lunes. 18.10.2021 |
El tiempo
lunes. 18.10.2021
El tiempo

Carballeira: "Este certame é como estar amosando o teu traballo aos teus veciños da Terra Chá"

Manuel Carballeira. EP
Manuel Carballeira. EP
Serán poucas as persoas que non identifiquen nunha soa ollada a imaxe que recolle a obra ‘Cara adiante’, coa que o artista cospeités Manuel Carballeira vén de impoñerse no clásico Certame Galego de Arte do belén de Begonte. E será por esa pandemia na que leva a pensar case ao momento o seu cadro, aínda que fose ideado previamente, polo que non poderá recoller en persoa o premio

O nome de Manuel Carballeira Rivas, natural da parroquia cospeitesa de Sistallo e afincado en Valdoviño dende hai anos, é un habitual en exposicións (as súas obras puideron verse en lugares tan dispares coma Vilalba, As Pontes, Vigo, Madrid, Chaves ou New York), certames de pintura rápida (só en 2020 sumou media ducia de recoñecementos) e outros concursos, entre eles o tradicional Certame de Arte José Domínguez Guizán de Begonte, onde xa acadara un premio en 2016 coa marina Baixamar. Na atípica edición deste Nadal, á que concorreron 18 propostas, conquistou ao xurado Cara adiante, obra da que este salientou a súa "composición, perspectiva, calidade técnica, cor e temática". e que lle reporta unha recompensa de 1.500 euros, un diploma e unha figura de Sargadelos.

Vén de gañar o XXXI Certame de Arte do belén de Begonte coa obra Cara adiante, que o levou a decidirse por pintar e presentar este cadro?

Dende hai uns anos xa rondaba na miña mente esta representación pois todo xurdiu nunha etapa na que me tocou acompañar a meu pai ingresado no Hula e cada vez que saía pola porta quedábaseme gravada esa imaxe da xente saíndo a un espazo libre. Foi nesta pandemia cando decidín darlle forma e sentido.

Que significado lle dá, como o definiría?

Creo que reflicte bastante ben unha saída próxima deste estado de pandemia á case permanente néboa de Lugo, onde soe acabar saíndo o sol.

A pandemia, inspira?

Máis que inspirar, fainos reflexionar e, por suposto, pensar moito. 

A obra xurdiu con meu pai no Hula, cada vez que saía pola porta quedábame esa imaxe da xente saíndo a un espazo libre
 

A que tivo que renunciar neste último ano de confinamento e de restricións? 

Como a inmensa maioría da xente, tiven que renunciar á proximidade coas persoas que máis botamos en falta e á liberdade á que estabamos acostumados, e creo que xa non é pouco.

Como cre que lle está a afectar a situación ao mundo da arte?

Como lle afecta a moitos máis sectores, no noso caso conleva unha falta de concursos e o ter as galerías e as salas de arte pechadas. Tamén supón un mercado practicamente paralizado, ou polo menos así o vexo eu.

É un veterano no Certame de Arte do belén de Begonte, que o leva a presentarse a este tipo de convocatorias? E que significan este tipo de certames para os artistas?

Presentarse a este certame é como estar amosando o teu traballo aos teus veciños da Terra Chá e se por encima tes a sorte de gañar un premio, xa é un dobre recoñecemento. Logo non podo olvidar que tamén representa un aporte económico para a miña economía.

Os premios serven para a satisfacción persoal do recoñecemento dos demais á túa obra e tamén para a economía familiar

Para que serven os premios?

Serven para moitas cousas, pero principalmente son para a satisfacción persoal do recoñecemento dos demais á túa obra e tamén, e non menos importante, para a economía familiar.

Adoita participar en certames de pintura rápida, como se enfronta o ter que darlle forma a unha obra en apenas unhas horas? 

Pois afróntase con presión e con inquedanza, xa que esta modalidade require de moita práctica e de moita concentración, e iso implica traballar baixo moita presión.

Prefire ese tipo de presión ou decántase por ter tempo para definir unha obra?

Son dúas técnicas moi distintas, ademais de que se afrontan de maneira moi diferente, pero gústame calquera delas.

Ten algún proxecto próximo? 

Esta pandemia truncou os proxectos que tiña previstos, pero aínda así eu non deixo de prepararme para os vindeiros cando xurdan.

Esta pandemia truncou os proxectos que tiña previstos, pero non deixo de prepararme para os que xurdan

Imparte clases de pintura, que lle pide aos seus alumnos?

Que desfruten do seu traballo.

Un consello para esas persoas as que lles gustaría pintar ou debuxar, pero consideran que non teñen as aptitudes necesarias?

O mesmo, que desfruten co seu traballo, porque o que menos importa é a aptitude, o máis importante é a actitude.

No seu momento, decidiu centrase profesionalmente na arte, que o levou a dar ese paso? 

A miña decisión estivo sempre presente ao longo da miña vida laboral, porque sempre estiven activo neste eido e só me fixo falta atopar o momento ideal para dar ese paso, do cal me alegro.

Arrepentiuse nalgún momento de tomar esa decisión?

En ningún momento se me pasou pola mente o arrepentimento e non espero facelo nunca.

Cara adiante. CARBALLEIRA

De preto: "Todo o que che encargan ten algo de misterio, por estraño que pareza"
Que hai de Manuel Carballeira en cada obra? 
O primeiro a firma, e no contido a manufactura persoal.
Un cadro? 
Un non, si a todos os cadros.
Unha cor?
Todas, e cantas máis mellor.
Un material imprescindible? 
A pintura.
Un momento para pintar?
Calquera momento é bo se tes ese desexo.
Que non pintaría?
A nada.
Como referente para pintar, mellor en vivo ou a partir dunha foto?
Os dous son marabillosos, cada un no seu contexto.
Que foi o máis estraño que lle encargaron?
Pois non recordo, aínda que todo o que che encargan ten algo de misterio por estraño que pareza.
Unha pintura pendente?
A que faga mañá ou pasado... a ser posible.
As novas tecnoloxías son...
Xa case imprescindibles.

Carballeira: "Este certame é como estar amosando o teu traballo aos...
Comentarios