"A maior seguridade dimana do civismo que caracteriza a Vilalba"

▶ José María Alonso Fernández, inspector xefe da Policía Local de Vilalba, chegou á capital chairega hai 24 anos. Un grupo "reducido pero cualitativamente bo" que viviu unha "paulatina profesionalización" e do que se despide coa súa prexubilación
Jose María Alonso. M.M.
photo_camera Jose María Alonso. M.M.

José María Alonso inicia unha nova etapa vital aos 61 anos, logo de pasar 24 exercendo como inspector xefe da Policía Local de Vilalba, un cargo que ostentou sempre, a ollos dos veciños, con amabilidade, respecto e suma tranquilidade.

Por que decidiu dar o paso de retirarse?
Aínda que perdo poder adquisitivo, decidín prexubilarme, sobre todo, porque considero que o máis valioso que temos na vida é a saúde e o tempo, que cada día queda menos.

Como recorda a súa chegada?
Cheguei a Vilalba inesperadamente, superando unha oposición libre na que participei como se fosen unhas olimpíadas nas que non tiña nada que perder, dado que xa era funcionario e profesor colaborador da Academia Galega de Seguridade (Agasp), e resultou que finalicei primeiro marcando distancias. Así que tiven que decidir moitos cambios en pouco tempo, mesmo paralizar a construción da miña casa de Ribadeo para poder comprar un piso usado en Vilalba. Era novo, e a xuventude adáptase facilmente. Incluso agora só lle vexo un defecto, que eu xa non pertenzo a ela.

Foi o seu primeiro destino como xefe. Que foi o que máis lle impresionou do posto?
E a que dificultades se enfrontrou? O que máis me impresionou foi a desmesurada burocracia. Semella paradoxal que cos avances tecnolóxicos implantados nas administracións, cada día se destine máis tempo á burocracia. As maiores dificultades derivan da escaseza de recursos e medios. Aínda que tampouco procede obviar outras dificultades inherentes a unha xefatura.

Cales cre que foron os cambios máis significativos?
A grandes liñas e en positivo, a paulatina profesionalización da Policía Local de Vilalba, o incremento das competencias e funcións e a evolución tecnolóxica. Como negativo, a merma dos recursos humanos. A pesar da miña insistencia para cubrir sen demora as prazas vacantes é un asunto inconcluso, cubríronse varias pero outras quedan en tramitación.

Como definiría o grupo de traballo que hai na Policía Local de Vilalba?
Considero que forman un grupo cuantitativamente reducido, pero cualitativamente bo. Deséxolles o mellor, tanto no ámbito profesional como persoal.

E a vila é, en liñas xerais, un lugar seguro?
As estatísticas así o seguen corroborando. Non obstante, aínda que a Policía Local de Vilalba colaborou na consecución dese obxectivo coas demais Forzas e Corpos de Seguridade e coa Administración de Xustiza, non podemos esquecer que constitúe un mérito colectivo, como sociedade, A maior seguridade dimana do civismo exemplar que caracteriza a Vilalba.

Pros e contras: "O mellor do noso traballo é poder axudar as persoas, é reconfortante; o peor é a faceta represiva"

Se tivese que quedar coa parte máis bonita do seu traballo, cal sería?
Xenericamente, a misión máis fermosa das Forzas e Corpos de Seguridade é traballar para garantir o exercicio dos dereitos e liberdades dos cidadáns, sempre en colaboración coa Administración de Xustiza que constitúe un piar fundamental do Estado que debemos preservar e prover. A seguridade e a liberdade, pásalles coma a saúde, non se estiman ben ata que se perden. A nivel máis concreto, de rúa, destacaría o servizo e atención directa ao cidadán, axudarlle en todo o que necesite. Axudar ás persoas é reconfortante.

E a peor?
A faceta represiva. Un obxectivo esencial de todas as Forzas e Corpos de Seguridade é cumprir e facer cumprir a lei, o cal conleva inexorablemente unha faceta represiva que pode resultar desagradable e incluso incomprendida nalgunhas ocasións. Non se pretenden conculcar os dereitos de ninguén, ao contrario, a nosa misión é garantilos. Considero que as potestades e prerrogativas das que se dotou a Policía deben aplicarse sempre con pleno sometemento a lei e ao Dereito, para non provocar indefensión do cidadán ou situacións inxustas. E en caso de dúbida sempre nos queda o sabio principio romano ‘In dubio pro reo’.

En máis de dúas décadas terá infinidade de anécdotas.
Lembro, tempo atrás, a detención de dous delincuentes armados e perigosos, porque pensaron que un policía local só na rúa, que os invitaba con esmerada educación e tranquilidade a subirse ao vehículo policial, non se atrevería a detelos e trasladalos directamente ao cuartel da Garda Civil, polo que accederon. A verdade, eu sabía que estaban en busca e captura, pero se coñecera a súa elevada perigosidade probablemente non lograría amosar a tranquilidade que os confundiu a eles. Así que, saíu ben por errores de apreciación de ámbalas dúas partes.

E hai algunha espiña cravada a nivel profesional?
Probablemente o que deixei de facer polas limitacións que che impoñen os escasos medios e recursos existentes.

Di que non podería desfrutar plenamente da súa xubilación sen significar o moito que lle debe a Vilalba. Que cre que é o que máis botará de menos?
Polas circunstancias comentadas, tomei posesión do cargo de inspector xefe con dúbidas, as cales se disiparon progresivamente a medida que ía coñecendo boas persoas e a un gran pobo, xenuíno, cunha idiosincrasia cautivadora. Non vai ser o único, pero seguro que as persoas serán o que máis lembre e bote de menos.

Xa sabe en que vai empregar o seu tempo agora?
De momento, ultimar trámites; despois desfrutar algo do inexorable paso do tempo, e a longo prazo non teño pensado facer moitos plans porque corren demasiado risco de quedar inconclusos.

Comentarios