miércoles. 30.09.2020 |
El tiempo
miércoles. 30.09.2020
El tiempo

Manxar pontés de verde esperanza

XXXIX Feira do Grelo das Pontes. AEP
XXXIX Feira do Grelo das Pontes. AEP
A Feira do Grelo das Pontes, a primeira que se dedicou a este produto en Galicia, celebra este sabado 22 e domingo 23 a súa cuadraxésima edición. A cita, que naceu para manter viva a agricultura tradicional nunha vila industrializada, busca adaptarse aos novos tempos e aos padais máis esixentes, mentres repasa as mellores follas da súa longa historia

PORTADA DE MEDIOS internacionais por un erro do tradutor de Google, obxecto de numerosos cambios de localización, vítima de aprazamentos por mor do mal tempo. Son algunhas das anécdotas que sobrevoan unha cita coñecida tamén por colleitar un éxito tras outro e promocionar o manxar pontés de cor verde esperanza, o protagonista indiscutible da Feira do Grelo, a primeira que se dedicou a este produto en Galicia, e que celebrará esta fin de semana a súa cuadraxésima edición.

Programa da XL Feira do Grelo das Pontes
Nesta 40 edición a programación non defraudará e tratará de mesturar tradición e vangarda para cumprir coas expectativas de todos os públicos que se acheguen ás Pontes esta fin de semana.
O programa comeza este sábado 22 coa exposición Contornos e as mostras de Son de Campo de Fademur e de razas autóctonas.
Tamén se proxectará o documental O latexo do tempo humano e haberá música con Canavella, Os Viqueiras e Dequenvessendo.
O domingo 23, o día grande, será o concurso de cestas, que repartirá máis de 1.500 euros en premios.
No patio do colexio Santa María tamén se desenvolverá unha iniciativa gastronómica na que os cociñeiros Adrián Fuentes, Bruno Pena e Álvaro Victoriano Aguado elaborarán e darán a probar diferentes pratos con grelos aos presentes. E para os que se decanten polos sabores tradicionais, servirase un menú a base de cocido a un prezo de dez euros, que tamén se poderá levar para casa.
E as melodías, que tampouco deixarán de soar nesta segunda xornada da feira, correrán a cargo de No Cómbaro, Os Trevillas, A Banda da Balbina e Tanxugueiras, que presentará o seu último traballo no auditorio Alovi, un espectáculo que porá o broche de ouro a unha cita que seguirá loitando por sobrevivir.

 

A cuadraxésima edición representa unha cifra redonda que ben merece un repaso polas mellores follas da súa historia.

Subidos á máquina do tempo retrocedemos a 1981, ano no que da man da corporación municipal e da comisión de festas, nacía a cita por excelencia do calendario gastronómico das Pontes, que hoxe goza dunha importante fama lonxe das súas fronteiras.

En vista do incremento que a industria estaba tendo na vila —entre 1972 e 1976 levantouse a impoñente central térmica de Endesa, que en pouco tempo transformou radicalmente o municipio, que se situou como o maior produtor de enerxía de España—, e da progresiva desaparición da agricultura tradicional, decidiuse potenciar un dos produtos máis típicos. 

E o obxectivo quedou sobradamente cumprido xa naquela histórica primeira edición, tal e como recorda Antonio Castro, concelleiro socialista daquela corporación —tamén está na actual—, na que Xaime Vilaboy era o rexedor.

Antonio López, gañador de récord: "Levei 18 anos consecutivos o premio á cesta máis enxebre, aínda gardo algunhas na casa"

"Tivemos unha reunión no concello para abordar o tema. Un dos primeiros que falou do asunto foi Víctor Guerreiro, Vitolo. Decidimos darlle para diante entre varios. O día da feira colocamos nós mesmos os taboleiros no campo da feira, non estaban nin os xardíns municipais", rememora Castro, mentres confirma que a falta de recursos non foi un impedimento para que a cita "dese moi bo resultado".

Naquela primeira edición foron un total de "43" os produtores que se sumaron ao concurso de cestas —chegados dende distintos puntos do municipio e de parroquias doutros concellos como o da Capela—, que repartiu tres premios de 15.000, 10.000 e 5.000 pesetas

Ademais, entre os que non resultaron agraciados polo xurado —conformado por tres membros da comisión de festas, outros tantos comerciantes da vila, o rexedor, Xaime Vilaboy, e o concelleiro Víctor Guerreiro— sorteáronse sete sacos de fertilizantes doados por Enfersa e un lote de libros cedido pola Librería do Neno, segundo recordan as crónicas da época, que tamén rememoran outra divertida historia.

Polo visto, houbera un pouco de polémica porque a produtora xermadesa que levara o primeiro premio non acudira á feira, senón que levaron os grelos unha filla e o marido, que tampouco estaban presentes na entrega de premios. 

Así o confirma Antonio Castro, quen recorda que esta historia quedou nunha simple anécdota, xa que nas bases do concurso elaboradas polo Concello non se especificaba quen era o que tiña que encargarse de presentalos.

Con moito máis tempo, dedicación e presuposto organizouse a segunda edición da feira deste manxar verde típico do Entroido, na que se elaboraron pratos de Sargadelos para o recordo, que hoxe decoran con diferentes motivos —cruceiros, imaxes da Virxe do Carme ou dalgunhas das pontes máis emblemáticas da vila, entre outros— as estanterías das casas de moitos ponteses.

