Superovella en Cospeito: mamá de familia numerosa

Unha ovella de dous anos da Gandería do Piñeiro trouxo cinco años, unha excepcionalidade que no seu caso comeza a ser costume, pois este é o terceiro parto múltiple
Aníbal, pai e fillo, coa prolífica ovella e as súas cinco crías. C. PÉREZ
photo_camera Aníbal, pai e fillo, coa prolífica ovella e as súas cinco crías. C. PÉREZ

Cinco son as vogais en castelán, os lobos da canción infantil, os dedos da man e tamén, dende o pasado día 22, os años que tivo unha ovella da Gandería do Piñeiro, na parroquia cospeitesa de Xermar. "Tense dado algún caso, pero son contados, o normal é que teñan un ou dous, pero a partir de tres xa é máis raro", explican Aníbal García Pita e o seu fillo Aníbal García Folgueira, sorprendidos pola facilidade do animal para procrear, xa que en pouco máis dun ano trouxo a este mundo nin máis nin menos ca trece crías.

E é que esta prolífica ovella cospeitesa -oficialmente non ten nome, así que cada quen pode bautizala como queira-, nada e criada na propia gandería e que conta con dous anos de vida, suma xa tres partos múltiples.

O primeiro foi en xaneiro de 2020 e daquela trouxo catro años. Ese mesmo ano, en setembro, repetiu fazaña e deu a luz a outras catro criaturas. E como non hai dúas sen tres, na Casa Piñeiro estaban convencidos de que neste terceiro ía volver ser nai de familia numerosa. E aínda así, houbo sorpresa. "Para a próxima igual trae seis se segue subindo, é unha máquina de facer crías", bromean.

"Que tivese catro case nolo esperabamos, pola barriga que tiña, pero con cinco non contabamos", lembran. E inciden en que pariu ela soa, sen precisar axuda e sen complicacións e que as crías, tres machos e dúas femias, naceron en perfecto estado e medran sen complicacións e demandando coidados.

O de ter ovellas é máis unha tradición, un complemento para consumo propio ou para facer algún que outro agasallo

Porque o que é inevitable é o problema loxístico. A ovella ten dous tetos, e deles maman dous dos años. Ao resto, hai que darlles biberón. Cales son, sábese ben nada máis entrar na corte onde permanecen nestes primeiros días de vida. Acoden con premura xunto de calquera persoa que sea sospeitosa de exercer de nai suplente, quizais pensando que é a hora dunha das catro tomas do día. Supoñen un traballo extra, recoñecen, pero tamén "dá gusto atendelos".

"A primeira toma é as sete da mañá, antes de ir muxir; a segunda é a unha; a terceira, ás seis da tarde; e a última, depende", resume Aníbal sobre unha tarefa na que se implican todos os membros da familia.

"Entre todos beben un litro de leite en cada toma, fan falta uns catro litros ao día para alimentalos", precisan pai e fillo, explicando que recorren ao que teñen en abundancia, o leite de vaca, pois esa é a actividade da Gandería do Piñeiro, unha explotación láctea que atende ao redor de 250 cabezas de gando.

O de ter ovellas é máis unha tradición, un complemento para consumo propio ou para facer algún que outro agasallo. "Temos cinco ovellas e un carneiro", precisan. E oito crías, tres que xa tiñan, doutras dúas ovellas, e as cinco desta mamá ovella que este domingo poderá celebrar o Día da Nai por todo o alto.

Comentarios