martes. 22.09.2020 |
El tiempo
martes. 22.09.2020
El tiempo

Máis de 40 negocios participan na campaña Merca, Bule e Gaña co Comercio Local

Naveiras e Renda, na presentación da campaña de comercio do Nadal en Vilalba. EP
Naveiras e Renda, na presentación da campaña de comercio do Nadal en Vilalba. EP
O Concello de Vilalba e a asociación de empresarios Sete Pontes organizan esta iniciativa de dinamización do comercio local durante o Nadal, dotada cun premio de 1.500 euros

O concelleiro de comercio e turismo, Modesto Renda, e a representante de comercio da asociación de empresarios Sete Pontes, Antían Naveiras, presentaron este mércores o o concurso Merca, Bule e Gaña co Comercio Local, unha iniciativa de dinamización das compras na localidade durante o Nadal na que participan un total de 41 negocios.

O premio en xogo ascende a un total de 1.500 euros para destinar a compras gratuítas, que a persoa gañadora terá dúas horas para gastar no comercios asociados a Sete Pontes. A única condición é que non poderá sobrepasar os 250 euros por local, polo que terá que visitar un mínimo de seis. As compras faranse o día 11 de xaneiro e durante todo o proceso de compra estará acompañada por integrantes da organización que velarán polo cumprimento das normas.

Para entrar no sorteo será preciso facer compras superiores a 20 euros nun mínimo de sete negocios participantes. "Á hora de facer as súas compras, tan só lles pedimos aos clientes que lembren solicitarlle ao comerciante que sele o recadro do seu establecemento e que lle pida que grape o conseguinte tícket de compra na propia cuartilla", precisou Renda. Á súa vez, Naveiras remarcou a importancia de gardar a tarxeta de participación ata que teña os sete selos, para entón depositala "na urna de calquera dos establecementos asociados".

O concurso arrincaba na xornada deste mércores 11 e prolongarase ata o 4 de xaneiro, mentres que o gañador ou gañadora se dará a coñecer coincidindo coa Cabalgata de Reis de Vilalba. O concurso Merca, Bule e Gaña co Comercio Local enmárcase dentro da campaña En Vilalba, Comercio Local, impulsada por Sete Pontes co apoio do Concello vilalbés e de Caixa Rural Galega.

Máis de 40 negocios participan na campaña Merca, Bule e Gaña co...
Comentarios