jueves. 24.10.2019 |
El tiempo
jueves. 24.10.2019
El tiempo

Manuel Cruz: "A Terra Chá é onde máis teño aprendido da gandería de leite"

O xornalista Manuel Cruz, pregoeiro da Moexmu. EP
O xornalista Manuel Cruz, pregoeiro da Moexmu. EP

Ten estado moitas veces na Chaira, dende que alá polo ano 1996 comezaba a traballar en dous dos programas máis emblemáticos da TVG, O Agro e Labranza, centrados no sector agropecuario e que o xornalista do Barco de Valdeorras dirixe dende 2011. Porén, a visita que fará este venres 5 de abril (19.00 horas) será distinta e especial. Manuel Cruz será o protagonista da noticia ao ler o pregón da XXXV Moexmu

Como o fai sentir ser elixido como  pregoeiro da Moexmu?

Moi orgulloso e moi agradecido á comisión organizadora por pensar en min, porque a pesar de ser do Barco de Valdeorras, na outra punta de Galicia, Muimenta e a Terra Chá son dos lugares que máis teño visitado como xornalista e onde máis teño aprendido da raza frisoa e da gandería de leite.

Ten xa unha idea do que dirá?

Farei unha pequena escolma das miñas vivencias persoais na Moexmu e daquelas cousas que máis me chamaron a atención cando descubrín un recuncho de Galicia tan distinto de onde me criei.

Lembra a impresión que tivo a primeira vez que estivo en Muimenta?

O que máis me chamou a atención foi a inmensidade da chaira, os horizontes abertos da zona da colonización, as edificacións daquela época, co seu par de silos cilíndricos, as estradas e camiños que se perdían no horizonte sen curva ningunha. Ao vir dunha zona de montaña é unha paisaxe que impresiona moito.

Leva moitos anos a ofrecer información agropecuaria, que relevancia cre que ten a Moexmu nese mundo?

Outra cousa que me impresionou foi a cantidade de xente e de expositores que había na Moexmu, a vitalidade desta feira nun contexto no que case todas as feiras rurais de Galicia están esmorecendo. Penso que a Moexmu representa a vitalidade que a actividade agraria ten en toda esta zona do norte da provincia de Lugo e a través do seu concurso de gando reflicte á perfección o alto nivel de desenvolvemento que ten acadado a gandería de leite desta zona, ata o punto de converterse nun dos concursos de referencia para todos os criadores de frisón de España, non só para os lugueses ou os galegos.

A Moexmu está consolidada como o mellor escaparate do peso que o sector agropecuario ten para a comarca

Cales cre que son as achegas máis importantes da Moexmu en 35 anos de historia?

Penso que consolidarse como o mellor escaparate do peso que o sector agropecuario ten para toda esta comarca e ao mesmo tempo saber incorporar a artesanía e as producións tradicionais da Terra Chá. Non debe ser nada fácil manter este esforzo durante 35 anos dende unha localidade tan pequena como Muimenta e converterse no referente de toda unha comarca tan grande.

Cal é o posicionamento da comarca chairega no mundo labrego e gandeiro?

Para min é unha das comarcas con máis identidade propia de Galicia, que vén dada pola singularidade da súa orografía, e que penso que chama a atención a calquera que a visite por primeira vez. Hoxe en día a Terra Chá, xunto coas comarcas veciñas, constitúe o principal núcleo produtor de leite de España. Os gandeiros de leite desta zona fixeron un grande esforzo por modernizarse e dimensionar as súas explotacións, e exemplos como o da Denominación de Orixe San Simón da Costa amosan que tamén souberon incorporar as producións tradicionais. A Terra Chá tamén é un referente en vacún de carne, porcino, avicultura e está a incorporar novas producións, coma os arandos.

O Agro e Labranza son dous programas moi veteranos, como se logra resistir tanto tempo?

Galicia é un país eminentemente rural, e a min gústame sempre empregar o termo rural como algo positivo. O potencial produtivo da nosa terra é a maior riqueza que temos, malia que aínda haxa xente que asocia o agro co atraso, e nós tentamos darlle voz a todas esas persoas que deciden apostar pola nosa terra. Penso que tamén inflúe o vencello que os galegos teñen co medio rural. A marcha do campo ás cidades aínda foi relativamente recente na nosa terra e case todo o mundo mantén  algunha relación, de primeira ou segunda xeración, coas súas orixes agrarias, polo que temos moitos espectadores que malia vivir na cidade seguen tendo curiosidade por ver como están a evolucionar os xeitos de producir e de traballar no agro.

Malia que aínda haxa quen asocia o agro co atraso, nós tentamos darlle voz ás persoas que deciden apostar pola nosa terra

Púxose á fronte deles ao xubilarse o fundador, Anxo Vázquez, que lle deben o formato e vostede?

Pois precisamente creo que outra das claves da pervivencia destes programas é o enfoque que Anxo Vázquez lles deu dende o principio e que nós continuamos. Como axente de Extensión Agraria e perito agrónomo tiña unha visión do sector agrario dende dentro, e esta especialización, o poder ofrecer unha información do sector e para o sector, fixo que conseguise captar a atención e o interese de agricultores e de gandeiros. Dende que el comezou a facer información agraria, alá por principios dos 80, á actualidade, o número de persoas ocupadas no sector agrario reduciuse moito, pero penso que ao consumidor de hoxe tamén lle interesa coñecer de onde saen os produtos que acaban na súa cesta da compra.

Como xornalista, cre que o peso que ten a información do sector agrario nos medios de comunicación se corresponde coa súa relevancia na realidade galega?

Penso que non. A diferencia do sector da pesca, máis organizado e concentrado, e que dispón de seccións específicas diarias na maioría dos xornais, o sector agrario está menos organizado e malia ao seu peso na economía e na sociedade galega non ten o mesmo eco nos medios. Un mal xeral do xornalismo hoxe en día é a falta de especialización e que a axenda informativa se decide dende as cidades, dende o mundo urbano, e ás zonas rurais cústalles máis acceder aos medios.

De preto: "Meu pai mantiña unha viña e un souto e mentres estiven alí botáballe unha man"
Tiña algunha relación previa coa gandería ou a agricultura?
Na casa familiar, aló no Barco de Valdeorras, meu pai mantiña unha viña e un souto, e mentres estiven alí botáballe unha man coa poda, o sulfato, a vendima… e aínda seguimos recollendo castañas do souto.
Hai algunha reportaxe ou información que lembre especialmente?
Lembro unha que fixemos sobre a cría de bois en Galicia para o idi probak, o deporte tradicional vasco de arrastre de pedras cunha xunta de bois. Gravamos os últimos criadores deste tipo de bois na montaña luguesa e despois viaxamos ata o País Vasco para velos competir.
É quen de contar cantas veces estivo na Terra Chá?
Buf, imposible. Tamén é certo que antes dos 22 anos nunca parara nela, pero desde que estou neste programa teremos visitado a Terra Chá centos de veces.
Sentiuse tentado de deixalo e probar outros camiños profesionais?
Non.
Un animal?
A vaca.
Unha planta?
O castiñeiro.
Unha semente?
A landra.
Un programa de televisión?
Cachitos de hierro y cromo.
Un referente?
Castelao.
Un libro?
Sempre en Galiza.
Un lugar para perderse?
Valdeorras.
De pequeno quería ser?
Barbeiro.
De non ser xornalista sería...
Historiador ou antropólogo.

Manuel Cruz: "A Terra Chá é onde máis teño aprendido da gandería de...
Comentarios