A malla revive en Castro de Rei

Unha trintena de voluntarios colaboraron nesta festa, promovida por Amigos da Feira, que incluíu no seu programa un xantar con 600 comensais á mesa
Festa da Malla de Castro de Rei. M. M.
photo_camera Festa da Malla de Castro de Rei. M. M.

A arte de separar o gran da palla volveu revivir con forza na Festa da Malla de Castro de Rei, unha cita lonxeva que está a piques de cumprir dúas décadas de vida coa mesma ilusión e intensidade do primeiro día. Sempre da man da asociación Amigos da Feira, unha entidade implicada no desenvolvemento social e cultural da vila chairega.

Este domingo, ademais de sortear o paso do tempo, os organizadores e os asistentes tamén tiveron que facer fronte a un desapracible día, no que a chuvia fixo acto de presenza a primeira hora da mañá para disgusto de todos.

Por sorte, as molestas pingas cesaron ao mediodía e o ruxir das máquinas máis ancestrais envolveu de novo unha animada carballeira chea de curiosos e veciños, que comprobaron en primeira persoa o duro traballo da malla. Del encargáronse nesta ocasión unha trintena de voluntarios, entre membros de Amigos da Feira e veciños, que enfundados nos seus monos de traballo, mallaron sen descanso uns 700 mollos.

Fixérono conformando unha cadea humana perfecta. Cada quen cunha tarefa concreta. Uns encargábanse de desfacer a meda, outros de pasar os mollos pola máquina de mallar, outros de apartar a espiga e preparar a palla para trasladala ao palleiro e, os últimos, levaban o trigo á limpadora para deixar o gran listo.

Formouse unha cadea humana perfecta, cada quen cunha tarefa concreta

Todo baixo a atenta mirada dos asistentes que, con cámaras e móbiles, afanábanse en inmortalizar todo o proceso, dende a posta en marcha das antigas máquinas de mallar ata o instante no que se gardaba o trigo nos sacos.

A REPOÑER FORZAS

Unha vez finalizados os traballos de antes, comezou unha festa das de agora. Tal e como marca a tradición, instalouse unha carpa na que se celebrou o xantar de irmandade que se promove conxuntamente con esta cita.

Nesta ocasión, foron uns 600 os comensais que repuxeron forzas despois de desfrutar da malla. A xornada completouse coa animación musical dun dúo e con varios pases dun espectáculo de maxia do Mago Antón.

Comentarios