Máis de 120 nenos participaron nunha xornada de convivencia entre o Rácing Vilalbés e a ACD Piringalla

A traca final do campus será un partido benéfico este venres entre os veteranos do Vilalbés e do Santaballés, encontro no que se poderá entregar material escolar para o vindeiro curso
Participantes na xornada de convivencia, no Roca. S.IGLESIA
photo_camera Participantes na xornada de convivencia, no Roca. S.IGLESIA

A sexta edición do campus de tecnificación de fútbol do Rácing Club Vilalbés contou cunha xornada de convivencia entre os 54 nenos que participan no campamento do equipo chairego e outros 69 pequenos da ACD Piringalla, que compartiron xogadas e aprenderon de profesionais como Roberto Trashorras, o futbolista rabadense que apadriña esta cita por sexta vez e a quen os organizadores do campus lle agradecen que "sempre estea aí para facer as cousas máis sinxelas".

O campus arrancou o pasado luns e remata este venres, logo de realizar unha saída a Ribadeo este xoves, na que os participantes no campus do Vilalbés, todos con idades que van dos cinco aos 14 anos, poderán visitar a praia das Catedrais e o labirinto de Rinlo.

Os nenos disputaron pequenos partidos e aprenderon de profesionais. S.IGLESIA
Os nenos disputaron pequenos partidos e aprenderon de profesionais. S.IGLESIA

A traca final do venres, ademais da entrega de diplomas e recoñecementos aos participantes, será un partido benéfico entre os veteranos do Rácing Vilalbés e os do Santaballés. O encontro será no estadio Roca a partir das 20.00 horas e a entrada será libre, aínda que todo aquel que desexe aportar material escolar para entregar aos nenos que máis o necesiten o vindeiro curso, poderá achegalo.