Manuel Espiñeira: "Pardiñas é un encontro de familia, de amizades, un mundo de cultura"

'Terras de Miranda', ‘A vida por diante’, ‘Padre Casares’, ‘Serramoura’, ‘Pazo de Familia’, ‘Lobos e Cordeiros’... Son moitos e moi variados os títulos do audiovisual galego nos que traballou o guitiricense Manuel Espiñeira en case 20 anos de profesión. Dous Mestre Mateo á mellor relización —compartidos con Carlos Sedes e Jorge Coira— e varias nominacións máis avalan a traxectoria dun director e realizador que estrea nova serie na TVG, a comedia de 13 capítulos ‘Do dereito e do revés’, producida por Think First, mentres soña con sacar adiante o seu proxecto máis persoal, un documental sobre o Festival de Pardiñas.

Manuel Espiñeira. XAQUÍN DOMÍNGUEZ
photo_camera Manuel Espiñeira. XAQUÍN DOMÍNGUEZ

A TVG estreará en breve a comedia Do dereito e do revés, que vostede dirixe, que vai atopar o público?

Unha comedia de situación con moita retranca, cuns personaxes divertidos e chea de situacións enredantes e conflitos disparatados con resolucións cómicas. O noso protagonista é un avogado un pouco trapalleiro cuns clientes tramposos que fan que se enrede en situacións de fraudes, estafas, timos, prevaricacións, etc. Ademais, deberá atender os seus conflitos familiares coa súa filla, a súa ex, que é a nai da súa filla, e coa súa nai, que volta da aldea a poñer un pouco de orde na vida do seu fillo. Todo isto contado con moita ironía da boa e moito humor branco.

Con que queda desta produción?

Co traballo das actrices e dos actores, que se entregaron ao proxecto e que defenden o seu papel sen pudores, e tamén co resto de compañeiros/as do equipo na súa parte técnica e organizativa, que puxeron o seu esforzo para que esta historia fose para adiante sorteando tódalas dificultades e a falta de recursos. Aproveito para dar as grazas a todos os integrantes do equipo técnico e artístico, primeiro por aturarme e segundo por todo o seu traballo, esforzo e dedicación a esta obra que fará que se boten unhas risas nos fogares da Galiza. 

'Do dereito e do revés' é unha comida de situación con moita retranca, cuns personaxes divertidos e chea de situacións enredantes

Que a diferencia de proxectos anteriores?

Pois basicamente o ton da serie. Nas que traballei ultimamente eran dramas de suspenso, tanto policiais coma familiares, e o ton de Do dereito e do revés e de comedia pura e dura. Neste formato hai que estar moi ao tanto de que funcionen os chistes dos diálogos e da creación de gags visuais.

Traballou nalgunhas das series máis recoñecidas do audiovisual galego, chamaron á súa porta para dirixir fóra?

Pois o certo e que non, pero aínda están a tempo de facelo. De tódolos xeitos estou moi contento de traballar na Galiza e en galego, polo que namentres vaia atopando traballo na miña terra aquí quedarei. Aberto sempre, iso si, a calquera oferta de fóra.

Aos actores parece que sempre se lles pregunta se queren ir a Hollywood, coma se fose a meta final, aos directores tamén lles pasa?

Supoño que moitos si terán coma obxectivo final ir a Hollywood, non o sei. No meu caso nunca o contemplei, estou moi a gusto traballando na nosa terra e vivindo nela, e gústame traballar na nosa lingua e para a nosa cultura, para construír e enraizar o noso propio audiovisual, galego galego.

Canto da visión do director hai no que chega ao espectador?

No traballo de contar historias audiovisuais sempre hai unha parte que é a visión do director, que non deixa de ser unha lectura subxectiva da historia que ten diante, o que fará que na realización desa obra se reflictan as súas ideas e puntos de vista. Dende sempre no audiovisual houbo directores que marcaron o seu carácter na historia que contaban e outros que mantiñan o punto de vista ideado e deseñado por produtores e guionistas para ese produto. 

