Manuel de Lea será Trapeiro de Honra a título póstumo

Lareira de Soños renderalle homenaxe a este vilarego que colaborou co libro da parroquia
Manuel Fernández Corral, oitavo Trapeiro de Honra. EP
photo_camera Manuel Fernández Corral, oitavo Trapeiro de Honra. EP

"Manuel foi unha das persoas máis queridas e respectadas tanto na súa parroquia de nacemento, Os Vilares (Guitiriz), coma na de residencia, Momán (Xermade)", precisan dende Lareira dos Soños para explicar as razóns que levaron á entidade a elixir a Manuel Fernández Corral, coñecido como Manuel de Lea, como VIII Trapeiro de Horna, distinción que recibirá a título póstumo logo do seu pasamento en setembro, aos 99 anos de idade.

"Labrego, zoqueiro, comerciante, foi un dos principais informantes de Pastora Veres para o seu libro Lareira de Soños, debido á súa prodixiosa memoria e sabedoría da contorna", din tamén dende a entidade sobre a colaboración coa publicación na que o seu capítulo leva por título El camarada primero, en alusión ao primeiro libro que el lembraba ler.

A lectura foi unha das súas grandes afeccións e a súa vida ben podería dar "para un libro", como indica a súa filla, Lupe Fernández, que agradece "infinitamente" que Pastora acudise a seu pai para saber da historia lo lugar.

"Naquel momento non estaba moi animado, sentíase vello, custáballe todo e para el foi como revivir, recuperou a ilusión ao ver que eran importantes moitas cousas que el sabía e ás que non lla daba; a partir de aí empezou a falar moito máis de antes, da súa infancia, e foi unha gozada para toda a familia escoitalo contar historias e oílo cantar cancións ata o final, velo desfrutar da vida e sentirse importante ata o último momento", conta Lupe a través do teléfono, sentada na cadeira onde sempre sentaba seu pai.

"Podería falar horas e días del, deixa pegadas moi profundas, habería tantísimo que contar, tanto, tanto...", asegura unha orgullosa filla, destacando a valía, a intelixencia e a cultura que tiña seu pai, unha persoa á que "non lle gustaba chamar a atención nin ir de protagonista".

"Eu sentía moita admiración por el, para min érao todo", confesa Lupe, que relata que Manuel, tras quedar viúvo con oito fillos pequenos –tiñan de 33 días a once anos–, "soubo manter a familia unida e fixo de amigo, de mamá e de papá; eu sempre me sentín querida, respectada e protexida, e todos meus irmáns igual".

"El sempre estaba disposto a axudar, pedíanlle consello... parecía que non había cousa que non sabía facer", asegura sobre un "home de principios" que foi zoqueiro, segador, garda civil... e tivo unha tenda de roupa e de calzado en Momán coa que sacou adiante unha gran familia "agradecida" polo nomeamento, pois "todo o que sexa con cariño, benvido sexa".

Xermade. Acto o día 28 na capela de Momán

Lareira de Soños organiza o día 28, ás 12.30, o acto de entrega do título de Trapeiro de Honra na capela de Santo Antón, localizada no Campo da Feira e ben preto da súa casa de Momán, parroquia xermadesa onde Manuel viviu boa parte da súa vida.

A familia recibirá unha peza exclusiva da deseñadora Viki Rivadulla, colaboradora habitual de Lareira de Soños e da Nova Poesía Guitirica.

Manuel é o oitavo Trapeiro de Honra, logo de Díaz Castro, tamén a título póstumo, a Romaría Labrega da Chaira, Pepe de Cristos, Asunción dos Ares, Raúl Río, Sara das Reixas e Man Castro.

Comentarios