Lúa Ribeira: "O que máis me apetece facer é pasar tempo fotografando en Galicia"

A fotógrafa pontesa afincada en Inglaterra agarda con "alegría" e "nervios" a inauguración este martes, no Jerwood Space de Londres, da mostra fotográfica dos premios Jerwood Photoworks, á que contribúe con 15 imaxes de 'Subida al cielo', unha colección na que ofrece a súa particular visión do medo á morte

Lúa Ribeira fotografando
photo_camera Lúa Ribeira fotografando

A fotógrafa pontesa Lúa Ribeira suma a partir deste martes unha nova exposición no seu haber, froito do recoñecemento obtido dos premios Jerwood. "O importante é compartir o traballo e ver como se percibe", explica sobre a mostra Subida al cielo, que sucede a outro dos seus proxectos máis persoais e creativos, Noises in the blood, consciente de que máis alá dos resultados inmediatos, a relevancia do traballo se atopa na permanencia da obra no tempo.

Que sensacións predominan antes da inauguración? 
Alegría e algo de nervios.

Que vai atopar o visitante?
O visitante atopará a obra de tres fotógrafos emerxentes seleccionados para desenvolver un proxecto coa axuda do premio Jerwood Photoworks, durante un ano: Alejandra Carles Torla, de Cataluña; Sam Laughlin, do Reino Unido, e eu. Eu presento 15 imaxes da serie Subida al cielo

Como definiría esta obra?
Definiríaa como unha interpretación persoal sobre o medo á morte, inspirada na representación que fan as distintas culturas e mitoloxías, relixiosas e non relixiosas, do fenómeno da morte e o que vén despois. Interésame o contraste entre a decadencia do propio corpo humano, e as creacións (mitolóxicas ou dogmáticas) extravagantes coas que tratamos de dar explicación a este fenómeno tan misterioso, ou tan evidente e claro.

A serie inspírase na representación que fan as distintas culturas e mitoloxías do fenómeno da morte e o que vén despois



Como xorde Subida al cielo
Eu teño unha formación en fotografía documental, unha tradición relacionada con 'documentar’ unha realidade concreta, (que, onde, como, cando) pero, despois de rematar Noises in the blood, un traballo sobre a cultura do dancehall jamaicano en Reino Unido, quería explorar a fondo o tipo de imaxes que me interesan, sen estar suxeita a un contexto ou tema determinado. Ao final, o medo a morrer témolo todos. 

Algunha razón para que o título estea en español?
O título refírese a esa subida ao ceo, unha imaxe arquetípica, case espiritual, en todas as culturas e relixións, dese ascenso a un lugar, para dar explicación ao misterio da vida. A razón de que estea en español... pois en inglés non quero máis títulos. E en galego, aínda non cheguei, pero aí vou. 

Ademais do Jerwood Photoworks Award, en 2017 tamén gañou o Magnum Graduate Photographers Award. Que supoñen distincións coma estas para o seu traballo? 
Supoñen ir construíndo unha base sobre a que sosterse como artista. Todas estas distincións ou premios son relativamente importantes para ir tirando, ademais de que lle dan a unha confianza no seu propio traballo. 

No Reino Unido a cultura está moito máis apoiada e, polo tanto, máis avanzada, e iso é calidade de vida para min



Noises in the blood ou Subida al cielo son coleccións artísticas, pensa no traballo por encarga, máis corporativo?
Hoxe en día, aquí no Reino Unido, si que é posible combinar a profesión comercial co traballo artístico. Require estar ben establecido nun dos dous mundos. Quero dicir que, ao comezo, creo que é mellor centrarse no que un realmente quere facer, e facelo ben. Despois xa un aplica esa identidade, esa maneira de facer, a calquera cousa. Gústanme as posibilidades do mundo da moda e teño traballado para revistas de moda en algunha ocasión. En Galicia, traballei varias veces con Carla López, a deseñadora das Pontes.

Ten novos proxectos en mente?
Teño que rematar varios proxectos aquí en Reino Unido e tamén un en Galicia. Creo que moitos dos proxectos que xa comecei me acompañarán de por vida. Pero o que máis me apetece facer é pasar tempo fotografando en Galicia.


Estudou Comunicación Audiovisual e Deseño Gráfico, cando tivo claro que a fotografía era o camiño polo que quería seguir?
Estudando Comunicación non tiña claro nada. A única materia que gocei foi deseño gráfico. Mentres cursaba deseño gráfico en Barcelona, a única materia que gocei foi fotografía. Cando por fin estudei fotografía, entendín que era algo vocacional. Agradezo ter logrado o privilexio de poder alargar esta busca, privilexio e tamén coraxe. A min o que me pasaba é que sempre me frustraba moito seguir normas cando facía algún traballo creativo... e buscando onde poder facer o que me peta, descubrín que había algo chamado arte. Nas Pontes non hai bacharelato artístico por exemplo, e en xeral, na nosa sociedade non hai un estímulo, non se lle dá valor, parece mentira. Pero na casa sempre houbo moitos libros e fotos e pinturas. Aos meus pais agradézolles moito que nunca me premeron, sempre me animaron profundamente a que fixese o que realmente me gustase, e penso que iso é raro.

Vese facendo o mesmo traballo en España? Sería posible unha colección fotográfica coas Pontes ou algunha realidade galega como punto de partida?
Encantaríame. E vouno facer moi pronto. Interésame Galicia, máis que As Pontes en concreto. Interésanme os estereotipos de Galicia, canto hai de verdadeiro... A nosa paisaxe e xeografía, a mestura de paganismo e catolicismo, o carácter, a identidade... Pero para facer iso, desgraciadamente, necesito o apoio doutro país, para o que, a pesar de ter tamén moitas criticas, se valora o meu traballo.

Que bota en falta para volver?
Eu volverei sempre, e seguramente, cada vez máis, porque me sinto cada vez máis unida a Galicia. Non á dos meus amigos ou a do meu pobo, senón dunha maneira más profunda, que non sei explicar. Pero despois de estudar aquí no Reino Unido, e de que se me acollera tan ben, pois son moi feliz aquí. Polo mesmo que comentei antes, estruturalmente a cultura está moito máis apoiada, e polo tanto, máis avanzada. E iso é calidade de vida para min, o compartir e absorber coñecemento.

A formación como estímulo é importante, abre horizontes, pero logo queda desaprender


Leva anos vivindo lonxe da casa, hai morriña?
Non, porque veño moi a miúdo. E quero vir a fotografar, hai ganas. 

Que é do que máis se lembra das Pontes?
Eu vou moito. A min As Pontes gústame, é a miña casa e aínda non me fun de todo.

Un fotógrafo de referencia?
 Virxilio Viéitez.

Unha foto da que lle gustaría ser a autora?
Por exemplo, Mujer puertorriqueña, de Diane Arbus. 

Unha que soñe con facer?
Algunha que se pareza a un cadro de Paula Rego.

E hai algunha que sabe que non faría?
Non. Faría calquera.

​Á hora de facer unha fotografía, canto hai de formación e canto de instinto?
"Dance first, and think later, its the natural order", decía Samuel Beckett. Eu aínda non sei facer fotos, e encántame todo o que me queda por aprender. A formación como estímulo é importante porque che abre horizontes, pero logo todo o que queda é desaprender, liberarse de todas as restricións, técnicas tamén. O que ás veces se considera ‘fotografía profesional’ pola calidade técnica é unha mediocridade. 

Se tivese que renunciar á cámara, a que cre que se dedicaría.
Á pintura.

Comentarios