A Pastoriza

Máis de 500 persoas pasaron polo CIN de Bretoña nos seus 4 meses de vida

A procedencia dos visitantes é, sobre todo, nacional e da Bretaña francesa e un dos obxectivos é achegarse a colexios doutros concellos
Maqueta do hipotético castro de Bretoña. S.IGLESIA
photo_camera Maqueta do hipotético castro de Bretoña. S.IGLESIA

A Casa de Galocha de Bretoña abría as súas portas aos visitantes fai catro meses como centro de interpretación (CIN), un "empeño persoal", manifestou o alcalde pastoricense, Primitivo Iglesias, polo que xa pasaron máis de medio millar de persoas. A súa procedencia é tanto nacional, "de Asturias, Andalucía ou Cantabria", destaca o rexedor, ata da Bretaña francesa, ademais dos propios veciños do municipio. 

"Estas cifras anímannos a seguir aportando máis materiais", comenta Iglesias, e indica que recentemente foi incorporada unha antiga maqueta que reconstrúe de xeito hipotético o antigo castro de Bretoña e que foi rehabilitada pola súa creadora, Eva Seoane. Ademais, o interior do museo tamén contén unha voluminosa ánfora do castro de Saa así como unha arracada e ilustracións e paneis informativos que retratan a pegada da diócese britoniense.

E é que na localidade pastoricense están "as orixes da actual diócese Mondoñedo-Ferrol, dende o século V ata o VIII", recorda Iglesias, quen afirma que "moitos se sorprenderían se coñeceran a historia de Bretoña, tan importante no pasado de Galicia", con personaxes tan relevantes como o bispo celta-bretón Maeloc.

O museo, que conta cunha maqueta do castro de Bretoña, abre de venres a luns, de 10.00 a 18.00 horas, e a entrada é gratuíta

O CIN fai así de máquina do tempo, permitindo ao visitante pasear polos vestixios que deixaron os primeiros poboadores na parroquia, tan estreitamente ligada aos territorios bretóns de Francia. "O que máis nos sorprendeu foi que viñese xente de fóra de Galicia e algunhas reaccións que deixaron plasmadas no libro de visitas", apunta o alcalde, avanzando que o propósito é o de achegar o museo aos nenos dos colexios de Galicia, un obxectivo no que comezarán a traballar "neste curso".

Ademais, Iglesias tamén anuncia que a Casa de Galocha estará totalmente rehabilitada nos vindeiros meses, lista para albergar unha sala adicada a exposicións ou charlas que poderá empregar calquera colectivo ou entidade. Esta súmase ás instalacións museísticas, abertas ao público de venres a luns, en horario de 10.00 a 18.00 horas e con entrada totalmente gratuíta. 

Comentarios