Máis de 400 persoas renderon homenaxe en Vilalba ao sacerdote José Gallego Vila

Os veciños das dez parroquias que atende fixeron este acto con motivo dos seus 50 anos en dúas delas

"O chegar é bonito, pero aguantarse tanto tempo ten o seu mérito. E máis bonito aínda é que te queiran despois de 50 anos", manifestou o párroco José Gallego Vila, natural de Riotorto, na homenaxe que se lle rendeu onte en Vilalba con motivo do seu medio século á fronte das parroquias vilalbesas de Árbol e Carballido.

Máis de 400 persoas quixeron acompañalo nun día tan especial e no que o acto central foi unha comida popular no restaurante Montero da capital chairega.

Alí déronse cita veciños e veciñas de todas as idades non só das mencionadas parroquias, senón tamén das outras oito que atende: as vilalbesas de Oleiros, Nete e San Xurxo de Rioaveso; Baltar e Pousada, na Pastoriza; Moncelos, en Abadín, e Goá e Santalla de Rioaveso, en Cospeito.

José Gallego manifestou sentirse "encantado" coa homenaxe, aínda que "cos pés na terra". Tamén recoñeceu a súa sorpresa pola cantidade de xente que acudiu á cita. "Sospeitaba que podía vir xente, botando a conta de que podían estar uns 30 veciños por parroquia, pero non esperaba tanta como foi ao final", afirmou.

Antes de iniciar o xantar, o homenaxeado fixo unha entrada triunfal, con ovación incluida, no salón de banquetes, acompañado polo grupo de música tradicional da asociación cultural e de veciños de Árbol. A continuación, xa na mesa presidencial, Gallego dirixiuse aos asistentes para agradecerlles a súa presenza e amosarlles o seu agarimo tras tantos anos traballando nas súas parroquias.

Na sobremesa, o homenaxeado recibiu de agasallo un reloxo gravado, unha réplica de Sargadelos da Torre dos Andrade e, como broma -é afeccionado ao Barça-, unha camiseta do Real Madrid.

No acto de homenaxe tamén estiveron presentes os alcaldes de Vilalba, Agustín Baamonde; de Abadín, José María López Rancaño, e da Pastoriza, Primitivo Iglesias.

Comentarios