domingo. 29.03.2020 |
El tiempo
domingo. 29.03.2020
El tiempo

Manuel Requeijo: "Temos pendente o polígono da Cabana, para o que xa hai empresas interesadas"

Manuel Requeijo, alcalde de Muras. CRISTINA PÉREZ
Manuel Requeijo, alcalde de Muras. CRISTINA PÉREZ

O rexedor nacionalista fíxose coa cadeira da alcaldía muresa en 2015, grazas a unha coalición co PSOE que puña fin a máis de dúas décacas de goberno do popular Issam Alnagm ► Case catro anos despois, fai un balance "moi positivo" deste mandato, convencido de ter probado que "outro Muras é posible"

LICENCIADO en Historia e coordinador provincial da Fundación Secretariado Xitano, traballo no que conta cunha excendencia, Manuel Requeijo Arnejo encabezou por primeira vez a lista do BNG murés en 2011, pero non sería ata 2015 cando daría a sorpresa e chegaría á alcaldía cun pacto co único edil do PSOE, dando pé a un goberno en coalición "con pros e contras", pero "enriquecedor", grazas ao carácter "dialogante" dos catro integrantes do equipo de goberno.

Que balance fai deste mandato?
Moi positivo, porque en catro anos demostramos que se poden facer as cousas doutro xeito e que somos xente de palabra, porque facemos o que prometemos. Nós entramos nun Concello que estaba manga por ombro, cunha gran desorganización, e démoslle un cambio naquilo que viamos prioritario para a xente. Agora hai planificación.

Cales foron eses cambios?
Temos un Concello máis transparente. Desde o primeiro día ata hoxe, eu recibo a todo o mundo, e iso antes non pasaba. Grávanse os plenos e cólganse na web municipal, onde se informa de todo. Tamén cambiamos a política de contratación do persoal, cando a xente se presenta sabe que o fai en igualdade de condicións, cando antes se contrataba a dedo. O que si nos pasou é que pensabamos que as cousas se podían cambiar dun día para outro e non é así, hai que ter paciencia.

En catro anos demostramos que se poden facer as cousas doutro xeito e que somos xente de palabra, porque facemos o que prometemos

Cal cre que é a contribución máis destacable?
Destacaría tres medidas, por significativas e porque abranguen ao conxunto dos veciños. Unha delas é que os núcleos rurais teñan luz pública, un dereito de primeira necesidade que non se cumpría, porque a pagaban os veciños. Nós fixémola pública de verdade e renovámola, con lámpadas máis eficientes. Outra foi bonificar o recibo da luz, porque se se xera riqueza aquí, coma cos parques eólicos, debe reverter no concello e nos veciños. E quizais do que máis orgulloso me sinto é da devolución dos montes da Gañidoira aos veciños, porque era unha inxustiza cos case 60 propietarios que levase tanto tempo sen resolverse.

Que lles queda pendente?
O polígono industrial na Cabana, para o que xa hai empresas interesadas. Levamos un ano traballando, pero os informes autonómicos demoran o proceso. E chega tarde, porque tiña que estar implantado cando foi o 'boom' da eólica.

Que supoñen os eólicos?
Temos 20 parques con 381 aeroxeneradores, o que xera un impacto que ten que repecurtir na xente que vive aquí. O Concello ingresa 900.000 euros polo Ibi e o IAE e agora hai 172 familias que tamén o notan na factura da luz, xa que se bonifica o consumo ata un máximo de 500 euros.

Muras acollerá unha xornada do Raid Gallaecia, proba do campionato do mundo na que participa xente de máis de 40 países

Tamén quixeron apostar polo medio ambiente e a natureza.
Cando chegamos vimos o potencial que ten e por iso orientamos nesa liña as axudas do fondo de compensación ambiental, con tres rutas de sendeirismo, limpando 180 quilómetros de estradas e mellorando outro servizo básico, as traídas de auga. E para potenciar o concello, solicitamos o selo Starlight e nas feiras sempre introducimos actividades relacionadas co coñecemento de Muras.

