martes. 18.01.2022 |
El tiempo
martes. 18.01.2022
El tiempo

Manuel Rivas: "A filosofía é un antídoto contra o ‘zombismo social’ de hoxe"

Manuel Rivas. XESÚS PONTE
Manuel Rivas. XESÚS PONTE
Fundador do primeiro Dicionario Galego de Filosofía, membro da Aula Castelao, artífice da colección de libros Baía Pensamento e coordinador do libro 'Dino Pacio Lindín, o guía dunha vangarda cultural', que vén de publicarse, Manuel Rivas leva unha vida dedicado a divulgar disciplina do pensamento cunha espiña cravada: que Galicia non teña unha filosofía de seu

Pasou a súa nenez na parroquia vilalbesa de Distriz, a onde regresa sempre que pode para gozar do que queda dos vellos camiños e corredoiras que tantos recordos lle traen. Aínda que agora reside en Ferrol, Manuel Rivas (1947) leva moi dentro a Terra Chá e sobre todo Vilalba, á que adora tanto como a súa outra paixón: a filosofía.

Colabora desde a súa fundación en 1984 coa Aula Castelao de Filosofía. Con que pretensións naceu? 

O principal fundador foi o catedrático Ramón Regueira Varela. Eu, igual ca outros, colaborei dende os comezos, que foron difíciles, pero a súa intelixencia e tenacidade púxoa en pé e soubo conservala. Trala súa xubilación deuse o relevo ás novas xeracións que seguen a traballar arreo. Pola aula pasaron personaxes tan coñecidos e variados como Gustavo Bueno, Carlos Baliñas, Carvalho Calero, Aranguren, Sergio Rábade, Saramago, Isaac Díaz Pardo, Fernández del Riego, Puente Ojea, Garaudy... A Semana de Filosofía foi e sigue sendo un foro libre e ás veces incómodo para o poder. De aí as dificultades para lograr axuda dalgunhas institucións. Para o meu modo de ver, foi o mellor centro de formación dos profesores de Filosofía de Galicia.

Puxo en marcha tamén o o primeiro Dicionario Galego de Filosofía con máis de 3.000 entradas. 

Tratábase de que os alumnos de Bacharelato puidesen consultar as súas dúbidas nun dicionario no seu idioma. Xa tiñan textos en galego e agora veuse completada a tarefa docente con esa obra que levamos a cabo Moisés Lozano Paz, Xosé Manuel Domínguez e eu. Creo que foi moi útil para o ensino. Esa obra deu anos máis tarde outra máis ambiciosa, o Diccionario-Enciclopedia do Pensamento Galego, que coordinei xunto con Andrés Torres Queiruga.

A Semana de Filosofía foi e sigue sendo un foro libre e ás veces incómodo para o poder. De aí as dificultades para lograr axuda dalgunhas institucións

Lanzou a colección de libros Baía Pensamento para achegar os grandes filósofos aos alumnos. Que dous pensadores escollería?

A colección de libros de peto de Baía Pensamento (33 libros publicados) estaba enfocada principalmente para alumnos de COU, aínda que é unha colección útil para calquera. No libro exponse o pensamento dun determinado autor conectando á súa vez cos seus textos máis significativos. Quedaron bastantes exemplares por facer respecto ao que estaba previsto e faltan algúns significativos. Entre os publicados escollería a Sarmiento e a Ortega, dúas enormes lumieiras na súa época: un no século XVIII e outro no XX. 

De onde lle ven a súa paixón por esta disciplina? 

A min gustoume a Filosofía dende Bacharelato, a investigación e o ensino, a transmisión deses contidos. Para un profesor é apaixonante ver que os alumnos se interesan polo que di e que ás veces mesmo senten abraio ante a novidade das ideas dun pensador. Aristóteles dicía que o coñecemento "é un photismós", unha iluminación (unha especie de supernova) que se produce na mente e causa un pracer intelectual.

Existe unha filosofía galega? 

O pensamento é universal, como a necesidade de expresalo e de contrastalo entre os seres humanos. O que sucede é que os pobos van adquirindo formas propias de entender a realidade, unha psicoloxía propia, uns costumes que se traducen nunha linguaxe que as expresa. Hoxe fálase da filosofía xermana, francesa ou anglosaxona. Iso débese a que eses países tiveron mentes xeniais que produciron unha obra na que quedou a propia pegada dese pobo, aínda sendo o pensamento universal. En Galicia non chegou a existir a día de hoxe ningún filósofo, que eu saiba, que crease unha filosofía galega. Podemos atopar ideas espalladas en escritores, como Rosalía, Castelao, a Xeración Nós... pero aínda falta esa mente xenial que faga universalmente coñecido o modo de ser e de pensar dos galegos. Pero o gran necesita terra cultivada para froitificar, necesita as circunstancias propicias.