Toñita López, viúva de Pérez-Sindín: "Al comienzo fue como un ‘boom’, no había ferias iguales alrededor y el pueblo siempre estaba a tope"

"Tamén nolos regalaban aos que participabamos no concurso de cestas, iso e sacos de nitramón", recorda pola súa parte Antonio López, un produtor de grelos do barrio pontés de Pontoibo, que foi durante anos o home dos récords nesta cita. Así, encadeou ata "18 premios consecutivos" na sección da cesta "máis enxebre", un traballo ao que lle dedicaba "moito tempo". "Empezabamos xa en setembro ou outubro a confeccionala. Dedicáballe uns 15 ou 30 minutos, pouco a pouco, para tela feita para ese día", explica, mentres asegura que algunhas desas obras de arte aínda permanecen na súa casa.

"Non me desfixen nin me desfarei delas", confirma Antonio, recordando que en cada nova edición trataba de sorprender ao xurado facendo algo diferente. "Unha tiña un muíño moendo, outras recordaban o labor da malla, tiñan carros de antes, zapateiros traballando...", enumera sobre a marcha, e confirmando que hai cinco edicións que decidiu dar paso ás novas xeracións.

Esa sección do concurso de cestas na que Antonio foi durante tanto tempo o protagonista recorda dende hai uns anos a outro dos precursores desta cita: Alexandre Pérez-Sindín. Así, ao gañador outórganselle 300 euros de premio pola cesta mellor engalanada, ademais dunha peza de artesanía doada pola asociación Amigos da Madeira

Son a súa viúva, Toñita López, ou algún dos seus fillos, os que se encargan de entregar ese galardón, que honra a memoria dun home que apostou como moitos outros por esta cita, tal e como recordaba o actual rexedor, Valentín González Formoso, na edición de 2015, cando se instaurou este premio.

"Para nosotros fue inesperado. Nos lo dijeron solo unos días antes de la feria. Pero estamos muy agradecidos a toda la corporación por recordarlo. El colaboró para que se desarrollara la feria junto a otros amigos", afirma Toñita, que tamén analiza como foi a evolución desta cita que viviu de preto dende as primeiras edicións.

"Al principio fue un boom. No había competencia ni otras ferias por los alrededores hasta que nació la de Xestoso. Así que venía muchísima gente, el pueblo siempre estaba a tope", asegura a viúva de Pérez-Sindín, que agradece que pese aos obstáculos que as distintas corporacións puideron ir atopándose ao longo destes 39 anos, ningunha deixou que a Feira do Grelo desaparecese. "Es muy importante que se mantenga en el tiempo", afirmou.

Cynthia Arias, a última gañadora do concurso de cestas: "A feira axuda a que a xente non deixe de consumir este produto. Hai que adaptarse aos tempos e achegarse aos máis novos"

Un desexo compartido por todo un pobo, e especialmente por aqueles novos produtores que nos últimos anos decidiron achegarse a este evento. Unha delas, precisamente a que recibiu o primeiro premio do xurado á calidade dos seus grelos na edición de 2019, é Cynthia Arias, da horta ecolóxica Aleira

"Levo indo á feira catro anos e en tres ocasións levei premio, o último foi o primeiro á calidade", afirma a moza, que a diferencia do que acontecía nas primeiras edicións nas que calquera levaba unha presa de grelos ao concurso —na de 1985 chegaron a xuntarse ata 210 participantes, unha cifra récord—, hoxe cada vez ten menos rivais.

"Nos últimos anos hai sobre 40 cestas. Algúns viñan á feira e seguen vindo por tradición. Pero para min é máis un modo de promoción, xa que nos adicamos profesionalmente a isto", di Cynthia, que anima á xente a asistir e a levar os seus produtos aínda que só sexa por manter vivo o espírito de antes.

"A feira axuda a que a xente non deixe de consumir este produto. Cada vez hai menos produtores, hai que darlle algún tipo de impulso para que non se perda esta tradición", afirma a agricultora, quen cre que tamén é necesario "adaptarse aos novos tempos e achegarse aos máis novos".

Un xeito de facelo, recoñece, é o que xa se está facendo nas últimas edicións desta feira, nas que se programan por exemplo "showcooking para elaborar e cociñar o grelo noutros pratos diferentes aos tradicionais", unha forma de atraer aos padais máis esixentes adaptándose aos novos tempos.

E é que o obxectivo co que naceu esta feira, que non foi outro que non deixar esmorecer a agricultura tradicional no municipio e na contorna, pode trasladarse perfectamente catro décadas despois, o que fai que a loita continúe sen descanso.

Unha cita chea de curiosidades
1981 Segundo as estimacións da época, vendéronse máis de 30.000 pesetas en grelos.
1982 Na segunda edición comezou a fabricarse un prato de Sargadelos conmemorativo da cita gastronomómica.
1983 A feira, prevista para o 13 de febreiro, foi aprazada en dúas ocasións pola neve.
1985 Os organizadores incluíron no programa unha carreira pedreste.
2000 Nacía a cita que lle fai competencia no Val de Xestoso, en Monfero.
2005 A feira pontesa, unha das máis lonxevas de Galicia, cumpriu 25 anos.
2007 O ilustrador Elisardo Barcala daba vida ao cartel promocional da feira.
2015 O Concello instaurou o premio Alexandre Pérez-Sindín en recordo dun dos precursores da cita.
2016 Uns meses antes da celebración da feira, unha inesperada confusión do Google Translate (que traduciu grelo por clítoris) provocou un rebumbio internacional e situou As Pontes no mapa.

Manxar pontés de verde esperanza
Comentarios