Máis de 20 alumnos participan no curso co que se estrea o apiario didáctico de Muras

A Casa do Mel imparte esta xornada de iniciación á apicultura, que terá continuidade a vindeira fin de semana nas inmediacións da aldea de Carelle Grande
Prácticas do curso de iniciación impartido no apiario de Muras. M.ROCA
photo_camera Prácticas do curso de iniciación impartido no apiario de Muras. M.ROCA

O novo apiario didáctico que o Concello de Muras habilitou nas inmedacións da aldea etnográfica de Carelle Grande viviu esta fin de semana a súa estrea grazas á celebración dun curso de iniciación á apicultura que se encarga de impartir o persoal da Casa do Mel de Goente (As Pontes) ao longo de catro xornadas.

Esta actividade conta con 22 persoas inscritas, de idades moi diversas que van desde os 15 ata os 80 anos e de distintas procedencias, como Xermade, Vilalba, As Pontes, Ferrol e Betanzos, ademais de Muras.

Este curso de iniciación, de 20 horas de duración repartidas en catro días -as próximas sesións serán os vindeiros días 9 e 10-, conta cunha parte teórica e outra práctica, que se leva a cabo no novo apiario, que se estreou con sete colmeas, aínda que desde a Casa do Mel prevén chegar ás dez nos próximos días.

"Este curso está enfocado a xente que se inicia na apicultura ou que ten poucas abellas. Máis da metade da clase ten algunha colmea", explicou Isabel Goti, da Casa do Mel. Engadiu que nas sesións se abordan cuestións coma o tipo de colmea co que traballan, a bioloxía do enxame, os produtos da colmea ou a importancia do apicultor.

"Dáse unha pincelada de cada cousa. Despois darase máis teoría noutros cursos", indicou Isabel Goti, que avanzou que xa hai outras convocatorias previstas para celebrar tamén nas instalacións da aldea etnográfica de Carelle Grande.

Este curso está enfocado a xente que se inicia na apicultura

PRÓXIMAS CITAS. A cita máis inmediata será no mes de agosto, os días 5, 6, 7 e 19, en distintos horarios. Tratarase dun curso de perfeccionamento no que se abordarán "temas máis concretos, como a multiplicación, a cría de raíñas ou o pole", explica Goti.

Esta xornada formativa está subvencionada pola Xunta e para inscribirse é necesario facelo a través dun enlace do Goberno autonómico. "Poden chamarnos para informarse ou para que fagamos nós o trámite", asegura Isabel.

No calendario de formación que a Casa do Mel impartirá en Muras está previsto tamén un curso de nutrición o 11 de setembro, de dez horas e en horario de mañá e tarde, de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. Estará impartido polo veterinario Javier Fontaíña.

Está previsto tamén un curso de nutrición o 11 de setembro

As persoas interesadas en calquera destas actividades poden informarse chamando ao número de teléfono 661.00.36.16 ou enviando un correo electrónico a [email protected].

Comentarios