Os pobos van adquirindo formas propias de entender a realidade, unha psicoloxía propia, uns costumes que se traducen nunha linguaxe que as expresa

Que máis se pode facer para achegar esta disciplina á xente?

A xente de hoxe vai en dirección oposta ao pensamento. Unha forma de que a xente non pense é atestala de información. O pensamento require suficiente acougo para recoller, analizar e contrastar datos co fin de elaborar ideas que nos permitan entender o mundo no que estamos. A cantidade exorbitante de datos, rapidez e inmediatez que ofrecen as redes non axuda neste sentido. A filosofía pode ser un bo antídoto contra esa especie de zombismo social tan extendido.

Licenciouse en teoloxía e en filosofía. Son ámbitos moi distintos?

Non excesivamente distintos. En ambos saberes estiveron presentes os tres grandes temas que preocuparon á humanidade: home, mundo e Deus. O problema é que hai unha liña vermella que salta a Teoloxía: é o salto da fe, aquilo que nin se ve nin é o resultado de deducións puramente racionais. Quen é capaz de brincar máis alá destes lindeiros, entra no ámbito da crenza e, quen non, queda ás portas. A Filosofía céntrase no coñecemento científico e os seus límites, mentres que a Teoloxía explora outro tipo de coñecemento diferente ao científico. 

Cando fun mestre no Xoán Montes de Lugo tiven como compañeiros a  López Orozco e a Regueiro, eles axudáronme moito

Foi mestre no instituto Xoán Montes e en Maxisterio de Lugo. Que lle achegou esta profesión? 

Gardo un magnífico recordo desa etapa. No instituto, que dirixía Luís Alonso Girgado, tiven como compañeiros de Departamento a Xosé López Orozco e a Manuel Regueiro (xa falecido). Eles xa eran máis veteranos e axudáronme moito nos comezos, igual que Ramón Regueira, quen formou entón un grupo de traballo e nos axudou moito na preparación das oposicións. Desas xuntanzas sairía a denominada Escola de Lugo que daría lugar a dúas importantes obras de Filosofía: Introdución á Filosofía e tamén a Historia da Filosofía, ambas de Galaxia. 

Despois dunha vida vinculado á ensinanza, foi duro deixalo? 

Deixei o ensino en 2009 con 62 anos. Pensei, como fan os deportistas, que era bo momento para retirarme, cando xa notaba que as forzas empezaban a fraquear. 

En que proxectos traballa agora?

 Sempre me gustou ler e investigar e mesmo camiñar ou facer deporte. A mente precisa ocupación. Agora mesmo ando a traballar na obra de Xosé Chao Rego, un ilustre vilalbés que ten unha obra moi extensa e sobre a que xa escribín un par de artigos. Tamén teño comezado un traballo sobre o xurista lugués Xoán Francisco de Castro.

De preto: "Cando era neno gustábame galopar nunha egua que había na casa e ir facer os recados"
Un libro que recomendaría.
Hai un de Irene Vallejo, El infinito en un junco, que é todo un percorrido precioso polo mundo antigo. En galego agora estou a ler o de Xesús Fraga, Virtudes (e misterios). Ámbolos dous paga a pena lelos.
Unha comida.
Como acostuma a dicirse, son de bo dente. Con pouco me conformo. O que me gusta é a conversa cos que comparto mesa. 
É máis de queixo de Arzúa ou de San Simón? 
Sendo de Vilalba, non se pode comparar o queixo de San Simón, ou mesmo un queixo azul que tamén se fai aí, con outros. Son moi ricos, como o roscón e os capóns que veñen preto do Nadal.
Unha afección.
A parte da lectura, sempre me gustou a música, case todo tipo de música, coa excepción dalgunha que o meu ouvido non soporta pola excesiva dureza.
Un xogo da súa infancia.
Na miña infancia non había moitos xogos onde escoller. A parte de xogar á pelota feita con tiras de goma na estrada empedrada de Distriz, tamén xogabamos ás bolas, á billarda ou ao agocho. A min particularmente gustábame galopar nunha egua que había na casa na que facía recados ou ía á tenda a buscar comestibeis. Mentres non chegou a bicicleta era o medio máis veloz para moverse.

Manuel Rivas: "A filosofía é un antídoto contra o ‘zombismo social’...