Non se fan moitas producións en galego, que son as que necesitamos para que a nosa lingua e a nosa cultura sigan vivas

As novas tecnoloxías están moi presentes no audiovisual actual, facilitan o traballo ou poden chegar a ser un condicionante?

Facilitan o traballo e abaratan custos e procesos que antes se alongaban no tempo. Fai anos, cando tiña que corrixir a montaxe dun capítulo, tiña que coordinarme en horarios co montador para visionalo xuntos nunha sala de montaxe, e agora quedamos a unha hora para velo, pero el na sala de montaxe e eu na casa a través dun videochat. E este é so un exemplo desas vantaxes tecnolóxicas.

Como está de saúde o audiovisual galego?

Creo que non esta o ben de saúde que debera estar. Estanse facendo moitas producións de todo tipo para plataformas de pago, e iso e bo xa que xera moito traballo para os profesionais, pero non se fan moitas producións en galego, que son as que necesitamos para que a nosa lingua e a nosa cultura sigan vivas e teñamos un audiovisual galego real. 

Tense falado moito das axudas á creación, son necesarias?

Si, son necesarias, hai que botar unha man ás persoas que teñen grandes ideas e proxectos e que necesitan esa axuda económica para desenvolvela e levala a bo fin.

Que proxectos profesionais ten?

Agora mesmo, rematar o proxecto no que estou. Logo ando enredado nun documental sobre o Festival de Pardiñas e dándolle voltas a unha serie en comedia documental. E pendente do teléfono, tamén.

Pardiñas necesita un documental qu conte a súa historia pasada, presente e futura, no que se respire o espírito de paz e de liberdade que hai nel

Nese documental sobre Pardiñas, que lle gustaría reflectir?

Pois a forma de ser dun pobo libre como é no Festival de Pardiñas, onde os asistentes conviven sen prexuízos. Tamén me gustaría reflectir o esforzo e gran traballo que realizan as persoas que o organizan e darlles a visibilidade que merecen.

Como xurdiu esta idea? 

A idea xurdiu de ver que Pardiñas é un gran festival que necesita un documental que conte a súa historia pasada, presente e futura, no que se respire o espírito de paz e liberdade que hai nel. 

Quen ten que saír nel si ou si?

O cura de Xermolos, Alfonso Blanco, alma máter da asociación organizadora do festival.

Que cre que significa o festival para Guitiriz?

Pois a data máis importante do ano, a que todos agardan que chegue. É un encontro de amizades, de familia, un mundo de cultura e de diversidade cultural, e como non, un recurso económico máis para unha vila rural sen industria e na que empezan a despoboarse os seus lugares e aldeas.

De preto: "Gústame gravar en exteriores, pero o plató ten o seu encanto, sobre too se chove ou fai un frío que nin diola"
O audiovisual é...
Un mundo sen fin.
Como espectador recomenda...
Ler. Na tele ver contidos de ficción, a realidade dá pena. 
Un director de referencia?
Un sería pouco. Moitos.
Un actor/actriz co que traballar?
Calquera co/a que non traballase.
Unha película/serie na que lle gustaría ter participado?
Breaking Bad.
É máis de cine ou de televisión?
Dos dous.
Para gravar, prefire estudio ou exteriores? 
Exteriores, pero o plató tamén ten o seu encanto, sobre todo se chove ou fai un frío que nin diola.
Ten un xénero predilecto?
Non, consumo máis drama por que tamén se fai máis drama, pero vexo comedia, terror, acción... o que sexa. Selecciono máis o xénero segundo o momento que me atope de ánimo.
Que hai de certo no de que non se debe traballar nin con nenos nin con animais?
Todo, tanto nenos como animais son difíciles de dirixir, de aí o dito. Pero hai de todo, vacas e cans obedientes, nenas/os extraordinarios e adultos que manda moito nabo.
Unha imaxe vale máis ca mil palabras?
Si, sempre. Logo hai palabras que son difíciles de poñer en imaxe.
Podería vivir sen unha cámara?
Non, levo sempre unha comigo, e esta tamén a do móbil.
Un recuncho para desconectar?
A miña horta. Calquera lugar perdido da Galiza onde non chegara o turisteo erosionador.
De pequeno quería ser...
Maior.

Comentarios