domingo. 13.06.2021 |
El tiempo
domingo. 13.06.2021
El tiempo

Manuel Becerra volve á escola

Francisco Balado, na biblioteca do Veleiro, xunto ao director do centro. EP
Francisco Balado, na biblioteca do Veleiro, xunto ao director do centro. EP
O Concello de Castro de Rei difunde a figura do ministro, natural da Ponte de Outeiro, cun reparto de libros nos colexios

O 20 de outubro do ano 1820, nunha casa da Ponte de Outeiro que xa non existe, nacía Manuel Becerra Bermúdez. Aínda que se conta que hai anos se oía dicir polas corredoiras do lugar "a ver se chegas a ministro, que tempos houbo nos que na Ponte de Outeiro naceu un", hoxe á maioría o seu nome non lles sonará. Mais o certo é que este neno de aldea tivo un gran peso político na España da segunda metade do XIX, na que chegou a ser ministro en sete ocasións.

O Concello de Castro de Rei leva tempo a traballar para poñer en valor a súa figura e dúas desas iniciativas confluíron esta semana. A finais de 2020, coincidindo cunha homenaxe popular na Ponte de Outeiro con motivo do 200 aniversario do seu nacemento, Manuel Vila e Xosé Antón Pombo Mosquera presentaban un libriño, patrocinado polo Concello, no que se repasa a traxectoria de Manuel Becerra, finado en 1896.

Esta pequena e didáctica obra, que naquel momento se lles agasallaba aos asistentes á inauguración do monolito na súa memoria, chegou agora ás escolas da man do alcalde, Francisco Balado, que se achegou persoalmente ao Ceip Ramón Falcón de Castro de Rei e ao Veleiro Docampo de Castro para repartir entre o alumnado e os docentes preto de 400 copias da publicación e ofrecer unha pequena explicación sobre a súa figura.

undefined

"Quixemos facelo coincidir coas Letras Galegas porque Manuel Becerra forma parte da nosa cultura, naceu nunha parroquia do noso concello", apunta o rexedor, que confía en que pouco a pouco os veciños se vaian familiarizando con personaxes destacados coma este político chairego, que non só forman parte da historia do concello, senón da de todo país, pois ata se conta que na súa época, os nenos xogaban a ser Becerra.

Con notorios coñecementos en matemáticas ou en astrononomía, bo ximnasta e hábil na esgrima, estudou Enxenería en Madrid, onde chegou a participar na redacción da Constitución de 1869. En distintos momentos, ocupou as carteiras ministeriais de Ultramar, Estado, Fomento e Educación, impulsando acordos co Vaticano, defendendo o sufraxio universal masculino ou apostando por unha instrución primaria obrigatoria para nenos e nenas e por incluír a educación física nas escolas.

Manuel Becerra volve á escola
Comentarios