Manuel Ferreiro: "Moitas historias oínas na lareira cos meus avós"

O escritor vilalbés presenta a súa terceira obra, A casa da Toia, editada polo Iescha
Manuel Rubiños Ferreiro. EP
photo_camera Manuel Rubiños Ferreiro. D. CABO

Manuel Rubiños Ferreiro naceu hai 61 anos en Vilalba, nunha das rúas máis emblemáticas, Porta de Cima. Con 23 anos comezou a traballar como recepcionista no Parador. Namorado do antigo e das historias que lle contaban cando era cativo, gústalle plasmalas sobre o papel. Algúns din que é "o rei da retranca".

A Casa da Toia, editado polo Iescha, é o seu terceiro libro. Como o define?

É unha obra teatral cómica que se desenvolve en Vilalba entre finais do século XIX e principios do XX. Retrata con moita retranca a vida daqueles tempos e as miserias que sofren os seus personaxes.

Que sucede na historia?

Transcorre nunha pousada da localidade vilalbesa que rexenta unha viúva. Gran parte da obra xira en torno dun hipotético tesouro agochado nun castelo. A viúva desconfía de que o seu marido o atopou e non llo dixo. Está tan intrigada que acaba mercando un libro para falar cos espíritos. Despois ocorren os feitos.

Cal é a parte máis destacada?

O final, cando se resolve que foi do tesouro, é a parte que máis vai sorprender á xente. Ademais, escribino de maneira que unha páxina te invitase a ler a seguinte, xerando suspense.

De onde provén a súa inspiración para escribir?

Moitas historias oínas na lareira cos meus avós. Para min as lareiras son a pedra de Ara de cada familia. Colocabámonos arredor do lume e aí contabamos historias antigas. Ademais, de pequeno, gustábame moito ir ás tres universidades de Vilalba: as barbarías, as zapatarías e as tabernas.
Firma como Manuel Ferreiro. É unha homenaxe ao meu avó materno e padriño. Chamábase Manuel Ferreiro, non escribiu obras, pero andaba todo o día por aí recitando poesías populares e contando historias.

Haberá próximas obras?

Penso publicar A Crica, que non é o que pon no dicionario, senón unha saída oculta que tiñan os vellos castros. É unha comedia teatral na que uns antigos castrexos aparecen na Vilalba actual. Tamén quería traballar nun par de novelas.

Leva 38 anos traballando no Parador. Está feliz?

Sempre me gustou falar coa xente e contar historias. É un traballo que me encanta porque me atopo con xente de moitos lugares do mundo. Fago de recepcionista e tamén realizo algunha visita guiada, que me gusta máis.

Que fará ao xubilarse?

Ao mellor collo un carro e un cabalo, voume polo Camiño de Santiago co pucheiro da queimada e póñome a contar historias vestido de época. Dixo a miña muller que non estaba ben da cabeza (ri). Con máis tempo, quero seguir escribindo e, incluso, xuntarme á Liga Santaballesa e facer teatro.

Ten algunha outra afección?

Gústame viaxar, aínda que non o fixen moito ultimamente. Antes andaba bastante na bici de montaña. Tamén me encanta escoitar  música tradicional do país.

Como se describe?

Son un amante do antigo, un retranqueiro que trata de comprometerse coa súa terra.

Un amante tamén do medieval, non si?

Si, tiña que nacer nesa época. Gustaríame ir, pero só temporalmente, que a saber o que duraba... eran máis fortes ca nós.

Un libro que recomendaría.

Namoroume As crónicas do sochantre e tamén me gusta Xente de aquí e de acolá, ambas de Álvaro Cunqueiro. Outra é O pauto do demo de Ánxel Fole.