Esa foi outra das novidades, pór en marcha a Romaxe Artesá, a Feira do Mel e o Trail das Bestas.
O que queremos é poñer en valor o que temos aquí, os oficios, o gran potencial que ten Muras a nivel apícola ou as moitas posibilidades do noso monte. Grazas ao trail, Muras acollerá unha xornada do Raid Gallaecia, proba do campionato do mundo na que participa xente de máis de 40 países.

E o PAI, cando abrirá?
Empezouse hai dous anos e aínda non está en marcha, pero esperamos abrilo este mes, porque demanda hai. A Xunta púxonos moitos atrancos. Iso de que as administracións se preocupan polo rural non é certo, e o PAI próbao.

Séntese apoiado por outras administracións?
Non, porque non resolven os problemas. Como exemplo podo poñer o lobo, hai unha problemática real e, que medidas pon a Xunta? Nós dende o Concello non podemos facer nada. E no caso da Deputación abonda con ver as estradas de Muras. Fálase do despoboamento, pero non se poñen en marcha políticas que dean resposta e nós non temos esa capacidade para transformar.


MOI PERSOAL
"Este é un traballo esixente, dedícanselle as 24 horas"

Volverá presentarse?
Aínda está por decidir. Este é un traballo moi esixente.

Que foi o que máis o sorprendeu ao chegar á alcaldía?
O potencial que ten Muras, porque cando estás na oposición só coñeces parte. O que pasa é que en moitos casos non se dá a situación para poder explotalo e que produza beneficios, porque non se implica quen se ten que implicar, coma outras administracións.

Que é o mellor de ser alcalde? E o peor?
Coñecín moita xente interesante que pode achegar moito. É enriquecedor e moi positivo que haxa xente no concello que crea no futuro e achege cousas, é moi importante. O peor é a visibilidade, hai xente que vai a facer dano e cando tocan cuestións persoais, doe. E aproveito para dicir que se houbo algunha persoa que se sentiu ofendida, foi sen intención, porque todo o que fixen foi polo ben colectivo, porque eu prometinlles aos veciños que outro Muras era posible. E aínda que sexa o alcalde, sigo sendo Manolo do Picoverde.

E como desconecta? Que afeccións ten?
Non desconectas, iso é o negativo que ten a alcaldía. Gústame correr e antes andaba en bicicleta, pero cada vez teño menos tempo, porque ao Concello ao final acábanselle dedicando as 24 horas.

Ten dous nenos pequenos, costa conciliar a vida laboral e a familiar?
É moi complicado, porque o teléfono sempre está aí e sempre hai algo pendente.

Curiosidades
O terceiro municipio lugués menos poboado


O Concello de Muras, que conta con 163,8 quilómetros cadrados repartidos en oito parroquias —Ambosores, A Balsa, O Burgo, Irixoa, Muras, Silán, O Sisto e O Viveiró—, é o terceiro menos poboado da provincia de Lugo, por detrás de Negueira de Muñiz e de Ribeira de Piquín. Segundo os datos do Ige, conta con 648 veciños censados, dos que 26 teñen menos de 15 anos, 340 teñen entre 16 e 64 e 282 superan os 65 anos.

Emprego
Segundo os datos do Ige, as principais fontes de ingresos do concello son o sector servizos e a agricultura. En setembro de 2018 había 228 aficialicións laborais, con 107 traballando no sector servizos, 65 na agricultura, 45 na industria e 13 na construción.

Empresas
O Ige dá conta da existencia, con datos de 2016, dunhas 80 empresas. A gran maioría correspóndense con persoas físicas, se ben hai cinco con máis de dez empregados, unha delas con máis de 50.

Manuel Requeijo: "Temos pendente o polígono da Cabana, para o que...
Comentarios