jueves. 28.05.2020 |
El tiempo
jueves. 28.05.2020
El tiempo

As Mans de Irimia honran o recordo de Xabier P. Docampo e Xosé da Flor

Asistentes ao acto no Pedregal de Irimia. M.ROCA
Asistentes ao acto no Pedregal de Irimia. M.ROCA

A amizade do escritor e a palabra do mozo chairego centraron a VI Festa da Dignidade

O "don da comunicación" dun rapaz de Meira, Xosé da Flor, cunha "gran personalidade" e a condición de "amigo" por riba das "múltiples facetas para o desenvolvemento cultural do país" do escritor chairego Xabier P. Docampo inundaron este sábado o Pedregal de Irimia, que acolleu por sexto ano a Festa da Afirmación e Dignidade, un acto organizado por Xermolos e a Irmandade Manuel María.

Ambos persoeiros foron os homenaxeados nesta ocasión, dándose o caso de que os dous recibiron a título póstumo o recoñecemento das Mans de Irimia, cunha escultura creada polo artista Manolo Pardo.

No caso de Xosé da Flor, recolleu a peza o seu irmán, mentres que Ermitas Rodríguez, da asociación Eme de Meira, leu, moi emocionada, unha semblanza sobre un mozo "namorado da súa vila, da súa xente" e que "sempre que o reclamaban, ía co seu sorriso e arrincándonos sorrisos aos demais". "Era un talento por descubrir, un rapaz con alma de escritor. E como todo artista, tiña a súa musa, que era Meira", recordou.

A xornada contou tamén cun xantar de confraternidade e varias actuacións musicais na Praza do Convento

Ermitas tamén apuntou que a súa marcha hai case un ano "foi como unha riada" e que el "segue entre nós". Agradeció ademais esta homenaxe na Festa da Dignidade porque permite que "dúas peticións que ían esmorecendo collan forza", que o Concello nomee fillo predilecto a Xosé da Flor e a recollida de sinaturas para que a biblioteca leve o seu nome.

Baldomero Iglesias "Mero" foi o encargado de falar de Xabier P. Docampo, cuxo fillo recolleu as Mans de Irimia. "Podería contarvos moitas anédotas, pero o importante é que a memoria de Xabier vai estar con nós eternamente", dixo.

Mero tamén foi o autor do manifesto central desta cita que se leu de forma conxunta por varios dos presentes e tamén houbo intervencións como as de representantes de Adega, que criticaron a "eucaliptización" dun lugar "máxico e simbólico" como é o Pedregal de Irimia, para o que piden o recoñecemento de Monumento Natural; dos presos independentistas galegos e da AC Avelino Díaz, que ensalzaron a figura do poeta meirego.

A xornada contou tamén cun xantar de confraternidade e varias actuacións musicais na Praza do Convento.

As Mans de Irimia honran o recordo de Xabier P. Docampo e Xosé da Flor
Comentarios