O pontés Paco Jarel leva décadas dedicándose á produción de discos

Na súa lista de traballos figuran grupos como Voladura, Mi Perro Vincent, Os Cempés ou Xurxo Iglesias
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Paco Jarel. EP

Polas súas mans pasan moitas e diferentes músicas. O pontés Paco Jarel compaxina dende hai décadas o seu traballo na panadería familiar -San José das Pontes- coa súa afección polos sons. E tras os seus mandos hai unha longa lista de traballos de gravacións e concertos con grupos e músicos, sobre todo das Pontes, Terra Chá, Ferrolterra ou A Mariña lucense.

"Fun Dj en pubs nas Pontes, estiven en Chanel e Esmorga, e funme estudar técnico de son a Barcelona en 1989. Alí estiven dous anos facendo prácticas e cando volvín aquí decidín dedicarme por libre á produción e a facer directos", explica Jarel, que recoñece, mirando atrás, que sempre estivo moi unido á música. Esta paixión mantivoa co paso do tempo traballando en numerosos proxectos, tanto en estudo como en concertos ou a través doutras propostas máis diversas, como facer a música para unha exposición de arte ou para un programa de cociña.

Na súa lista, hai maquetas e discos de diferentes estilos musicais, que van do rock ao folk e da música electrónica de outros á súa propia. En 2014 publicou o disco 'Teo', adicado ao seu fillo. "Foi algo case accidental, tiña as miñas cancións e animeime, pero fíxeno máis como un recordo persoal que cun interés comercial, pero espero facer algunha cousa máis co tempo", di.

"A música é un idioma universal, polo tanto, cada estilo musical ten a súa propia esencia", indica Jarel, e nomea algúns grupos cos que traballou, como o grupo de música electrónica Kill Bill G, de Patxi Villegas e o pontés Luis Díaz-Faes, Os Cempés, o gaiteiro pontés Freixo, os vilalbeses The Vicentes, Alicia y Los Malicia, Mi Perro Vincent ou os seus dous últimos traballos, o EP 'Fulminato de mercurio', dos meiregos Voladura, ou 'Alpha', do pontés Xurxo Iglesias.

"Hai grupos moi esixentes, hainos tiquismiquis, pero eu tamén son bastante esixente e creo que é algo importante para ter un bo resultado"

"Normalmente busco locais para gravar que teñan boa acústica. Nestes dous últimos traballos axudounos moito o Concello das Pontes e deixáronnos o auditorio Alovi", di Jarel, que explica que tamén fai directos, como o último ciclo Sons da Bocanoite que organizou o Concello pontés.

Pero sinala que a pandemia aínda fixo todo máis complicado no sector. "Está todo parado e hai que seguir vivindo e traballando. Isto non vai durar dous ou tres meses e paréceme o máis normal que se sigan celebrando concertos e actos con seguridade", apunta, ao tempo que expresa o seu agradecemento a Vicente Roca, o actual concelleiro de cultura das Pontes, e á exconcelleira Sonia Sueiro.

"Somos poucos os que nos adicamos a isto pola zona pero case todos o temos como un segundo traballo. Vivir disto é complicado. As cousas cambiaron moitísimo. Hai menos financiamento e os grupos teñen que facelo todo e buscarse a vida. E hai moita xente que se autoproduce e prescinde de estudo. Ademais, saen demasiados discos cada día e é máis difícil destacar", di.

Para Jarel, o técnico de son é unha figura "fundamental" nun traballo musical. "O normal é que coñezas ao grupo e o repertorio, é importantísimo para traballar", di, mentres fala dun traballo, que pode ser máis sinxelo cando grava directos pero que se se asemella a un xigantesco puzzle cando se fai por partes e hai que encaixar cada instrumento ou cada voz.

"Hai grupos moi esixentes, hainos tiquismiquis, pero eu tamén son bastante esixente e creo que é algo importante para ter un bo resultado", defende, ao tempo que explica que un grupo que contacta con el para gravar o seu traballo "normalmente xa ten claro o que quere facer", pero que sempre se deixan aconsellar, sobre todo os máis noveis.

Comentarios