede na xornada do próximo luns

O roteiro comezou no centro neurálxico do Freixo, a parroquia máis extensa do concello, e na que fixeron parada na igrexa de San Xoán, cuxa estrutura orixinal se remonta ao século XII, aínda que sufriu numerosas modificacións, sendo a máis importante no XVII; no cruceiro ao pé do templo, datado en 1899; na casa reitoral, na que foi apresado o célebre bandoleiro mañonés Toribio Mamed Casanova; no palco da música, construído en 1953 polos veciños, ou na escola unitaria, edificio de 1940 reconvertido en local social.

O alumnado do IES Castro da Uz puido achegarse tamén ata as medoñas de Veiga da Nata -onde se atopa a única mámoa do concello que está debidamente sinalizada-, ademais de á igrexa de Somede, que na súa sancristía garda unha ara romana, e á fervenza da parroquia.

"O seguinte paso, despois do traballo de campo, será subir os datos ao OpenStreetMap e editar os mapas", indica Miño, confirmando que nesta sesión, que se celebrará este luns nas instalacións do propio centro, o alumnado tamén recibirá información sobre a Humanitarian OSM Team (Hot) -un equipo internacional dedicado á acción humanitaria e a desenvolvemento comunitario a través do mapeo aberto- e sobre a ferramenta Tasking Manager.

"Con esta iniciativa queremos trasladar tamén aos alumnos a importancia da cooperación como ferramenta de desenvolvemento humano", indica o responsable deste proxecto, incidindo ademais na necesidade de "favorecer o interese dos rapaces polo voluntariado".

CONTINUIDADE. Esta "proba piloto" nas Pontes, e que xa se fixo noutros municipios, nace coa intención de ter continuidade no tempo. "A actividade gustoulles moito aos profesores e teñen vontade de repetir para o ano que vén", di Miño, que non descarta adaptalo a outros estudantes, xa que "o único requisito é que teñan unhas nocións básicas de rede".

Precisamente, para que este tipo de ferramentas cartográficas sexan de interese para os máis novos, a proposta ten que ter unha "visión gamificadora". "Funciona ben porque tratamos de presentalo coma un xogo divertido, cos mapas do satélite van debuxando os distintos elementos dun xeito interactivo e lúdico", engade Guerreiro, concluíndo que a través desta proposta tamén buscan mostrar a cartografía como "unha disciplina fundamental para a enxeñería civil e como unha posible saída profesional".

Proxecto
Varios meses de traballo previo
Este proxecto con visión de futuro requiriu dun traballo previo que se prolongou durante varios meses. "Levamos con el dende decembro", confirma o seu coordinador, Miño Guerreiro, satisfeito coa acollida e pensando xa nos seguintes pasos a dar.
Veciñanza
E é que unha das ideas que barallan é a de poder trasladar a actividade tamén á veciñanza en xeral. Para iso deberán recuperarse do esforzo, xa que esta iniciativa foi totalmente gratuíta —non tivo custo nin para o erario público nin para os propios participantes—. Fíxose grazas "aos recursos e ao traballo dos voluntarios de Enxeñería Sen Fronteiras" e dos seus colaboradores, recalca Guerreiro.

Comentarios